snl_cabeceira

Normalización Lingüística

Cultura

SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A principal manifestación de identidade cultural dun pobo é a súa lingua. O galego, lingua propia de Galicia, é o máximo expoñente da nosa identidade como comunidade diferenciada. Por iso, no Concello de Muros contamos cun Regulamento municipal do uso do galego aprobado no 2001 e actualizado no 2016 (BOP núm. 79, do 27 de abril de 2016); ademais dispoñemos desde o 2003 dun Servizo de Normalización Lingüística (SNL) que é o encargado de impulsar a normalización e procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego a todos os niveis e ámbitos sociais.

As principais tarefas que desenvolve o SNL configúranse en tres áreas:

Dinamización lingüística
É unha das principais funcións que consiste en planificar, organizar e avaliar actividades que promovan o uso da lingua e a súa valoración positiva.

Formación sociolingüística
Outra é responder ás necesidades formativas do persoal da Administración e do conxunto da poboación, mediante a organización e coordinación de cursos de lingua galega e a difusión de materiais e recursos.

Asesoramento lingüístico
Labores como informar sobre os dereitos lingüísticos, a corrección e tradución de documentación, a resolución de dúbidas lingüísticas ou a posta en marcha de accións dirixidas a mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración.