TEATRO | Sábado 30 de abril representación do espectáculo “AIBÔ”, no Centro Cultural de Muros

Aibō é a ópera prima da Compañía Eléctrica, unha peza teatral para público infantil e familiar con Iria Pinheiro e Areta Bolado (A Panadaría) en escena. 

Día e hora: sábado 30 de abril, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Compañía Eléctrica – “Aibô”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Aibō significa compañeir@ en xaponés, esta é a palabra que mellor se axusta para definir unha fábula inspirada na Carapuchiña Vermella. Trátase dunha visión diferente do conto popular que pretende dar unha ollada positiva sobre a nosa relación coa natureza e tamén sobre o trato que temos con outros seres diferentes a nós. Unha celebración da diversidade.

Aínda que a Compañía é de nova creación o elenco está formado por expertas e versátiles actrices, Areta Bolato e Iria Pinheiro; a autora é tamén Iria Pinheiro e a música é de Paulo Pascual (Modulador de Ondas)

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 2,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que gozarán deste magnífico espectáculo, e aproveita para animar así mesmo a participar no contacontos que terá lugar o día anterior, venres 29, tamén ás 18:00 na Biblioteca de Muros, “contos da pota”, e ao público en xeral a participar na pequena mostra de teatro amador e escolar “MOSTRA DE TEATRO XOSÉ AGRELO”, que se retoma despois de dous anos de interrupción e se alongará ate o 21 de maio, mais nesta edición aínda non se realizarán espectáculos de e para escolares de infantil e primaria, aínda así poderemos gozar dos espectáculos en cartel dos grupos de teatro amador do municipio e unha pequena mostra de grupos do resto de Galicia.