BASES REGULADORAS SERVIZO MADRUGADORES CONCELLO DE MUROS PARA O CURSO ESCOLAR2026/27

O Servizo Municipal de Madrugadores é un programa de conciliación da vida laboral e familiar que se desenvolverá durante o curso escolar 2026/2027 nas instalacións do CEIP Plurilingüe de Louro, do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e do CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío. O seu obxectivo é facilitar a conciliación das familias con fillos e fillas escolarizados nestes centros, ofrecendo un servizo de atención antes do inicio da xornada lectiva para aquelas persoas que o precisen.

1. Destinatarios/as

O programa está dirixido ao alumnado matriculado nos CEIP Plurilingüe de Louro, CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío durante o curso escolar 2026/2027.

2. Número de participantes no servizo

  • Mínimo: 5 alumnos/as por centro educativo
  • Máximo: 30 alumnos/as por centro educativo

No caso de superar o número máximo de prazas realizarase un sorteo público.

3. Solicitude e prazo

As solicitudes de inscrición presentaranse, preferentemente, a través do formulario electrónico habilitado para tal fin. Tamén poderán presentarse mediante o Rexistro da sede electrónica do Concello de Muros (sede.muros.gal) ou a través dos rexistros de calquera administración pública integrada na plataforma de intercambio rexistral (SIR).

O prazo de solicitude de inscrición establécese do seguinte xeito:

  • Solicitude de inscrición: do 3 ao 21 de agosto de 2026.
  • As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do seguinte formulario dispoñible na seguinte ligazón:
    FORMULARIO DE INSCRICIÓN
  • Horario de presentación das solicitudes de xeito presencial no rexistro municipal: de 9.00 h a 14.00 h de luns a venres.
    FORMULARIO PRESENCIAL

Tipos de solicitude:

  • Poderá presentar unha solicitude individual ou múltiple para o suposto de irmáns/ás.

Como cubrir a solicitude:

  • Cada solicitante cubrirá unha solicitude.
  • A persoa solicitante será a nai, pai, titor ou titora legal.
  • A/as persoa/s participantes serán o alumnado matriculado nos CEIP Plurilingüe de Louro, CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío.

[+] BASES REGULADORAS

FORMULARIO DE INSCRICIÓN


O cine de rúa volverá este verán ás parroquias de Louro e Tal con dúas sesións gratuítas para toda a familia

O Concello de Muros continúa ampliando a súa programación cultural de verán coa celebración de dúas novas sesións de cine de rúa, unha proposta pensada para achegar o cinema ao aire libre ás parroquias do municipio e ofrecer alternativas de lecer para toda a familia.

As proxeccións forman parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña e terán lugar en Louro e Tal, con acceso libre e cadeiras habilitadas para o público asistente.

A primeira cita será o mércores 5 de agosto, ás 22:30 horas, no lugar de San Francisco (Louro), coa proxección de Buffalo Kids, unha película de animación que narra a aventura de dous irmáns que emprenden unha viaxe polo Oeste americano, descubrindo valores como a amizade, a superación e o traballo en equipo.

Ao día seguinte, o xoves 6 de agosto, tamén ás 22:30 horas, o cine de verán chegará a Cabanas (Tal) coa proxección de A galiña Turuleca, unha divertida historia protagonizada por unha galiña moi especial que transmite mensaxes de ilusión, confianza e amizade a través dunha proposta chea de humor e música.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que “o cine de rúa permite levar a programación cultural a diferentes espazos do municipio, favorecendo que veciñanza e visitantes poidan desfrutar de actividades gratuítas ao aire libre durante o verán”. A edil sinalou ademais que “estas sesións están pensadas para compartir en familia e converter os espazos públicos en lugares de encontro arredor da cultura”.

As dúas actividades son gratuítas e abertas ao público ata completar a capacidade do recinto.

Programación

• Mércores, 5 de agosto · 22:30 h
Buffalo Kids
San Francisco (Louro)

• Xoves, 6 de agosto · 22:30 h
A galiña Turuleca
Cabanas (Tal)


Muros volverá ser a capital da cultura mariñeira coa celebración de “Muros Mira ao Mar”

As XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar” volverán converter, do 10 ao 12 de xullo, o centro histórico e o porto de Muros nun gran espazo de encontro arredor da cultura mariñeira, cunha programación que combina música, patrimonio, tradición, gastronomía, teatro, artes de rúa e actividades para todos os públicos.

Durante tres días, veciñanza e visitantes poderán desfrutar do tradicional Mercado Mariñeiro, navegación en embarcacións tradicionais, visitas guiadas ao conxunto histórico, ao Porto e Lonxa e ao Museo do Mar, demostracións de oficios artesanais, obradoiros, exposicións, actividades infantís, faladoiros e showcookings que poñerán en valor o patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar.

