O Auditorio de Muros programa “Flores para Antonio” e “Cuerpos Locos”, dúas propostas de cine para todos os públicos na fin de semana do 5 ao 7 de decembro

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación de inverno con dúas novas proxeccións que combinan emoción, memoria familiar e humor para todos os públicos. Do venres 5 ao domingo 7 de decembro poderán verse o documental Flores para Antonio e a comedia familiar Cuerpos Locos.

Flores para Antonio”: unha homenaxe íntima ao legado de Antonio Flores


O venres 5 (20:30 h), sábado 6 (20:30 h) e domingo 7 (19:00 h) proxectarase Flores para Antonio, dirixido por Elena Molina e Isaki Lacuesta. O filme segue a Alba Flores na súa busca persoal para reconstruír a memoria do seu pai, o músico Antonio Flores, a través de lembranzas compartidas con familiares e amigos como Rosario Flores, Lolita ou Antonio Carmona.

A crítica destacou o seu ton profundamente humano e sincero
Un documental esencialmente emotivo… revive lembranzas que cobran vida” (Luis Martínez, El Mundo)
Honestidade en cada fotograma desta emotiva película” (Diego Lerer, Micropsia Cine)

Cuerpos Locos”: maxia e humor para público infantil e familiar

O sábado 6 e o domingo 7 ás 17:00 h será a quenda de Cuerpos Locos, unha comedia dirixida por Ana Murugarren. A película relata o disparatado intercambio de corpos entre unha nena de 10 anos e a súa futura madrastra durante un fenómeno meteorolóxico inesperado. Unha aventura chea de humor protagonizada por Paz Padilla, Maia Zaitegi, Antonio Resines e outros nomes coñecidos do cinema español.

A concelleira de Cultura, Caridad González, subliña que “esta fin de semana ofrecémoslle á veciñanza dúas propostas complementarias: por unha banda, un documental moi emotivo que recupera unha figura esencial da música española; e por outra, unha comedia familiar perfecta para gozar coas crianzas. Continuamos así cunha programación variada e apta para todos os públicos”.

Horarios das proxeccións

Flores para Antonio (+12 anos) · 98 min
– Venres 5 de decembro · 20:30 h
– Sábado 6 de decembro · 20:30 h
– Domingo 7 de decembro · 19:00 h

Cuerpos Locos (Todos os públicos) · Comedia familiar
– Sábado 6 de decembro · 17:00 h
– Domingo 7 de decembro · 17:00 h

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil.