TEATRO | “Unha inimiga do pobo” de Talía Teatro

Sábado, 9 de marzo ás 20.30 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada: 5,00 €
Reservas: https://forms.gle/s7comoMKgpYw7obM7

A compra de entradas por adiantado tamén se pode realizar nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros en horario de 8.00 a 15.00 h

Sobre “Unha inimiga do pobo”:

“Unha Inimiga do pobo” é unha adaptación contemporánea dunha destacada obra de Henrik Ibsen que, despois de cento coarenta anos, continúa a ser un vehículo inflamable para denunciar políticas que priorizan beneficios económicos sobre a saúde pública. A historia, ambientada na Galicia actual, aborda temas como a desinformación, os riscos das maiorías absolutas, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal nun contexto hostil onde as emocións humanas están sometidas á máxima presión. A peza serve como paradigma do teatro social, proporcionando un espazo de reflexión sobre as contradicións e problemáticas da sociedade contemporánea. A través da adaptación, sitúase na órbita do xigante Ibsen para crear un espectáculo crítico e lúdico que convida á audiencia a reflexionar sobre o mundo actual. A protagonista, Helena, unha doutora embarazada de cinco meses, regresa á súa vila natal co proxecto dun balneario sustentable.

A inesperada contaminación das augas e a loita de Helena por protexer a saúde pública fronte aos intereses económicos levan á comunidade a cuestionar a súa perspectiva, poñendo en risco a prosperidade colectiva.

Elenco artístico:

Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala