Os servizos sociais xerais constitúen o primeiro nivel do Sistema Público de Servizos Sociais e proporcionan unha atención que ten por obxecto favorecer o acceso aos recursos dos sistemas de benestar social, xerando alternativas ás carencias ou limitacións na convivencia, favorecendo a inclusión social e promovendo a cooperación e solidariedade social nun determinado territorio.
De acordo co exposto, redáctase esta ordenanza reguladora da prestación de axudas de emerxencia social do Concello de Muros, xa que é de interese xeral recoller e regular os dereitos e deberes da veciñanza de Muros para acceder a unha axuda de emerxencia social e unha ordenanza municipal é a ferramenta coa que conta a corporación para facelo.
Esta ordenanza redactouse respectando os principios de boa regulación. Dunha parte, os de necesidade e eficacia, xa que atende á aprobación dunha ordenanza reguladora da prestación de axudas necesaria para paliar situacións de necesidade; proporcionalidade, establecendo as mínimas obrigas para ás persoas destinatarias; seguridade xurídica, e transparencia, mediante a previsión da publicación do seu contido e a participación na tramitación; e eficiencia, xa que potencia a atención social ás familias e persoas en situacións de vulnerabilidade, mellorando a aplicación dos recursos dispoñibles.
O Concello de Muros como administración pública máis próxima á poboación, ten o dereito e a responsabilidade de establecer e regular o conxunto de dereitos e recursos municipais específicos dirixidos a persoas en situación de risco ou exclusión social, de conformidade coa lexislación vixente.