O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle a estrea de “Cada día nace un listo”

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá a estrea de “Cada día nace un listo”, a nova longametraxe da directora Arantxa Echevarría, que chega ás salas de cine o 5 de xuño.

A película está protagonizada por Hugo Silva e conta cun reparto integrado por Susi Sánchez, Dafne Fernández, Jaime Olías e Ginés García Millán. A historia segue a Toni Lomas, unha antiga estrela televisiva que, tras caer no esquecemento, recibe unha inesperada proposta para participar no roubo dun valioso cadro. Para levar a cabo o golpe reunirá un peculiar equipo no que cada integrante agocha as súas propias intencións.

Cada día nace un listo combina os elementos da comedia negra, a sátira social e o thriller para construír unha historia chea de picaresca, humor ácido e situacións tan disparatadas como imprevisibles.

As proxeccións terán lugar o venres 5 de xuño ás 21:30 horas, o sábado 6 de xuño ás 20:00 e 22:00 horas e o domingo 7 de xuño ás 19:30 horas.

A concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González, destacou que “seguimos apostando por ofrecer ao público de Muros as principais estreas cinematográficas no mesmo momento da súa chegada ás salas, ampliando a oferta cultural da nosa vila e achegando producións de primeiro nivel ao auditorio municipal”.

As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.