O Concello de Muros celebra, en colaboración coa Deputación da Coruña, o Día do Teatro, coa representación gratuíta de “O porco de pé” o sábado 1 de abril

Teatro | O porco de pe

Día e hora: sábado 1 de abril, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Producións teatrais Excéntricas – “O Porco de pé”
Programa: Programación cultural da Excma. Deputación Provincial da Coruña

O sábado 1 de abril, ás 21:00 h, chega de novo ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Producións teatrais Excéntricas, co espectáculo, “O Porco de pé”, unha colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Muros e a propia compañía, coa intención de que a poboación poda celebrar o día do Teatro, que se conmemora o 27 de marzo.

O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.

Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. Descobreu que estaban entre NÓS! A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, tén hoxe máis vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, coma nunha lanterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.

A estrea mundial d’O PORCO DE PÉ foi o 31 de marzo de 2022 no Teatro Principal de Ourense. En menos dunha semana, cerca de 2.000 persoas aplaudiron o esforzo dos artistas, marabillados da capacidade de transformación e multiplicación que exhiben. Ao final, só saen tres a agradecer os aplausos, iso sí, que tres, pois o elenco está composto por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, mais polo escenario pasaron Madame Blavatski, o Elocuente Pregoeiro, o Porco Celidonio, Baldomero García, o Alfaite Nogueira, Dona Nicasia, O Doutor Alveiros, os cabezas parlantes Outeiriño e Forcadela, o Avogado Barbeito, Lolita Piné, os Siameses de Ventosela, Suso e Clodomiro, o Conde, a Venus Victrix, a Tenista Celidonia, Miguel Primo de Rivera, a Muller-Araña, o Demo, e máis.

A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois é unha habitual no noso espazo escénico, onde sempre colleitan reflexión, risas e aplausos.

Esta representación está incluída na programación cultural da Deputación da Coruña e as entradas son de balde, mais poden ser reservadas de xeito anticipado nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin, durante toda a semana.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a gozar do humor e bo facer artístico dos nosos convidados e agradece á compañía e á Deputación a deferencia de elixir Muros para esta celebración.


Talleres de Artesanía de Galicia en Muros

Días Europeos de la artesania 2023

Obradoiros gratuítos participativos para todas as idades co fin de achegarlle aos seus visitantes o saber facer dos profesionais do sector artesán galega e contribuír á difusión do valor engadido dos produtos artesanais.

NO MUIÑO DAS MAREAS DO POZO DE CACHON,
MUROS

30 e 31 de marzo, 1 e 2 de abril de 2023
Horario: 11:30 a 13:30 – 17:00 a 20:00 h


CAMPAMENTOS | Campamentos de Semana Santa

A concellería de servizos sociais e CIM Muros xunto co departamento de cultura e deportes do Concello de Muros en anunciar os próximos campamentos de Semana Santa que se levarán a cabo os días 3, 4 e 5 de abril en horario de 9 a 14 h.

Estes campamentos están deseñados para proporcionar unha experiencia emocionante e educativa para nenos e nenas. Coa chegada das vacacións escolares de Semana Santa, estes campamentos ofrecen unha oportunidade ideal para que os nenos e nenas gocen do seu tempo libre nun bo ambiente así como desenvolver novas habilidades e a fomentar a súa creatividade.

Para máis información:


TEATRO | “As que limpan”, de a Panadaría, no Centro Cultural de Muros o sábado 18 de marzo

Teatro - As que limpan

TEATRO EN FEMININO NO CENTRO CULTURAL DE MUROS, NO MES DA MULLER TRABALLADORA

Día e hora: sábado 18 de marzo, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – A Panadaría – “As que Limpan”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Entradas, 3,50 €. Reserva previa

O sábado 18 de marzo, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros o espectáculo, “As que Limpan”, que trata sobre un tema de xustiza social, a loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Escrito, dirixido e interpretado por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, A Panadaría, pois este equipo decide non querer traballar de xeito xerárquico; e esta obra tornouse especialmente asemblearia. Todas escriben, dirixen e interpretan tódalas personaxes, pois consideran que iso facilita que o importante sexa o que se conta.. Este espectáculo foi coproducido co Centro Dramático Nacional; e pode clasificarse coma comedia ou teatro documental

Un cartel colga do manubrio da habitación. “Por favor, arregle el cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son “as que limpan”, as invisibles que cargan ás súas costas un sistema turístico precarizador.
As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras.

