No ano 2008 a Comisión Europea creou o “Pacto dos Alcaldes” co propósito de alcanzar unha serie de obxectivos en materia de clima e enerxía para todos aqueles municipios que voluntariamente se comprometesen a alcanzar estes obxectivos.
As cidades asinantes comprométense a actuar para apoiar a implantación do obxectivo europeo de redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40% para 2030 e a adopción dun enfoque común para o impulso da mitigación e a adaptación ao cambio climático. Dende entón son máis de 10.000 os municipios de 60 países, a maior parte en Europa que se foron comprometendo cos obxectivos fixados, abarcando unha poboación de máis de 320 millóns de habitantes.
No ano 2015 o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, mediante un proceso consultivo, fixa novos retos: as cidades asinantes comprométense a apoiar activamente a implantación do obxectivo de redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40% para o ano 2030.
A tradución deste compromiso materialízase nos PACES: Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable no que se esbozan as accións clave que se pretende acometer. O plan inclúe un inventario de emisións de referencia para realizar o seguimento das accións de mitigación e unha Avaliación de Riscos e Vulnerabilidades Climáticas.
O Concello de Muros adhírese ao pacto dos alcaldes no ano 2019 por medio da sinatura do compromiso por parte da alcaldesa tras o acordo plenario polo que o Concello de Muros a través dos seus representantes políticos acepta os compromisos que se resumen a continuación:
- Reducir as emisións de CO2 (e, posiblemente, outras emisións de gases de efecto invernadoiro) no seu territorio nun 40 % como mínimo de aquí a 2030, en particular a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.
- Aumentar a súa resiliencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.
O xoves 14 de maio de 2020 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia publica no DOG nº 93 a ORDE do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sustentable, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2020 (código de procedemento MT210A).
O 12 de xuño de 2020 o Concello de Muros solicitou a subvención anterior para a elaboración o seu Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), a cal foi concedida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o 1 de setembro de 2020, por un importe máximo de 6.000,00 (IVE incluído) o que cubre o 100% dos gastos deredacción do plan.
A elaboración do proxecto foi adxudicada á empresa Sicasoft Solutions, SL para “Asistencia técnica para a redacción do plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES)” por un importe de 3630,00 € (IVE incluído),que presentou o documento no Concello e finalmente este, foi aprobado por maioría absoluta dos membros presentes no Pleno municipal do Concello de Muros celebrado o 26 de novembro de 2020.