TEATRO | Dous espectáculos teatrais “BERNARDA” e “AS VIRXES SALVAXES” contribúen á reflexión sobre a violencia de xénero. Centro Cultural De Muros, venres, 20 de novembro e sábado, 28 de novembro, ás 20:30 h.

DOUS ESPECTÁCULOS TEATRAIS “BERNARDA” E “AS VIRXES SALVAXES” CONTRIBUIRÁN Á REFLEXIÓN SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO EN MUROS

En novembro conmemórase o Día contra a violencia de xénero, e o concello de Muros pretende que toda a veciñanza se pare a reflexionar sobre este tema, e para favorecela programa dous espectáculos teatrais, o día 20, “Bernarda”, de Malasombra, que ven de recibir catro premios María Casares, e o día 28 “As Virxes salvaxes”, de teatro do Noroeste.

“BERNARDA”

Día e hora: venres 20 de novembro, ás 20:30 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Malasombra Producións – “Bernarda”

O venres 20, por primeira vez, ás 20:30 h, adiantando a hora habitual dos espectáculos para público adulto, a fin de facilitar que poidamos cumprir con todas as normas sanitarias, representarase no Auditorio do Centro Cultural de Muros o espectáculo da compañía Malasombra, “Bernarda”, montaxe que se pode considerar a gañadora dos premios María Casares deste ano, conseguindo catro estatuíñas, entre as que se atopa a de mellor espectáculo.

“Bernarda” parte de “La casa de Bernarda Alba”, escrita por Federico García Lorca en 1936, unha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento clave da nosa historia recente, no que as ansias de cambios chocan coas tradicións máis arraigadas, como é a do loito.

Bernarda, ao quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as malas influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma.  Bernarda non entende a música moderna, as minisaias, os guateques, nin ningunha das novas modas da mocidade da época. É unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra. Ao morrer o marido tén que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, non o ven dese xeito, e discuten a miúdo sobre se no fondo Bernarda é “miña pobre” ou é mala. Tamén deixa intuír a historia certos abusos ou mesmo malos tratos.

“Bernarda” é unha historia comprensible e universal, coa que calquera se pode sentir identificado, un choque xeracional onde os valores e as costumes dos máis vellos topan coa  necesidade dos máis novos de crear un mundo distinto cos seus propios códigos e condutas, e dependendo de que lado esteamos, vemos a realidade de xeito totalmente diferente. Este choque xeracional, por momentos fainos chorar, porque ás veces as situacións ténsanse e tórnanse duras, e outras veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade.

O autor e director é Jose Prieto e as protagonistas Luisa Merelas, Esther Aja e Celia González.

AS VIRXES SALVAXES

Día e hora: sábado 28 de novembro, ás 20:30 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Teatro do Noroeste – “As virxes salvaxes”

Autor e director, Eduardo Alonso. Reparto: Elina Luaces, Luma Gómez, Rosa Álvarez, Inma Antonio, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas, e Fernando González.

As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas ate o final. Máis chegaron as présas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, é preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pé. A modo de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas. O caos que xeran pón a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma.

Os espectáculos están incluídos na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas teñen que ser reservadas previamente nas oficinas do centro cultural, teléfono 981762294.

A concelleira de cultura, Mayka González, anima a toda a veciñanza  a gozar destes estupendos espectáculos teatrais ao tempo que a reflexionar sobre a violencia de xénero, unha lacra que temos que erradicar.