TEATRO | Os Monicreques de Kukas estrean “Viva Vivaldi (1, 2, 3 e catro estacións)” o sábado 11 no Centro Cultural de Muros

Día e hora: sábado 11 de marzo, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – OS MONICREQUES DE KUKAS – “VIVA VIVALDI (1, 2, 3 e catro estacións)”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

No ano 2023 conmemórase o 300 Aniversario de “As catro estacións”, de Vivaldi, que inspiran ao grupo Os Monicreques de Kukas para crear un espectáculo no que representan os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano con pequenas historias que valoran a importancia da amizade e das relacións afectivas e solidarias.

Unha pintora (Maruxa), unha escritora (Rosalía) e un músico (Antón) crearan un mundo fantástico e poético cunhas marionetas tratadas cunha paleta de cores brillantes e contrastados.

A autoría, o deseño, a escenografía e as marionetas, corresponden a Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas); a versión musical, interpretación de guitarra e espazo sonoro, a Rubén Barros Deschamps; o deseño de iluminación a Miguel Cabaleiro Saco; e a dirección corresponde a Isabel Rey Pousada.

Interpretada por tres grandes da manipulación de monicreques, Marián González Rodríguez, Larraitz Urruzola Tolosa e Marcelino de Santiago.

Con estes antecedentes a boca estásenos facendo auga e xa nos tarda esta estrea, para a que a concelleira de cultura de Muros, Mayka González, agradece ao grupo Os Monicreques de Kukas tiveran a deferencia de elixir Muros; e anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que gozarán moito desta fabulosa estrea e inspirador espectáculo.

Os Monicreques de Kukas é unha compañía de referencia en toda Galicia e fóra da Comunidade, e conta no seu haber cos galardóns:
Premio Galicreques 2021, Premio da Crítica de Galicia das Artes escénicas 2020, Premio da Cultura Galega das Artes escénicas 2019, Premio Xiria da MITCFC polo seu labor teatral 2019, Homenaxe de Titiricuenca e Asociación Amigos do Teatro de Cuenca 2019, Mención de Honor polo seu traballo no teatro de bonecos do CDTB – Festival de Títeres Bilbao 1997.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 2,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.