As XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar” volverán converter, do 10 ao 12 de xullo, o centro histórico e o porto de Muros nun gran espazo de encontro arredor da cultura mariñeira, cunha programación que combina música, patrimonio, tradición, gastronomía, teatro, artes de rúa e actividades para todos os públicos.
Durante tres días, veciñanza e visitantes poderán desfrutar do tradicional Mercado Mariñeiro, navegación en embarcacións tradicionais, visitas guiadas ao conxunto histórico, ao Porto e Lonxa e ao Museo do Mar, demostracións de oficios artesanais, obradoiros, exposicións, actividades infantís, faladoiros e showcookings que poñerán en valor o patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar.
A programación musical volverá ter un papel destacado no Curro da Praza coa actuación de Sés o venres 10 de xullo e de Tona o sábado 11, ambos concertos incluídos na Rede Cultural da Deputación da Coruña. O domingo 12 celebrarase o tradicional Festival Folclórico coa participación da AF Ximiela (Muros), a AC Rosalía de Castro (Teo) e a agrupación portuguesa Amendoeiras em Flor, fortalecendo os vínculos culturais entre Galicia e Portugal.
As artes escénicas tamén estarán presentes cunha programación de rúa integrada por propostas para todos os públicos, entre elas o espectáculo de maxia Flash, o teatro Hamelín, o espectáculo de circo Desastronauts, a representación Un mar de fala de Aquelando Teatro e a narración oral Costureiriña bonita, que levarán a animación a diferentes rúas e prazas da vila.
Unha nova edición de Muros Mira ao Mar que volverá reivindicar a identidade mariñeira da vila a través dunha programación diversa, participativa e aberta a toda a cidadanía.