O Concello de Muros, co apoio financieiro da Xunta de Galicia, instalou catro puntos limpos de proximidade co fin de mellorar a xestión de residuos no municipio, ao abeiro da orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Os puntos limpos de proximidade instaláronse nas parroquias de Louro, Serres, Abelleira e Esteiro, co obxectivo de mellorar a xestión de residuos.. A actuación, cun orzamento total de 18.029,00 € foi financiada nun 90% con fondos da Unión Europea – Next Generation EU, a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia xestionado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O 10% restante foi achegado polo propio Concello.
As novas infraestruturas facilitarán que os veciños dispoñan de lugares próximos para depositar materiais de reciclaxe específicos (pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, cápsulas de café de aluminio ou plástico, pilas e acumuladores, cartuchos de impresora, lámpadas de baixo consumo e LED).
Este servizo complementa aos dous puntos limpos móbiles que percorren todas as parroquias.

