O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o vindeiro sábado, 28 de marzo ás 18:00 horas o espectáculo “Galerock & Magic”, unha proposta do Mago Teto que combina música, humor e maxia nunha viaxe pola historia da música galega.
Neste espectáculo, o público poderá gozar dun percorrido que vai desde o rock do Xabarín Club, que marcou a toda unha xeración, ata os grupos actuais que están levando de novo a música galega ao máis alto. Unha viaxe que pasa tamén polo rock galego dos anos 80 e 90, con referencias a bandas como Siniestro Total ou Los Suaves, e polo movemento bravú, ata chegar ás novas sonoridades do século XXI.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o sábado 14 de marzo o espectáculo A penúltima, do humorista galego Carlos Blanco, unha das figuras máis recoñecidas da comedia en Galicia.
Debido á gran demanda do público, a concellería de Cultura programará unha segunda función o mesmo día ás 22:30 horas, permitindo que máis persoas poidan asistir ao espectáculo.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “debido á gran demanda e escoitando á veciñanza decidimos programar un novo pase, para que máis persoas teñan a oportunidade de gozar do espectáculo de Carlos Blanco en Muros”.
En A penúltima, Carlos Blanco presenta un monólogo no que mestura historias novas con outras xa coñecidas do seu repertorio, sempre coa retranca e o humor que o caracterizan. Un espectáculo directo e próximo ao público no que, durante uns 70 minutos, as risas están garantidas.
Venda de entradas
As entradas para esta nova función poñeranse á venda o venres 6 de marzo ás 9:00 horas.
A programación combina un thriller político premiado en Cannes cunha proposta familiar de aventura e fantasía.
As sesións terán lugar entre o venres e o domingo no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica cunha fin de semana que combina cinema de autor internacional e proposta familiar coa proxección de O axente secreto e Frankie y los monstruos.
El agente secreto, dirixida por Kleber Mendonça Filho, trasládanos ao Brasil de 1977 para seguir a historia de Marcelo, un home cun pasado misterioso que tenta atopar refuxio mentres busca reencontrarse co seu fillo. O filme foi premiado en Cannes a mellor dirección e mellor actor (Wagner Moura) e conta con catro nominacións aos Óscar. Poderá verse o venres e sábado ás 20:30 horas e o domingo ás 19:00 horas.
Para o público familiar, Frankie y los monstruos ofrece unha aventura chea de humor e fantasía ambientada nun castelo-laboratorio, cun pequeno heroe que loita por demostrar que ser diferente é tamén unha fortaleza. As sesións serán o sábado e domingo ás 17:00 horas.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “seguimos apostando por unha programación diversa, con propostas para público adulto e familiar”.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o próximo fin de semana, sábado 28 de febreiro ás 20:30 horas, a representación de Vitória, unha peza de teatro autobiográfico escrita e protagonizada por Iria Pinheiro.
A obra constrúe o retrato dunha denuncia e reconstrúe o proceso xudicial iniciado pola actriz tras interpoñer unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. A través dun dispositivo escénico que combina documentación xudicial real co xogo e a ironía propios do cabaré, a peza percorre os anos comprendidos entre 2017 e 2023.
Con 75 minutos de duración e dirixida a público maior de 16 anos, Vitória sitúase no marco do foco dedicado ás creadoras de escena e constitúe unha proposta que aborda cuestións como a violencia, a exposición pública e a resistencia persoal desde a linguaxe teatral contemporánea.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “Vitória é unha peza necesaria que demostra como o teatro pode converterse nun espazo de reflexión e tamén de reparación”. A edil subliñou que “apostar por propostas como esta reforza a nosa vontade de manter unha programación cultural diversa, comprometida e de calidade”.
As entradas teñen un prezo de 4 euros e poden adquirirse na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
Debido ao aprazamento do Concurso de Comparsas do Concello de Muros para o domingo 22 de febreiro, ábrese un novo prazo de inscrición ata as 14:00 horas do mércores 18 de febreiro.
Poderán inscribirse persoas a título individual, grupos e comparsas.
As persoas e colectivos que xa estaban inscritos no concurso manteñen automaticamente a súa inscrición para a nova data.
As solicitudes poden presentarse no rexistro xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou polos medios previstos na normativa vixente.
As sesións terán lugar do 20 ao 22 de febreiro no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
A programación combina comedia para público adulto e animación familiar
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá do 20 ao 22 de febreiro unha nova fin de semana de cinema cunha dobre proposta dirixida a públicos diversos, coa proxección de Aída y vuelta e Como cabras (GOAT).
“Aída y vuelta”, dirixida por Paco León e protagonizada por parte do elenco da coñecida serie, sitúa a acción no rodaxe dun episodio da ficción televisiva, combinando as tramas dos personaxes co que acontece fóra da cámara. A película propón unha reflexión en clave de comedia sobre os límites do humor, o traballo do cómico e o impacto da fama, mantendo o ton irreverente que caracterizou a serie. As sesións terán lugar o venres 20 e sábado 21 de febreiro ás 20:30 horas, e o domingo 22 ás 19:00 horas. A película non está recomendada para menores de 12 anos.
Para o público infantil e familiar, o auditorio proxectará “Como cabras (GOAT)”, unha aventura de animación que conta a historia de Will, unha pequena cabra que recibe a oportunidade de xogar ao rugebol profesional, un deporte de alta intensidade dominado polos animais máis fortes e rápidos. Un relato cheo de humor, ritmo e valores como a amizade, o esforzo e a superación. As sesións celebraranse o sábado 21 e domingo 22 de febreiro ás 17:00 horas.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “esta programación permite ofrecer cine para distintos públicos na mesma fin de semana, combinando unha proposta para adultos cunha película familiar pensada para compartir”.
