turismo_cabecera

TURISMO

TURISMO

Turismo

TURISMO

Este departamento ten como funcións principais:

  • Organizar visitas guiadas polo Concello, de xeito que cada un destes roteiros permita ás persoas visitantes coñecer o patrimonio histórico, artístico, natural e etnográfico do noso municipio.
  • Organización de exposicións no Muíño de Mareas e Sel.
  • Atención ás persoas visitantes.
  • Organizar actividades didácticas para os/as escolares.

Centro de interpretación do patrimonio marítimo de Sel

Situada á entrada do Conxunto Histórico, a carón do mar, trátase dunha edificación que, como sucedeu con moitas outras en Galicia, viviu a transformación das súas orixes como fábrica de salgado a posteriormente pasar a ser convertida en fábrica de conservas en 1894 polo cántabro D. Timoteo de Sel e a súa muller Da. Dolores Carranza y Cavices, empresa que mantivo a súa actividade ata o ano 1976.

O Centro de interpretación do patrimonio marítimo é un lugar onde comprende a longa vinculación histórica de Muros co mar a través do seu aproveitamento e coñecemento. Facendo o percorrido polas súas salas a persoa visitante coñecerá a actividade pesqueira en diferentes ámbitos, así como o seu desenvolvemento no descorrer da historia: a pesca, o marisqueo, os métodos de conservación, dende o primitivo salgado ata a conserva, a carpintería de ribeira…

Grazas ás cesións e á colaboración de persoas e asociacións sen ánimo de lucro o Centro de interpretación de Sel conta con varias exposicións permanentes:

      • Entre a salga e a conserva
      • A carpintería de ribeira
      • Dúas embarcacións
      • Maquetas de embarcacións
      • Lendas do mar
      • Naufraxios

O centro tamén ten en depósito varias exposicións temporais, co fin de ser prestadas a outros museos e centros culturais:

      • O secado do congro
      • O afumado da sardiña
      • Poemas do mar

O edificio tamén conta con sala de exposicións temporais que durante os meses de verán sempre conta con diversas exposicións, ademais nas xornadas de Muros Mira ao Mar, que xorden no ano 2004 co fin de exaltar a cultura mariñeira, todos os seus actos, conferencias, mesas redondas… das xornadas se fan no centro cultural de Sel.

Muíño de Mareas

O muíño de mareas o Pozo do Cachón, tamén coñecido como A Ponte dos Muíños está emprazado na Acea, Serres, e constitúe unha magnífica obra de enxeñería industrial que data da segunda década do século XIX, sendo un dos muíños de marea máis importantes de Europa. Foi mandando construír por D. Ignacio Pérez Bazarra, idea que lle xurdiu por resultar insuficientes os muíños de río existentes ata o momento, debido ao incremento no século XVIII do cultivo do millo e a diminución do caudal dos ríos da zona durante o verán.

Trátase dun bo exemplo de arquitectura que estaba a piques de desaparecer e foi rehabilitada por iniciativa do Concello no ano 1986, inda que as obras non comezaron ata o ano 1990, baixo proxecto do arquitecto D. Jesús Anaya Díaz.

Na actualidade ten a función de Centro Cívico e Cultural, a parte que corresponde ao muíño funciona como centro de interpretación de Muíños da Costa da Morte, converténdose en icona do Patrimonio etnográfico de Galicia, o edificio anexo como sala de exposicións temporais e ademais alberga restos arqueolóxicos do noso Concello: “Cista de Bicos de Lago” procedente da necrópoles de cistas de Bicos de Lago na parroquia de Abelleira, trátase dun enterramento prehistórico da Idade de Bronce (2500 – 1500 a. C) está formada por varias laxas, que delimitan un espazo rectangular, usado como sepultura, dúas laudas gremiais, unha peza granítica de forma circular que formaba parte da antiga “Fonte dos Picholos”, que presidía a praza do Concello, e fotografías nocturnas dos petróglifos de “Cova da Bruxa” e “Laxe das Rodas”.

O edificio está dotado de:

      • Recepción para poder recibir tanto a turistas como a grupos.
      • Unha moa de pedra facendo representación dos muíños que aquí existían.
      • Unha maqueta que reproduce tanto o exterior coma o interior do muíño tal e como sería cando este estaba en funcionamento.