Od(i)osa – Proxecto Morrinha
Domingo, 26 de outubro · 18:00 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada gratuíta con reserva previa
As reservas poden realizarse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros: https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1114&cine=MUROS
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o próximo domingo 26 de outubro ás 18:00 h a representación da peza de teatro-danza “Od(i)osa”, da compañía Proxecto Morrinha, unha proposta que combina arte, memoria e compromiso social.
A actividade enmárcase dentro do programa “Outono das Artes” da Deputación da Coruña, co que o Concello de Muros continúa a ofrecer unha programación escénica diversa e de calidade, pensada para achegar o teatro contemporáneo e comprometido á veciñanza.
A obra rescata un episodio real da historia recente de Galicia: a folga de 1989 na conserveira Odosa, na Illa de Arousa, cando máis de cen traballadoras decidiron encerrarse durante un mes e catro delas chegaron a facer folga de fame para reclamar os seus dereitos laborais e ser escoitadas.
Dirixida por Noelia Nuño e Claudia Darriba, e interpretada por Rosalía Alonso, Irene Rodríguez, Maruxa Gemperle e Iria Calvar, Od(i)osa combina teatro e danza contemporánea nunha peza documento que busca incomodar, espertar e lembrar. É unha historia que fala da dignidade, da solidariedade e da forza colectiva das mulleres traballadoras galegas.
A concelleira de Cultura, Caridad González, salienta que “esta peza é unha homenaxe necesaria ás mulleres que defenderon con valentía os seus dereitos e un exemplo perfecto de como o teatro pode ser memoria viva e ferramenta de reflexión colectiva. Desde o Concello de Muros seguimos apostando por unha programación que mestura artes escénicas, historia e compromiso social, coa vontade de que o auditorio conte con actividade cada fin de semana.”