As que limpan non fala só de traballadoras da limpeza, fala de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñamos cada día.

Neste espectáculo, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as tres tituladas en arte dramática e polifacéticas fundadoras de A Panadaría, formulan preguntas coma: ¿É posible revalorizar este traballo y desligalo do xénero? ¿Existe un turismo sostible? ¿Quen limpa a casa da limpadora?
Unha farsa hilarante e ao mesmo tempo reivindicativa da situación de explotación laboral que sofre este sector. Estas traballadoras, din, son a grande metáfora deste país, no que máis do 10% do seu PIB provén do turismo, en tanto se ve normal que máis do 99% das limpadoras sexan mulleres… E contra todo isto arremete esta compañía cun teatro cómico, popular, feminista e artesanal. Un teatro con escenografía mínima, ningún son gravado, un equipo integrado só por mulleres, con doses idénticas de acidez e humor, e que arrasan en cada espectáculo. En Muros xa puidemos gozar tamén do seu anterior traballo, “Elisa e Marcela”.

Esta función está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a todas as persoas de Muros a gozar con outra nova sesión de teatro, nesta ocasión unha obra cómica, a vez que reivindicativa, sobre un tema que non é alleo a ninguén, especialmente axeitado para a reflexión nun pobo turístico, (aínda non masificado), e durante un mes de marzo.

TEATRO | Os Monicreques de Kukas estrean “Viva Vivaldi (1, 2, 3 e catro estacións)” o sábado 11 no Centro Cultural de Muros

Día e hora: sábado 11 de marzo, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – OS MONICREQUES DE KUKAS – “VIVA VIVALDI (1, 2, 3 e catro estacións)”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

No ano 2023 conmemórase o 300 Aniversario de “As catro estacións”, de Vivaldi, que inspiran ao grupo Os Monicreques de Kukas para crear un espectáculo no que representan os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano con pequenas historias que valoran a importancia da amizade e das relacións afectivas e solidarias.

Unha pintora (Maruxa), unha escritora (Rosalía) e un músico (Antón) crearan un mundo fantástico e poético cunhas marionetas tratadas cunha paleta de cores brillantes e contrastados.

A autoría, o deseño, a escenografía e as marionetas, corresponden a Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas); a versión musical, interpretación de guitarra e espazo sonoro, a Rubén Barros Deschamps; o deseño de iluminación a Miguel Cabaleiro Saco; e a dirección corresponde a Isabel Rey Pousada.

Interpretada por tres grandes da manipulación de monicreques, Marián González Rodríguez, Larraitz Urruzola Tolosa e Marcelino de Santiago.

Con estes antecedentes a boca estásenos facendo auga e xa nos tarda esta estrea, para a que a concelleira de cultura de Muros, Mayka González, agradece ao grupo Os Monicreques de Kukas tiveran a deferencia de elixir Muros; e anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que gozarán moito desta fabulosa estrea e inspirador espectáculo.

Os Monicreques de Kukas é unha compañía de referencia en toda Galicia e fóra da Comunidade, e conta no seu haber cos galardóns:
Premio Galicreques 2021, Premio da Crítica de Galicia das Artes escénicas 2020, Premio da Cultura Galega das Artes escénicas 2019, Premio Xiria da MITCFC polo seu labor teatral 2019, Homenaxe de Titiricuenca e Asociación Amigos do Teatro de Cuenca 2019, Mención de Honor polo seu traballo no teatro de bonecos do CDTB – Festival de Títeres Bilbao 1997.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 2,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.


ENTROIDO 2023 | Concello de Muros

PROGRAMA DO 17 AO 24 DE FEBREIRO.
ENTROIDO 2023.
CONCELLO DE MUROS
.

