O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros celebrará o primeiro aniversario da recuperación da programación cinematográfica cunha proxección moi especial: Casablanca, unha das películas máis emblemáticas da historia do cine.
O filme poderá verse o sábado 13 de xuño ás 20:00 e ás 22:00 horas e o domingo 14 de xuño ás 19:30 horas, nunha fin de semana dedicada a conmemorar un ano de cine estable no auditorio municipal.
Dirixida por Michael Curtiz e estreada en 1942, Casablanca converteuse nun clásico universal do cinema. Ambientada durante a Segunda Guerra Mundial na cidade marroquí de Casablanca, a película narra a historia de Rick Blaine, propietario dun café frecuentado por refuxiados que buscan escapar da guerra, cuxa vida cambia coa chegada dun antigo amor, Ilsa Lund. Protagonizada por Humphrey Bogart e Ingrid Bergman, a obra é considerada unha das grandes referencias da historia do cine pola súa combinación de romance, drama e contexto histórico.
Durante este primeiro ano de programación cinematográfica, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros recibiu a máis de 4.000 espectadores, consolidándose como un espazo de referencia para a exhibición audiovisual na comarca. Ao longo destes meses proxectáronse máis de 40 películas, incluíndo producións galegas, estatais e internacionais, así como cinema familiar, documentais, estreas comerciais e títulos de especial interese cultural.
A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “a resposta do público ao regreso do cine foi extraordinaria. Máis de catro mil persoas pasaron polo auditorio neste primeiro ano, demostrando que existía unha demanda real por recuperar este servizo cultural”. A edil engadiu que “queriamos celebrar esta data cunha película que forma parte da memoria colectiva do cinema mundial e que representa a capacidade que teñen as grandes historias para seguir emocionando xeración tras xeración”.
As entradas para as diferentes sesións estarán dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
