O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación de cine outono-inverno coa proxección de La deuda, a terceira película do director e actor Daniel Guzmán (A cambio de nada, Canallas), un drama social con tintes de thriller que fala sobre o coidado dos maiores, a perda, a culpa e a crise habitacional.
A película, protagonizada polo propio Guzmán xunto con Itziar Ituño, Luis Tosar, Susana Abaitua e Rosario García, preséntase como unha historia humana e emocionante sobre dúas persoas que loitan por manter o seu fogar e a súa dignidade. Lucas (Guzmán) e Antonia (Rosario García) conviven nun piso modesto ata que un fondo de investimento compra o edificio e ameaza con botalos. Nun intento desesperado por conseguir o diñeiro necesario, Lucas cometerá un erro que cambiará as súas vidas para sempre.
La deuda é unha película sobre as emocións e as feridas dunha sociedade marcada pola desigualdade e a precariedade, pero tamén sobre a esperanza e a posibilidade de redención. “É unha historia de amor entre persoas que buscan afecto e o seu lugar no mundo”, destaca Guzmán.
A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “con La deuda seguimos ofrecendo cine contemporáneo e comprometido, que convida á reflexión e que se achega á realidade social do noso tempo cunha mirada sensible e próxima”.
Sesións:
- Venres, 7 de novembro ás 20:30 h
- Sábado, 8 de novembro ás 20:30 h
- Domingo, 9 de novembro ás 18:00 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada: 5 €
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros:
https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1118&cine=MUROS e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