17 | VENRES

16.00 h | FESTA DA MOCIDADE EN MUROS
Organiza Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia

20.30 h | FESTA DE ENTROIDO PARA MAIORES EN SEL

18 | SÁBADO

17.00 h | FESTA INFANTIL DE DISFRACES EN TAL
Centro Agro vello

23.00 h | FESTA EN MUROS
Organiza A. Praia do Castelo

19 | DOMINGO

17.00 h | CONCURSO DE COMPARSAS


Premios:
Categoría INDIVIDUAL: 200 € – 100 € – 50 € – 50 €
Categoría GRUPOS: 500 € – 250 € – 125 € – 100 €
Categoría COMPARSAS: 1.100 € – 600 € – 300 € – 150 €


EXHIBICIÓN DE DISFRACES TRADICIONAIS DE TOREA E ABELLEIRA
ACTUACIÓN DA CHARANGA TANTO NOS TÉN


Documentos:
BASES | INSCRICIÓNS | CONSTITUCIÓN DE GRUPO | COMPROMISO RESPONSABLE

20 | LUNS

17.00 h | FESTA INFANTIL DE DISFRACES EN ESTEIRO
Pavillón X. Lago. Colabora ANPA de Esteiro e A.C. O Xeito

17.00 h | FESTA INFANTIL DE DISFRACES EN SERRES
Pozo do Cachón – Colabora ANPA Valdexería

21 | MARTES

17.00 h | FESTA INFANTIL DE DISFRACES EN ABELLEIRA
Surribos. Coorganizan AC. A Ponte vella e AVV. a Ostreira

17.00 h | FESTA INFANTIL DE DISFRACES EN LOURO

C Social. Colaboran ANPA Agra de Filgueira e SC Monte Louro

22 | MÉRCORES

19.00 h | ENTERRO DO FACUNDO

24 | VENRES

17:00 h | FESTA INFANTIL DE DISFRACES EN TOREA
Casa Reitoral. Colaboran veciños de Torea

18.00 h | FESTA DE DISFRACES BIBLIOTECA DE MUROS en San Xosé


TEATRO | “As alumnas”, no Centro Cultural de Muros este sábado 4 de febreiro

Día e hora: sábado 4 de febreiro, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Culturactiva – “As Alumnas”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

O sábado 4 de febreiro, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centros Cultural de Muros o espectáculo, “As Alumnas”, que trata sobre os temas, xustiza social, memoria histórica, igualdade e resiliencia, tendo a educación coma tema central. Escrito por Paula Carballeira, dirixido por Fina Calleja e interpretado por Anabell Gago e Mónica Caamaño. Todo un luxo.

Mónica Camaño e Anabell Gago atópanse no pasamento da súa mestra, María Barbeito, e condúcennos por unha senda emocional que arrinca desde que se coñecen na escola antes da Guerra Civil ata os anos 70.
Un fermoso artefacto escénico dirixido a un público adulto, que trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento. As Alumnas busca facer un exercicio de re apropiación da realidade colectiva e individual, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade, creándose así un acto ético/ estético que se complementa coa participación de espectadores activos.

Esta representación está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolas persoas de Muros a gozar con outra nova sesión de teatro, nesta ocasión de corte social e cun estupendo reparto, dende a autoría ate a interpretación.


TEATRO | “A nova historia da cigarra e a formiga”, Teatro del Andamio, sábado 28 no Centro Cultural de Muros

Día e hora: sábado 28 de xaneiro, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – TEATRO DEL ANDAMIO – “A nova historia da Cigarra e a Formiga”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Quen non coñece a fábula da Cigarra e a Formiga? aquela, da cigarra preguiceira e da formiga traballadora. Mais Teatro del Andamio  cóntanos unha nova historia que comezou despois dunha noite de treboada, que fixo que todo mudara.

Mudou a vida da formiga, que vivía na saída de emerxencia do formigueiro coidando das flores e cantando as cancións que inventa en tanto ninguén a escoita. 

Cambiou a vida de Cigarra, que chega ao fermoso outeiro despois de vagar durante moito tempo buscando un lugar mellor para vivir en paz. Este encontro non vai ser doado, mais pouco a pouco vanse coñecendo e axudando unha á outra, aprendendo das experiencias de cadansúa… 

Esta tenra historia fala de ser quen de superar os medos ao descoñecido e de facer nas nosas vidas o que realmente desexamos, e da importancia do apoio mutuo, pois a Unión fai a forza. Valores que dende o departamento de cultura do Concello de Muros se consideraron moi axeitados para contribuír a celebración do Día da Paz e a non violencia, por iso a representación deste espectáculo  nestas datas; e a concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que ademais gozarán moito desta proposta, chea de contidos, colorido e música.

