“Os contos do lobicán”.
Redrum Teatro, 40’, +3 anos.
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros | 3 €.
FUNCIÓN
Sábado, 4 de outubro 18:00 h
Entradas: https://kinetike.com:83/views/init.aspx?cine=MUROS
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros inaugura a súa temporada de artes escénicas de outono-inverno coa posta en escena de “Os contos do Lobicán”, da compañía Redrum Teatro, o sábado 11 de outubro ás 18:00 h. A peza, destinada a público familiar a partir de 3 anos, combina monicreques, música e poesía para ofrecer unha experiencia teatral chea de humor, tenrura e valores.
Inspirado no atractivo universo visual de Wes Anderson, Os contos do Lobicán é un espectáculo musical en verso, áxil e atrevido, que busca darlle a volta aos contos clásicos e transmitir mensaxes educativas e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.
O texto, asinado por Eva Mejuto, foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022 e do Premio ao Mellor Espectáculo de Monicreques nos XXIX Premios de Teatro María Casares, consolidándose como unha das propostas familiares máis destacadas da escena galega recente.
A historia presenta a Lobicán, un pequeno e curioso animal que adora explorar o bosque e compartir momentos coa súa familia. Cando Nai Lobicana lle pide levar unha torta ao avó, o protagonista atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño cara á casa da súa tía Silvana. A pesar das súas diferenzas, ambos iniciarán unha amizade que os axudará a superar perigos e descubrir o valor da empatía e da diversidade.
Con dirección de Álex Sampayo e interpretación de Guillermo Carbajo e Victoria Pérez, a produción conta coa escenografía e monicreques de As dúas e punto, deseño de iluminación de Carlos Álvarez-Ossorio, espazo sonoro de Davide González e ilustración de cartel de Nuria Díaz.
“Os contos do Lobicán é unha historia que conecta con grandes e pequenos, que fala da amizade e da curiosidade como motor de coñecemento e respecto polo mundo que nos rodea”, destaca a concelleira de Cultura, Caridad González.
As entradas para “Os contos do Lobicán” xa están dispoñibles a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
Ademais, tamén se poden mercar xa as entradas para a próxima cita teatral da temporada, “Un deus salvaxe” de Talía Teatro, dirixida a público adulto, que se representará o sábado 25 de outubro ás 20:30 h.
