O Concello de Muros celebra, en colaboración coa Deputación da Coruña, o Día do Teatro, coa representación gratuíta de “O porco de pé” o sábado 1 de abril

Día e hora: sábado 1 de abril, 21:00 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Producións teatrais Excéntricas – “O Porco de pé”
Programa: Programación cultural da Excma. Deputación Provincial da Coruña

O sábado 1 de abril, ás 21:00 h, chega de novo ao Auditorio do Centro Cultural de Muros a compañía Producións teatrais Excéntricas, co espectáculo, “O Porco de pé”, unha colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Muros e a propia compañía, coa intención de que a poboación poda celebrar o día do Teatro, que se conmemora o 27 de marzo.

O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.

Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. Descobreu que estaban entre NÓS! A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, tén hoxe máis vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, coma nunha lanterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.

A estrea mundial d’O PORCO DE PÉ foi o 31 de marzo de 2022 no Teatro Principal de Ourense. En menos dunha semana, cerca de 2.000 persoas aplaudiron o esforzo dos artistas, marabillados da capacidade de transformación e multiplicación que exhiben. Ao final, só saen tres a agradecer os aplausos, iso sí, que tres, pois o elenco está composto por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, mais polo escenario pasaron Madame Blavatski, o Elocuente Pregoeiro, o Porco Celidonio, Baldomero García, o Alfaite Nogueira, Dona Nicasia, O Doutor Alveiros, os cabezas parlantes Outeiriño e Forcadela, o Avogado Barbeito, Lolita Piné, os Siameses de Ventosela, Suso e Clodomiro, o Conde, a Venus Victrix, a Tenista Celidonia, Miguel Primo de Rivera, a Muller-Araña, o Demo, e máis.

A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois é unha habitual no noso espazo escénico, onde sempre colleitan reflexión, risas e aplausos.

Esta representación está incluída na programación cultural da Deputación da Coruña e as entradas son de balde, mais poden ser reservadas de xeito anticipado nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, no correo cultura@muros.es ou no formulario creado para este fin, durante toda a semana.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a gozar do humor e bo facer artístico dos nosos convidados e agradece á compañía e á Deputación a deferencia de elixir Muros para esta celebración.