Teatro del Andamio, é unha compañía que nace en Coruña no ano 2001; e crea este espectáculo para participar no “Festival Internacional Vilnius Rampa” de Lituania en 2013, onde acada dous premios, nas categorías  de mellor vestiario e mellor música orixinal.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 2,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.


TEATRO | “Arraianos”, o novo espectáculo de Sarabela, sábado 21 no Centro Cultural de Muros

Día e hora: sábado 21 de xaneiro, 21:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros.
Actividade: Teatro – Sarabela Teatro – “Contos Arraianos”.
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
.
Entradas, 3,50 €. Reserva previa.

O sábado 21 de xaneiro, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Sarabela Teatro, co seu novo espectáculo, “Contos Arraianos”.

Un espectáculo do Autor Xosé Luís Méndez Ferrín, Dirección de Ánxeles Cuña Bóveda e no Elenco, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Elena Seijo, Sabela Gago, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Yukhnevich

Unha das obras fundamentais da literatura galega, levada a escena pola grande compañía Sarabela teatro. Unha suma de relatos que estremecen e fan reflexionar, ou, se acaso, fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria e a grandeza da alma e da vida.
A obra céntrase en dous contos, Medias Azuis e Lobosandaus.

En Medias Azuis, dous mozos (Fer González e Fran Lareu) van mocear con dúas irmás xémeas (Sabela Gago e Fina Calleja) de aparencia saudable e belida, dúas testemuñas (Elena Seijo e Fernando Dacosta) transfiren as súas emocións e perspectivas dos acontecementos. A promesa de namoro torna nunha situación arrepiante. A relación xira sobre o gozo e o pracer sexual, ou da burla, nunca da igualdade. A atmosfera é recreada por outra testemuña, o músico (Vadim Yukhevich) que interpreta a maldición circular na que a noite de brétema vai engulir aos mozos.

Lobosandaus conta a historia dun mestre (Fran Lareu) destinado, na segunda década do século pasado, na escola unitaria dunha aldea arraiana. O mozo mestre envía cartas ao seu tío -Penitenciario da Catedral de Ourense- durante o primeiro trimestre do curso. A través das letras desenvólvese unha trama de posesión onde se conxugan o telúrico e o erótico, o mundo e o inframundo, e onde o brillo do fantástico aniña nunha calidade atmosférica e nútrese da forza desatada polo desexo. Nos confíns arraianos de Lobosandaus, a racionalidade perde o seu asento e o mestre cae baixo o dobre feitizo dos aires remotos e da fermosa Dorinda (Fina Calleja), mentres o espírito do capador – anarquista e agrarista- Nicasio Remuñán, (Fernando Dacosta). que perdeu a cabeza por ela en vida, peregrina de corpo en corpo.

Sarabela teatro é unha das compañías teatrais máis consolidadas de Galicia. Leva trinta e seis anos de traballo continuado e incesante. Foi recoñecida con seis premios Compostela, corenta María Casares, cinco Fetén e premio dos espectadores no FIOT de Carballo, entre outros. Así mesmo é unha das compañías que nos visitan periodicamente aos amantes do teatro de Muros.

Esta función está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns maiores de doce anos a gozar desta marabillosa obra e compañía de teatro; e aproveita para adiantar que na vindeira semana será a quenda dos máis novos, coa representación da nova historia da Cigarra e a Formiga.

NADAL | ACTIVIDADES DE NADAL (do 26 ao 31 de decembro)

27, martes | 18.00 h 
Casa da Cultura | “A verdadeira historia de Hamelín” de Moc Moc. Reservas.

28, mércores
Sala Nasmo | “Torneo FIFA” a partir de 13 anos. Inscrición previa.

29, xoves | 17.00 h
Mercado | “Taller de maquillaxe e abalorios de Lixo Atelier” a partir de 13 anos. Inscrición previa.

30, venres | 17.00 h
Mercado | “Taller de estampación de camisetas e de beatbox” da Vella Escola. A partir de 13 anos. Inscrición previa.

31, sábado | A partir das 11.00 h 
“San Silvestre Muradana”. Serres Runners


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close