O SÁBADO NO CENTRO CULTURAL DE MUROS, O NOVO ESPECTÁCULO, RECÉN ESTREADO, DE EXCÉNTRICAS “STRELA DO DÍA”
Día e hora: sábado 10 de abril, 20:15 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Producións teatrais Excéntricas – “Strela do día”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
O sábado 10 de abril, ás 20:15 h, representarase no Auditorio do Centro Cultural de Muros a nova gran obra da compañía Producións teatrais Excéntricas, “Strela do día”, que foi estreada en Coruña o mes pasado e Muros será a terceira praza na que o público poida gozar deste gran espectáculo.
ESTRELA DO DÍA, é unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor. baseada nalgúns dos milagres da Virxe María contados por Afonso X o Sabio, nas Cántigas de Santa María. Por certo, Afonso X está de 800 aniversario. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de EVARISTO CALVO, ROCÍO GONZÁLEZ, VÍCTOR MOSQUEIRA e PATRICIA VÁZQUEZ, baixo a dirección de MARCOS PTT CARBALLIDO, e seguindo os textos de QUICO CADAVAL
Unha visión actualizada dos milagres de santa María aplicados aos problemas actuais (asombrosamente parecidos aos daquel século XIII). Volverán a desfilar diante dos nosos ollos, neste retablo do século XX, os soldados que foxen da guerra, a mociña obrigada a casar con quen non quere, os que expulsados dos seus lares son amoreados coma gando, os presos por roubar comida, a monxa que foxe do convento, o que cansado deste mundo quere vivir noutro sen morrer, o que perde unha pelota e daría o que tén para seguir xogando, a que foxe da manda de brutos que a acosan, os que perden a compaña do animal que prefiren a calquera humano, a que procura a curación da enfermidade mortal…
A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois á repercusión mediática dos seus compoñentes, hai que sumar que é unha habitual no noso espazo escénico, no que sempre deixan bo facer e un gran sabor de boca.
O espectáculo está inscrito na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, ou no teléfono 981762294, ao prezo de 3,50 €.
A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a que reserven a súa entrada, e a gozar do bo facer artístico dos nosos convidados. Adianta, ademais, que ao sábado seguinte, día 17, será a quenda dos máis novos, coa representación de “Rosalía”, espectáculo producido por Culturactiva.