TEATRO | “Arraianos”, o novo espectáculo de Sarabela, sábado 21 no Centro Cultural de Muros

Día e hora: sábado 21 de xaneiro, 21:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros.
Actividade: Teatro – Sarabela Teatro – “Contos Arraianos”.
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC
.
Entradas, 3,50 €. Reserva previa.

O sábado 21 de xaneiro, ás 21:00 h, chega ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Sarabela Teatro, co seu novo espectáculo, “Contos Arraianos”.

Un espectáculo do Autor Xosé Luís Méndez Ferrín, Dirección de Ánxeles Cuña Bóveda e no Elenco, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Elena Seijo, Sabela Gago, Fran Lareu, Fernando González e Vadim Yukhnevich

Unha das obras fundamentais da literatura galega, levada a escena pola grande compañía Sarabela teatro. Unha suma de relatos que estremecen e fan reflexionar, ou, se acaso, fan deambular por mundos nos que transitan o erotismo, o misterio, a miseria e a grandeza da alma e da vida.
A obra céntrase en dous contos, Medias Azuis e Lobosandaus.

En Medias Azuis, dous mozos (Fer González e Fran Lareu) van mocear con dúas irmás xémeas (Sabela Gago e Fina Calleja) de aparencia saudable e belida, dúas testemuñas (Elena Seijo e Fernando Dacosta) transfiren as súas emocións e perspectivas dos acontecementos. A promesa de namoro torna nunha situación arrepiante. A relación xira sobre o gozo e o pracer sexual, ou da burla, nunca da igualdade. A atmosfera é recreada por outra testemuña, o músico (Vadim Yukhevich) que interpreta a maldición circular na que a noite de brétema vai engulir aos mozos.

Lobosandaus conta a historia dun mestre (Fran Lareu) destinado, na segunda década do século pasado, na escola unitaria dunha aldea arraiana. O mozo mestre envía cartas ao seu tío -Penitenciario da Catedral de Ourense- durante o primeiro trimestre do curso. A través das letras desenvólvese unha trama de posesión onde se conxugan o telúrico e o erótico, o mundo e o inframundo, e onde o brillo do fantástico aniña nunha calidade atmosférica e nútrese da forza desatada polo desexo. Nos confíns arraianos de Lobosandaus, a racionalidade perde o seu asento e o mestre cae baixo o dobre feitizo dos aires remotos e da fermosa Dorinda (Fina Calleja), mentres o espírito do capador – anarquista e agrarista- Nicasio Remuñán, (Fernando Dacosta). que perdeu a cabeza por ela en vida, peregrina de corpo en corpo.

Sarabela teatro é unha das compañías teatrais máis consolidadas de Galicia. Leva trinta e seis anos de traballo continuado e incesante. Foi recoñecida con seis premios Compostela, corenta María Casares, cinco Fetén e premio dos espectadores no FIOT de Carballo, entre outros. Así mesmo é unha das compañías que nos visitan periodicamente aos amantes do teatro de Muros.

Esta función está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e as entradas, ao prezo de 3,50 €, xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns maiores de doce anos a gozar desta marabillosa obra e compañía de teatro; e aproveita para adiantar que na vindeira semana será a quenda dos máis novos, coa representación da nova historia da Cigarra e a Formiga.