O CONCELLO DE MUROS CELEBRA O DÍA DO MEDIO COA REPRESENTACIÓN DO ESPECTÁCULO “CARABELA” O VENRES 5 DE XUÑO NO CENTRO CULTURAL E XUVENIL DE MUROS
Día: venres 5 de xuño de 2020
Hora: 18.00 h
Recinto: Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada: de balde e con reserva anticipada
Público: a partir de 3 anos e familia
Carabela conta a historia dunha cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
A compañía Galeatro nace en Carballo en 2013 e cun obxectivo moi claro, difundir o teatro dun xeito didáctico e divertido. Ao fronte dela, Tone Martínez e Alba Bermúdez, licenciados en Arte Dramático.
Davide González dirixe este espectáculo, escrito por Paula Carballeira, interpretado por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Davide González e recomendado especialmente para público familiar e a partir dos tres años.
A función está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas nesta ocasión serán de balde e con reserva previa obrigada, que se pode facer directamente nas oficinas do Centro Cultural, no teléfono: 981 762 294, ou no correo-e: cultura@muros.es. O número de espectadores non pode superar ás 50 persoas e adxudicaranse por orde de reserva.
Existen unha normas especiais por atoparnos na Fase 2 de desescalada da pandemia provocada polo Covid-19, que achegamos ao final desta nova.
A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a toda a veciñanza a pasar unha fantástica tarde de sábado no auditorio do Centro Cultural e Xuvenil aproveitando para reflexionar sobre os estragos que a humanidade lle estamos a causar ao medio, algo que considera de importancia vital nesta etapa da nosa historia, e que ademais ao estar centrada no problema do lixo mariño, ten un significado especial, sobre o que é moi importante sensibilizar á nosa veciñanza.
VOLTA AO TEATRO. NORMAS E MEDIDAS A SEGUIR FASE 2 | COVID-19