Convocante: Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros Noia. A ARD Ría de Muros Noia é unha asociación integrada polos Concellos de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son.
Ámbito territorial do programa: o Xeodestino Ría de Muros Noia, integrado polos Concellos de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son.
Beneficiarios: establecementos, empresas e profesionais turísticos que teñan a súa sede en calquera concello do xeodestino ou empresas e profesionais que, tendo a súa sede social fóra do xeodestino, desenvolvan servizos ou produtos turísticos no Xeodestino Ría de Muros Noia.
No segundo suposto, só poderán beneficiarse do programa os servizos ou produtos desenvolvidos efectivamente no Xeodestino Ría de Muros Noia.
Os subsectores que poderán beneficiarse deste programa son aqueles que correspondan cos manuais editados pola Xunta de Galicia a través de calquera canle oficial.
Descrición dos servizos que recibirán os beneficiarios:
- Asistencia personalizada por unha asesoría na sede de cada negocio ou lugar onde se preste o servizo.
- Subministración de todos os elementos de cartelería, sinalización e marcado de chan precisos para a aplicación das prescricións contidas nos manuais da Xunta de Galicia.
- Servizo de asesoramento e resolución de dúbidas por vía telefónica ou telemática prestado directamente polo/a asesor/a asignado/a a cada establecemento.
- Aportación de todos os documentos e declaracións a cumprimentar polo empresario e asistencia para a cumprimentación.
- (Só para establecementos con categoría de restaurante) Posta á súa disposición de cartas de menús en formato dixital que substitúan ás tradicionais.
Publicidade: estas están dispoñibles en http://riademurosnoia.com/descargas/covid19/
O anuncio do programa será feito nun diario de máxima audiencia na Ría de Muros Noia.
Presentación de solicitudes: as solicitudes para participar no programa deben remitirse a destinoseguro@riademurosnoia.com e consistirán en:
- Nome e apelidos do/a demandante.
- Teléfono de contacto.
- Denominación do establecemento ou actividade para o que desexa o servizo.
Con posterioridade, a ARD Ría de Muros Noia poderá solicitar outros documentos que acrediten o cumprimento doutros requisitos de participación.
Datas límite de presentación de solicitudes de participación: a data límite de presentación de solicitudes é o 15 de xuño de 2020.
Procedemento de recepción do servizo polos beneficiarios: tras o envío da solicitude ao enderezo de correo indicado máis arriba, o/a solicitante recibirá, nun prazo máximo de 72 horas a chamada dun/dunha asesor/a para concertar unha cita para unha primeira visita e iniciar o proceso.