A programación musical volverá ter un papel destacado no Curro da Praza coa actuación de Sés o venres 10 de xullo e de Tona o sábado 11, ambos concertos incluídos na Rede Cultural da Deputación da Coruña. O domingo 12 celebrarase o tradicional Festival Folclórico coa participación da AF Ximiela (Muros), a AC Rosalía de Castro (Teo) e a agrupación portuguesa Amendoeiras em Flor, fortalecendo os vínculos culturais entre Galicia e Portugal.

As artes escénicas tamén estarán presentes cunha programación de rúa integrada por propostas para todos os públicos, entre elas o espectáculo de maxia Flash, o teatro Hamelín, o espectáculo de circo Desastronauts, a representación Un mar de fala de Aquelando Teatro e a narración oral Costureiriña bonita, que levarán a animación a diferentes rúas e prazas da vila.

Unha nova edición de Muros Mira ao Mar que volverá reivindicar a identidade mariñeira da vila a través dunha programación diversa, participativa e aberta a toda a cidadanía.

PROGRAMA


Aberto o prazo para solicitar as subvencións deportivas do Concello de Muros no ano 2026

O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas a clubs deportivos e entidades sen ánimo de lucro do municipio para o desenvolvemento da súa actividade deportiva durante o ano 2026.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar a participación dos clubs deportivos en competicións oficiais federadas de ámbito local, provincial e autonómico, así como a realización de actividades de fomento da actividade física e do deporte no Concello de Muros.

Poderán solicitar estas subvencións os clubs deportivos sen ánimo de lucro con sede no Concello de Muros que conten con equipos ou deportistas participantes en competicións oficiais federadas, así como as entidades sen ánimo de lucro do municipio que desenvolvan actividades de promoción da actividade física e deportiva.

O importe total destinado á convocatoria ascende a 21.000 euros. A contía máxima da subvención será de 3.000 euros por entidade, sen que poida superar o 80 % dos gastos subvencionables.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por medios telemáticos a través da sede electrónica do Concello de Muros.

Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.

BASES XERAIS
CONVOCATORIA
FORMULARIOS


Zendaya e Robert Pattinson protagonizan “El drama”, a próxima estrea no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continuará a súa programación cinematográfica coa proxección de El drama, unha das estreas máis destacadas da tempada, protagonizada por Zendaya e Robert Pattinson.

Dirixida e escrita por Kristoffer Borgli, a película presenta unha historia que combina romance, drama e humor arredor dunha parella que se atopa ás portas do matrimonio. Emma e Charlie viven unha relación aparentemente perfecta e están a piques de celebrar a súa voda. Porén, unha inesperada revelación fará que todo o que crían saber un do outro se poña en cuestión, obrigándoos a enfrontarse a unha situación que cambiará por completo o rumbo da súa relación.

O filme explora as complexidades das relacións de parella, as expectativas e os segredos que poden saír á luz cando todo parece estar decidido. A través dunha combinación de emoción, ironía e tensión narrativa, El drama ofrece unha mirada contemporánea ás relacións persoais.

Xunto a Zendaya e Robert Pattinson, o reparto complétase con Alana HaimMamoudou Athie e Hailey Gates, entre outros intérpretes.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “seguimos traballando para ofrecer unha programación cinematográfica variada e actual, con títulos que están a espertar interese entre o público e que permiten achegar ao auditorio producións internacionais de primeiro nivel”. A edil engadiu que “a presenza de actores tan recoñecidos como Zendaya e Robert Pattinson converte esta película nunha proposta especialmente atractiva para os amantes do cinema”.

As sesións de El drama terán lugar nas seguintes datas:

• Venres, 19 de xuño ás 21:30 h
• Sábado, 20 de xuño ás 20:00 h e ás 22:00 h
• Domingo, 21 de xuño ás 19:30 h

As entradas poden adquirirse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.

Con esta nova proxección, o Concello de Muros continúa consolidando a programación de cine no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil, achegando ao público títulos de actualidade e producións de relevancia internacional.


Aberto o prazo para solicitar as bolsas para deportistas do Concello de Muros no ano 2026

O Concello de Muros vén de convocar as bolsas para deportistas do municipio correspondentes ao ano 2026.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar a práctica e o rendemento deportivo, contribuíndo ao perfeccionamento técnico dos deportistas e facilitando a súa participación en competicións e eventos deportivos oficiais.

Poderán solicitar estas bolsas os deportistas individuais residentes no Concello de Muros que practiquen deportes olímpicos ou disciplinas recoñecidas polo Comité Olímpico Internacional e que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

A contía máxima da bolsa será de 500 euros por deportista.

O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 11/06/2026 ao 11/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Muros.

Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.

