EducaTeatro Producións, creadora tamén dos exitosos musicais ‘Carapuchiña Vermella’, “Os tres porquiños” e “O mundo máxico de Pinocho”, cos que xa estiveron en outras tempadas neste mesmo espazo, achégase de novo a deleitarnos con ‘O Camiño de Santiago”, o sábado, 16 de outubro, ás 18:00 h. Un musical infantil, destinado a público familiar co que o Concello de Muros quixo comezar a tempada de teatro familiar do Centro cultural.
O camiño de Santiago é a historia de Santiago e Mariña, dous irmáns que non xogan xuntos, pero que aprenderán a facelo.
Como cada noite, Santiago emprende o seu camiño acompañado de Blanco, o seu cabalo inseparable. O que non agarda é que hoxe se atope no seu soño con Mariña e a súa gatiña Lupe. Vivirán aventuras e cantarán cancións para chegar ao Castelo Máxico (a Catedral de Santiago) e encontrar o tesouro agochado.
Nesta viaxe, as personaxes dos seus contos cobrarán vida. Cando remata a súa aventura e a viaxe finaliza, os irmáns espertan, á mañá seguinte, cambiados, unidos e xuntos.
Para EducaTeatro Producións, creada a finais de 2013, a música, a lingua, a diversión e a participación do público, son os piares fundamentais dos seus traballos, cos que buscan fomentar a educación en valores.
Neste espectáculo, interpretado por Paulo Medal e Almudena Zurita, é de destacar o percorrido polas historias e as cancións míticas de EducaTeatro
A función está incluído na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e o prezo das entradas é de 2,50 €, que se recomenda reservar por anticipado nas oficinas do centro cultural de Muros, ou no teléfono 981762294, de luns a venres, de 8:30 a 15:00 h, ou ben por Internet no formulario creado para este fin.
A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a todo o público familiar de Muros a que se achegue a gozar con este espectáculo, agora que xa se ampliaron os aforos, sinalando que se elixiu esta temática para abrir a programación familiar debido a que por primeira vez foi recoñecido o Camiño Muros-Compostela e toda a comunidade escolar está tratando este tema nos seus respectivos centros.