TEATRO | “Cigarreiras”, de Contraproducións, o sábado 26 no Centro Cultural De Muros

O sábado 26 de marzo, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Contraproducións, co seu espectáculo, “Cigarreiras”.

Día e hora: sábado 26 de marzo, 21:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros.
Actividade: Teatro – Contraproducións – “Cigarreiras”.
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

Un espectáculo Baseado en La Tribuna de Emilia Pardo Bazánadaptado para teatro e dirixido por Cándido Pazó; e no elenco con  Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola

Unha proposta dramatúrxica audaz que, con sete actrices en escena, conxuga o tono propio dun drama individual e colectivo como La Tribuna, con outros máis frescos e lixeiros, mesmo cómicos por momentos, tan característicos da narrativa de Emilia Pardo Bazán.

Un texto que aborda ante unhas figuras (a de Pardo Bazán e a das cigarreiras), unhas situacións e unhas referencias históricas de marcado interés cultural. Figuras, situacións e referencias que dan pé a tratar temas totalmente vivos hoxe en día: memoria colectiva, perspectiva de xénero, dialéctica de modelos sociais e políticos… Temas que, ao fío dos vivos e brilantes argumentos aportados pola escritora e a súa novela, poden suscitar un grandísimo interés na sociedade actual, representada no teatro polo público.

Contraproducións é unha empresa galega dedicada á creación e distribución de espectáculos escénicos, conducida por Cándido Pazó, un dos principais autores e directores teatrais da escena galega actual, que para esta produción contou coa colaboración de teatre Romea, Histrión teatro e Encaro factory. O espectáculo foi estreado o pasado outono no teatro Rosalía de Coruña, foi premio do público no Fiot de Carballo e agora regresa a Galicia despois dunha xira por España, na que actuaron en teatros de tanto prestixio coma o Arriaga de Bilbao, acadando en cada función un grande éxito de público e crítica.

Esta representación está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 5,00 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a gozar coas nosas convidadas, nesta excepcional sesión de teatro para público adulto.