TEATRO | “A nova historia da cigarra e a formiga”, Teatro del Andamio, sábado 28 no Centro Cultural de Muros

Día e hora: sábado 28 de xaneiro, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – TEATRO DEL ANDAMIO – “A nova historia da Cigarra e a Formiga”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Quen non coñece a fábula da Cigarra e a Formiga? aquela, da cigarra preguiceira e da formiga traballadora. Mais Teatro del Andamio  cóntanos unha nova historia que comezou despois dunha noite de treboada, que fixo que todo mudara.

Mudou a vida da formiga, que vivía na saída de emerxencia do formigueiro coidando das flores e cantando as cancións que inventa en tanto ninguén a escoita. 

Cambiou a vida de Cigarra, que chega ao fermoso outeiro despois de vagar durante moito tempo buscando un lugar mellor para vivir en paz. Este encontro non vai ser doado, mais pouco a pouco vanse coñecendo e axudando unha á outra, aprendendo das experiencias de cadansúa… 

Esta tenra historia fala de ser quen de superar os medos ao descoñecido e de facer nas nosas vidas o que realmente desexamos, e da importancia do apoio mutuo, pois a Unión fai a forza. Valores que dende o departamento de cultura do Concello de Muros se consideraron moi axeitados para contribuír a celebración do Día da Paz e a non violencia, por iso a representación deste espectáculo  nestas datas; e a concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que ademais gozarán moito desta proposta, chea de contidos, colorido e música.

Teatro del Andamio, é unha compañía que nace en Coruña no ano 2001; e crea este espectáculo para participar no “Festival Internacional Vilnius Rampa” de Lituania en 2013, onde acada dous premios, nas categorías  de mellor vestiario e mellor música orixinal.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 2,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close