TEATRO | ESAS COUSAS MARABILLOSAS DE EMPATÍA TEATRO

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación de outono-inverno coa representación da peza “Esas cousas marabillosas”, da compañía Empatía Teatro, o sábado 15 de novembro ás 20:30 h.

Protagonizada por Elisardo de la Cruz, esta obra converteuse nun fenómeno teatral internacional, con representacións en cidades como Londres, Nova York, Bruxelas, San Xoán de Porto Rico, Maryland, Oregon e Canadá, e con tres anos consecutivos de éxito no Festival de Edimburgo, onde esgotou todas as entradas. En España, máis de 25.000 espectadores xa gozaron desta historia, tamén con funcións esgotadas en Madrid e Barcelona.

Baseada no texto do dramaturgo Duncan MacMillan, “Esas cousas marabillosas” é unha comedia tenra e emocional sobre a depresión, o amor e a esperanza. O protagonista, un neno de sete anos, comeza a facer unha lista de todo aquilo que fai que a vida valla a pena —os xeados, as guerras de auga, o primeiro baño do verán…— para animar á súa nai, que está a pasar por un momento difícil. A través do humor e da complicidade co público, o espectáculo constrúe unha historia chea de vida e humanidade.

A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “esta é unha obra que emociona e fai reflexionar, unha experiencia que conxuga teatro e vida real cunha sinxeleza e unha forza pouco comúns. Dende o Concello seguimos apostando por traer espectáculos que conecten co público e que nos fagan pensar e sentir.”

Sábado, 15 de novembro ás 20:30 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada: 3 € | Público adulto (+12 anos)
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1117&cine=MUROS e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.