Día e hora: sábado 19 de novembro, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro-circo e música – N + 1 E CUARTETO ALICERCE – “Divertimento”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
O Concello de Muros segue coa celebración do Día da Música; e programa para o vindeiro sábado, día 19, o espectáculo destinado a tódolos públicos “Divertimento”, da compañía de teatro circo danza N + 1 e o Cuarteto de corda ALICERCE.
Divertimento achégase ao público familiar dende a música clásica, o humor e a creatividade para nos adentrar na senda da cultura e das artes como vías cara á diversión e o lecer de calidade.
Espectáculo sen palabras no que a música de Mozart condúcenos en clave de clown polas relacións humanas, poñendo en valor as diferencias como unha oportunidade para medrar dende o grupo.
Un cuarteto de corda acepta un novo membro para unha representación sen saber que o invitado non posúe as mesmas cualidades e calidades como intérprete. O que nun principio provoca rexeitamento e xuízo de cara ao novo compoñente, muda en empatía e transixencia, acompañándoo nas súas penurias para que a relación evolucione cara a tolerancia, a aceptación e favoreza a comunicación, xerando unha nova armonía e permitíndolles rir dos protocolos arcaicos e da aparente excelencia que rodea á música clásica.
O traballo de teatro circo neste espectáculo corre a cargo de Alfredo Pérez Muíño, quen alén do seu traballo en solitario, que comeza no ano 2004, participa en numerosos proxectos con compañías galegas, nacionais e internacionais en condición de clown, bailarín, actor e director, sendo un dos creadores da compañía N + 1; mais o que caracteriza a este intérprete e o diferencia dun xeito notable é a multidisciplinariedade que o define.
O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas, con un prezo de 3,50 €, deben de ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.
A concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, segura de que gozarán desta proposta; e anuncia que a celebración do Día da Música concluirá con un concerto da ESMU de Muros, o mesmo día de Santa Cecilia.