As sesións terán lugar do 20 ao 22 de febreiro no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
A programación combina comedia para público adulto e animación familiar
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá do 20 ao 22 de febreiro unha nova fin de semana de cinema cunha dobre proposta dirixida a públicos diversos, coa proxección de Aída y vuelta e Como cabras (GOAT).

“Aída y vuelta”, dirixida por Paco León e protagonizada por parte do elenco da coñecida serie, sitúa a acción no rodaxe dun episodio da ficción televisiva, combinando as tramas dos personaxes co que acontece fóra da cámara. A película propón unha reflexión en clave de comedia sobre os límites do humor, o traballo do cómico e o impacto da fama, mantendo o ton irreverente que caracterizou a serie. As sesións terán lugar o venres 20 e sábado 21 de febreiro ás 20:30 horas, e o domingo 22 ás 19:00 horas. A película non está recomendada para menores de 12 anos.

Para o público infantil e familiar, o auditorio proxectará “Como cabras (GOAT)”, unha aventura de animación que conta a historia de Will, unha pequena cabra que recibe a oportunidade de xogar ao rugebol profesional, un deporte de alta intensidade dominado polos animais máis fortes e rápidos. Un relato cheo de humor, ritmo e valores como a amizade, o esforzo e a superación. As sesións celebraranse o sábado 21 e domingo 22 de febreiro ás 17:00 horas.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “esta programación permite ofrecer cine para distintos públicos na mesma fin de semana, combinando unha proposta para adultos cunha película familiar pensada para compartir”.
As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.