O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continuará a súa programación cinematográfica coa proxección de El drama, unha das estreas máis destacadas da tempada, protagonizada por Zendaya e Robert Pattinson.
Dirixida e escrita por Kristoffer Borgli, a película presenta unha historia que combina romance, drama e humor arredor dunha parella que se atopa ás portas do matrimonio. Emma e Charlie viven unha relación aparentemente perfecta e están a piques de celebrar a súa voda. Porén, unha inesperada revelación fará que todo o que crían saber un do outro se poña en cuestión, obrigándoos a enfrontarse a unha situación que cambiará por completo o rumbo da súa relación.
O filme explora as complexidades das relacións de parella, as expectativas e os segredos que poden saír á luz cando todo parece estar decidido. A través dunha combinación de emoción, ironía e tensión narrativa, El drama ofrece unha mirada contemporánea ás relacións persoais.
Xunto a Zendaya e Robert Pattinson, o reparto complétase con Alana Haim, Mamoudou Athie e Hailey Gates, entre outros intérpretes.
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “seguimos traballando para ofrecer unha programación cinematográfica variada e actual, con títulos que están a espertar interese entre o público e que permiten achegar ao auditorio producións internacionais de primeiro nivel”. A edil engadiu que “a presenza de actores tan recoñecidos como Zendaya e Robert Pattinson converte esta película nunha proposta especialmente atractiva para os amantes do cinema”.
As sesións de El drama terán lugar nas seguintes datas:
• Venres, 19 de xuño ás 21:30 h
• Sábado, 20 de xuño ás 20:00 h e ás 22:00 h
• Domingo, 21 de xuño ás 19:30 h
As entradas poden adquirirse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
Con esta nova proxección, o Concello de Muros continúa consolidando a programación de cine no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil, achegando ao público títulos de actualidade e producións de relevancia internacional.
