EMPREGO | Convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia

A Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego e Igualdade  publicou no DOG (Diario Oficial de Galicia) do 14 de xaneiro de 2021 a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais. 

Convocadas unidades de competencia das cualificacións profesionais de: 

  • Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 325 prazas.
  • Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 225 prazas.
  • Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 150 prazas.
  • Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 150 prazas.
  • Operacións de vixilancia e extinción incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural (SEA595_2): 150 prazas.
  • Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2): 162 prazas, nas seguintes unidades de competencia:
    • UC0080_2 Efectuar a vixilancia e protección de bens e persoas en espazos delimitados e do transporte de fondos e obxectos valiosos.
    • UC0081_2 Efectuar o acompañamento, defensa e protección de persoas ou grupos concretos.
  • Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 47 prazas que pertencen á lista definitiva de persoas en lista de espera. Nesta cualificación profesional non se admitirán novas solicitudes nesta convocatoria.

Requisitos: 

  • Nacionalidade española, residente comunitario ou familiar deste ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
  • Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición.
  • Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar. 
  •  Experiencia laboral: xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2000 horas traballadas en total, nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria.
  • Formación non formal: xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que recollan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes.
  • Non estar matriculado /a nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicita. Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/es de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial da/s unidade/s de competencia que solicita. Non estar inscrito/a noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia.

Prazo de solicitude: ata o 11 de febreiro de 2021

Para máis información:

SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL

Curro da Praza nº1 (Muros)

Atención ao público: os  luns e os martes