Bases xerais
Convocatoria
Formularios


Aberto o prazo para solicitar as subvencións para actividades culturais no ano 2026

O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2026.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar o desenvolvemento de proxectos e actividades culturais no municipio de Muros promovidos polas entidades asociativas do concello.

Poderán solicitar estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas e rexistradas no Rexistro de Asociacións de Galicia, con sede e ámbito de actuación no Concello de Muros, que desenvolvan actividades culturais.

A contía máxima da axuda será de 1.500 euros por proxecto, debendo a entidade beneficiaria achegar un mínimo do 10 % do custo total da actividade subvencionada.

O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 10/06/2026 ao 10/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante os modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica e na páxina web municipal.

Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.

Bases xerais
Convocatoria
Formularios


Aberto o prazo para solicitar as subvencións ás ANPAs para actividades de apoio educativo no ano 2026

O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (ANPA) dos centros públicos do municipio para a realización de actividades de apoio educativo durante o ano 2026.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar o desenvolvemento de proxectos e actividades que contribúan á formación integral do alumnado e favorezan a conciliación da vida familiar e laboral.

Poderán solicitar estas subvencións as ANPAs dos centros de educación pública do Concello de Muros, legalmente constituídas e sen ánimo de lucro, que desenvolvan actividades educativas e de apoio ao alumnado no ámbito municipal.

A contía máxima da axuda será de 2.000 euros por proxecto, debendo a entidade beneficiaria achegar un mínimo do 10 % do custo total da actividade subvencionada.

O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 10/06/2026 ao 10/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante os modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica e na páxina web municipal.

Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.

Bases xerais

Convocatoria

Formularios


O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros celebra o primeiro aniversario da recuperación do cine cunha proxección especial de “Casablanca”

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros celebrará o primeiro aniversario da recuperación da programación cinematográfica cunha proxección moi especial: Casablanca, unha das películas máis emblemáticas da historia do cine.

O filme poderá verse o sábado 13 de xuño ás 20:00 e ás 22:00 horas e o domingo 14 de xuño ás 19:30 horas, nunha fin de semana dedicada a conmemorar un ano de cine estable no auditorio municipal.

Dirixida por Michael Curtiz e estreada en 1942, Casablanca converteuse nun clásico universal do cinema. Ambientada durante a Segunda Guerra Mundial na cidade marroquí de Casablanca, a película narra a historia de Rick Blaine, propietario dun café frecuentado por refuxiados que buscan escapar da guerra, cuxa vida cambia coa chegada dun antigo amor, Ilsa Lund. Protagonizada por Humphrey Bogart e Ingrid Bergman, a obra é considerada unha das grandes referencias da historia do cine pola súa combinación de romance, drama e contexto histórico.

Durante este primeiro ano de programación cinematográfica, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros recibiu a máis de 4.000 espectadores, consolidándose como un espazo de referencia para a exhibición audiovisual na comarca. Ao longo destes meses proxectáronse máis de 40 películas, incluíndo producións galegas, estatais e internacionais, así como cinema familiar, documentais, estreas comerciais e títulos de especial interese cultural.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “a resposta do público ao regreso do cine foi extraordinaria. Máis de catro mil persoas pasaron polo auditorio neste primeiro ano, demostrando que existía unha demanda real por recuperar este servizo cultural”. A edil engadiu que “queriamos celebrar esta data cunha película que forma parte da memoria colectiva do cinema mundial e que representa a capacidade que teñen as grandes historias para seguir emocionando xeración tras xeración”.

As entradas para as diferentes sesións estarán dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.


ANUNCIO DA LISTA DEFINITIVA DE PERSOAS SOLICITANTES ADMITIDAS NOS PROGRAMA DE CONCILIA VERÁN 2026

A alcaldía deste concello mediante resolución 513/2026 adoptou os seguintes acordos:

PRIMEIRO. Aprobar a lista definitiva de persoas solicitantes admitidas e en reserva no Programa
Concilia Verán 2026, que figura como Anexo I desta resolución.

SEGUNDO. Establecer que as persoas admitidas deberán aceptar a praza e presentar a
documentación requirida no prazo máximo de 2 días naturais desde a publicación da listaxe. No
caso de non cumprir este prazo, entenderase que renuncian á praza, procedéndose ao
chamamento das persoas que figuren na lista de reserva, pola orde correspondente.

TERCEIRO. A documentación deberá presentarse no correo electrónico concilia@muros.gal,
sendo a seguinte:
Libro de familia e DNI do pai, nai ou persoa titora legal; tarxeta sanitaria da persoa menor; vida
laboral de ambos proxenitores ou da persoa proxenitora no caso de familias
monoparentais/monomarentais; e, de ser o caso, certificado acreditativo do grao de diversidade
funcional.