As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
A comisión das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, reunida o 5 de febreiro, acordou por unanimidade que as datas de celebración da edición de 2026 serán os días 10, 11 e 12 de xullo.
Este acordo supón o primeiro paso para iniciar os traballos de organización e planificación dun dos eventos culturais máis destacados do calendario muradán, permitindo avanzar na coordinación coas entidades e asociacións.
A Concellería de Cultura do Concello de Muros publicou as bases reguladoras e a convocatoria do Concurso de Comparsas do Entroido 2026, unha das citas máis destacadas da programación do Entroido municipal.
O concurso celebrarase o domingo 15 de febreiro de 2026 e repartirá máis de 3.500 euros en premios, con categorías para disfraces individuais, grupos, comparsas, carrozas e murgas/coplas.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, animou á veciñanza a sumarse ao certame e destacou que “o concurso de comparsas é un dos momentos máis esperados do Entroido, unha festa feita para participar, crear e compartir”. “Convidamos a toda a veciñanza, asociacións e grupos de amigos e amigas a participar e a encher as rúas de imaxinación e humor”.
Inscricións
O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de febreiro de 2026 ás 14:00 horas. Poderán participar entidades, grupos non constituídos legalmente e persoas a título individual.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Muros, a través da sede electrónica municipal ou polos medios previstos na normativa vixente.
● A proposta combina monicreques, conto e burbullas nun espectáculo pensado para público infantil e familiar ● A función terá lugar este sábado, 7 de febreiro, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
A Concellería de Cultura do Concello de Muros continúa coa programación de artes escénicas coa chegada do espectáculo familiar El professor Bromera, da compañía catalá Cía. MeLaBuffa, que se representará este sábado, 7 de febreiro, ás 18:00 horas, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
“El professor Bromera” é unha proposta de monicreques e burbullas dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos. Nun laboratorio cheo de luz e misterio, un científico entrañable convida a descubrir un mundo invisible onde a auga e o xabón crean formas sorprendentes. A través dun conto con voces e monicreques, o público participa nunha experiencia colectiva chea de imaxinación, xogo e poesía visual.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “El professor Bromera é un espectáculo pensado para compartir en familia, que combina diversión e creatividade cunha linguaxe visual moi coidada”. “Dende a Concellería seguimos apostando por achegar propostas de calidade ao público infantil e familiar, favorecendo o acceso á cultura desde as primeiras idades”, engadiu.
A función terá unha duración aproximada de 55 minutos e o prezo da entrada será de 3 euros.
Información práctica
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros Sábado, 7 de febreiro | 18:00 h Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entroido celebrarase entre o 4 e o 21 de febreiro con actividades en distintas parroquias do concello
O concurso de comparsas repartirá máis de 3.500 euros en premios e haberá festa de Entroido baixo carpa con DJ
A concellería de Cultura do Concello de Muros presentou o programa do Entroido 2026, unha ampla e diversa proposta de actividades que se desenvolverán entre os días 4 e 21 de febreiro en diferentes puntos do municipio, coa colaboración de asociacións culturais, ANPAS e colectivos veciñais.
O programa inclúe obradoiros, contacontos, festas infantís de disfraces, música, festas populares e actos tradicionais, e ten como citas destacadas o desfile e concurso de comparsas de Muros, que repartirá máis de 3.500 euros en premios, así como a festa nocturna de Entroido baixo carpa con DJ, que se celebrará no Curro da Praza. Dúas propostas que reforzan o carácter festivo do Entroido e consolidan Muros como un referente comarcal desta celebración.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, sinalou que “o Entroido é unha das festas máis participativas e esperadas do ano, e este programa busca implicar a toda a veciñanza, chegando a distintas parroquias e apostando tanto polo público infantil como polo adulto”. González Cerviño destacou tamén que “o concurso de comparsas e as festas son dous momentos clave do Entroido en Muros, pensados para dinamizar e favorecer a convivencia arredor da cultura e da tradición”.
Programa do Entroido 2026
Mércores, 4 de febreiro 18:00 h · Obradoiro de máscaras de Entroido Axencia de Lectura de Esteiro
Mércores, 11 de febreiro 18:00 h · Contacontos Flipa cos contos, con Fran Campos Axencia de Lectura de Esteiro
Venres, 13 de febreiro 18:00 h · Festa infantil de disfraces Centro de Sorribos (Abelleira) Colabora: AC Ponte Vella
Sábado, 14 de febreiro 17:00 h · Entroido Esteirán Saída da rotonda de Creo e, ao remate, chocolate con churros na Alameda de Esteiro Organiza: AC O Xeito
23:00 h · Festa de Entroido con DJ baixo carpa Curro da Praza (Muros)
Domingo, 15 de febreiro 17:00 h · Desfile e concurso de comparsas de Muros Saída dende a Virxe do Camiño e chegada ao Curro da Praza Actuación: La Maquinaria Band
Luns, 16 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces Pavillón As Insuas (Serres) Colabora: ANPA Valdexería
17:00 h · Festa infantil de disfraces Pavillón Xosé Lago (Esteiro) Colabora: ANPA Ricardo Tobío
Martes, 17 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces Centro Social de Louro Colabora: ANPA Louro e SC Monte Louro
Mércores, 18 de febreiro 17:00 h · Enterro do Facundo Saída dende a Praza do Cristo e queima na praia do Castelo Actuación: La Maquinaria Band
Venres, 20 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces da biblioteca Centro San Xosé (Muros)
Sábado, 21 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces Centro Agrovello (Tal) Colabora: ACRD Cabanas