TEATRO | “As que limpan”, de a Panadaría, no Centro Cultural de Muros o sábado 18 de marzo

TEATRO EN FEMININO NO CENTRO CULTURAL DE MUROS, NO MES DA MULLER TRABALLADORA

Día e hora: sábado 18 de marzo, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – A Panadaría – “As que Limpan”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Entradas, 3,50 €. Reserva previa

O sábado 18 de marzo, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros o espectáculo, “As que Limpan”, que trata sobre un tema de xustiza social, a loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Escrito, dirixido e interpretado por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, A Panadaría, pois este equipo decide non querer traballar de xeito xerárquico; e esta obra tornouse especialmente asemblearia. Todas escriben, dirixen e interpretan tódalas personaxes, pois consideran que iso facilita que o importante sexa o que se conta.. Este espectáculo foi coproducido co Centro Dramático Nacional; e pode clasificarse coma comedia ou teatro documental

Un cartel colga do manubrio da habitación. “Por favor, arregle el cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son “as que limpan”, as invisibles que cargan ás súas costas un sistema turístico precarizador.
As que limpan fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras.

As que limpan non fala só de traballadoras da limpeza, fala de mulleres e do chan mollado sobre o que camiñamos cada día.

Neste espectáculo, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as tres tituladas en arte dramática e polifacéticas fundadoras de A Panadaría, formulan preguntas coma: ¿É posible revalorizar este traballo y desligalo do xénero? ¿Existe un turismo sostible? ¿Quen limpa a casa da limpadora?
Unha farsa hilarante e ao mesmo tempo reivindicativa da situación de explotación laboral que sofre este sector. Estas traballadoras, din, son a grande metáfora deste país, no que máis do 10% do seu PIB provén do turismo, en tanto se ve normal que máis do 99% das limpadoras sexan mulleres… E contra todo isto arremete esta compañía cun teatro cómico, popular, feminista e artesanal. Un teatro con escenografía mínima, ningún son gravado, un equipo integrado só por mulleres, con doses idénticas de acidez e humor, e que arrasan en cada espectáculo. En Muros xa puidemos gozar tamén do seu anterior traballo, “Elisa e Marcela”.

Esta función está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a todas as persoas de Muros a gozar con outra nova sesión de teatro, nesta ocasión unha obra cómica, a vez que reivindicativa, sobre un tema que non é alleo a ninguén, especialmente axeitado para a reflexión nun pobo turístico, (aínda non masificado), e durante un mes de marzo.