O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle esta fin de semana as proxeccións de “Torrente Presidente” e “Polloliebre y la marmota secreta”

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continuará a próxima fin de semana coa súa programación cinematográfica coa proxección de dúas películas pensadas para distintos públicos: a comedia “Torrente Presidente” e a cinta de animación “Polloliebre y la marmota secreta”.

Por unha banda, chegará á pantalla “Torrente Presidente”, a nova e disparatada aventura do popular personaxe creado por Santiago Segura. Nesta ocasión, José Luis Torrente, sempre convencido de ser un heroe nacional a pesar da súa ineptitude, é persuadido para entrar no mundo da política. Co seu estilo vulgar, demagóxico e cheo de ocorrencias, acabará converténdose no líder dun partido populista nunha historia cargada de humor e situacións absurdas.

As proxeccións desta comedia terán lugar o venres 20 de marzo ás 20.30 horas, o sábado 21 de marzo tamén ás 20.30 horas e o domingo 22 de marzo ás 19.00 horas.

A programación complétase coa película de animación “Polloliebre y la marmota secreta”, unha proposta especialmente dirixida ao público familiar. A historia segue as aventuras de Polloliebre, un heroe metade polo e metade lebre, que xunto aos seus amigos se verá envolto nunha misión para descubrir un segredo do pasado que os levará á procura dunha misteriosa marmota capaz de modificar o tempo. Ao longo da súa viaxe deberán afrontar múltiples perigos e descubrirán que non son os únicos interesados no poder da marmota.

Esta película proxectarase o sábado 21 de marzo ás 17.00 horas e o domingo 22 de marzo tamén ás 17.00 horas.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou a importancia de manter unha programación cultural continuada no auditorio: “Seguimos achegando propostas actuais e pensadas para diferentes públicos co obxectivo de manter unha oferta cultural estable. Queremos que o auditorio do Centro Cultural e Xuvenil sexa un espazo vivo, con actividades todas as fins de semana e cunha programación variada que permita á veciñanza gozar do cine e da cultura sen saír do concello”.

As entradas poden adquirirse na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.