O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle a proxección de “San Simón” con coloquio co seu director

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o vindeiro mércores 25 de marzo ás 20.00 horas a proxección da película “San Simón”, un filme que afonda na memoria histórica da illa galega durante a represión franquista.

Ambientada en 1936, a película amosa como a illa de San Simón foi convertida nun campo de concentración. A través da figura de Lamas, reconstrúe a memoria das persoas que sufriron a represión neste enclave, combinando actores profesionais coa participación de familiares reais das vítimas.

“San Simón” supón a estrea na longametraxe do director Miguel Ángel Delgado, que recupera este episodio da memoria colectiva cunha proposta cinematográfica de gran carga emocional e rigor histórico. A sesión contará coa presenza do propio director, que participará nun coloquio co público ao remate da proxección, ofrecendo unha oportunidade para afondar no contexto e no proceso creativo do filme.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou a importancia de continuar dinamizando este espazo cultural: “Seguimos dotando de contido e actividade ao auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros cunha programación variada e de calidade, que achega propostas culturais á veciñanza e converte este espazo nun punto de encontro arredor do cine e da cultura”.

proxección será de entrada gratuíta ata completar aforo, dentro da programación cultural impulsada pola Concellería de Cultura.