O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros proxectará Los Domingos, a nova película de Alauda Ruiz de Azúa, gañadora da Concha de Ouro

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica coa proxección de Los Domingos, a nova longametraxe dirixida por Alauda Ruiz de Azúa, que poderá verse durante a fin de semana do venres 16 ao domingo 18 de xaneiro.

Tras o éxito de Cinco lobitos, a cineasta volve ás salas cun drama íntimo e profundo que aborda cuestións como a fe, a identidade persoal e as expectativas familiares. Los Domingos conta a historia de Ainara, unha moza de 17 anos que, no momento de decidir o seu futuro académico, sorprende á súa familia ao expresar o seu desexo de ingresar nun convento de clausura, desencadeando unha situación límite que pon a proba os vínculos e as conviccións de todos os seus membros.

O filme está protagonizado por Blanca Soroa, xunto a un destacado reparto no que participan Patricia López Arnaiz, Juan Minujín, Nagore Aramburu, Miguel Garcés e Mabel Rivera. Cunha duración de 118 minutos, Los Domingos aposta por un cinema contido, sensible e cheo de matices, no que a mirada da directora acompaña aos personaxes con respecto e profundidade.

A película vén avalada por unha extraordinaria acollida en festivais, destacando a súa participación na Sección Oficial do Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, onde foi recoñecida coa Concha de Ouro, ademais de recibir o Premio Irizar ao Cine Vasco, o Premio Feroz Zinemaldia e o Premio SIGNIS, entre outros galardóns. Así mesmo, foi distinguida como Mellor Película nos Premios Forqué 2025, xunto ao premio á mellor interpretación feminina.

Dende a concellería de Cultura, Caridad González sinala que “Los Domingos é unha película valente e necesaria, que convida á reflexión e ao diálogo arredor de temas complexos desde unha ollada honesta e sensible. É un exemplo do cinema contemporáneo de calidade que queremos achegar ao público de Muros, dentro dunha programación estable e coidada”.

Sesións:

  • Venres, 16 de xaneiro ás 20:30 h
  • Sábado, 17 de xaneiro ás 20:30 h
  • Domingo, 18 de xaneiro ás 19:00 h

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.


O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros proxecta Los guardianes del diente mágico, unha aventura familiar chea de maxia e amizade

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica cunha proposta pensada especialmente para o público infantil e familiar: Los guardianes del diente mágico, unha película de animación que combina maxia, humor e valores como a amizade e a diversidade.

O filme poderá verse o sábado 10 e o domingo 11 de xaneiro ás 17:00 h, ofrecendo unha opción perfecta para gozar do cine en familia durante as vacacións.

Dirixida por Michael JohnsonLos guardianes del diente mágico preséntanos a Van, unha nova fada dos dentes inconformista que soña con descubrir que existe máis alá do seu mundo pechado. A súa aventura comeza cando coñece a Rupee, un adorable troll, e a Gemma, unha goblin apaixonada pola ciencia. Xuntos emprenderán unha misión épica para unir reinos separados polos prexuízos, mentres se enfrontan á ameaza da temible Raíña Araña.

A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “Los guardianes del diente mágico é unha proposta pensada para gozar en familia, que combina entretemento e valores positivos, e que forma parte da aposta do Concello por unha programación de cine accesible para todos os públicos”.

Sesións:

Los guardianes del diente mágico
Sábado, 10 de xaneiro ás 17:00 h
Domingo, 11 de xaneiro ás 17:00 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.


O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros proxecta Nuremberg, un intenso drama histórico sobre os xuízos ao nazismo

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica coa proxección de Nuremberg, un drama histórico ambientado nos xuízos celebrados hai 80 anos polos Aliados tras a derrota do réxime nazi. O filme poderá verse durante a fin de semana do venres 9 ao domingo 11 de xaneiro.

Dirixida por James Vanderbilt, Nuremberg sitúanos no momento no que o psiquiatra estadounidense Douglas Kelley, interpretado por Rami Malek, é designado para avaliar a saúde mental dos principais líderes nazis detidos e determinar se son aptos para ser xulgados polos seus crimes de guerra. A súa tarefa levarao a manter unha complexa e tensa batalla psicolóxica con Hermann Göring, man dereita de Hitler, ao que dá vida Russell Crowe, nun duelo intelectual marcado polo poder, a manipulación e a conciencia moral.

O filme combina rigor histórico e dramatización para ofrecer unha reflexión profunda sobre a responsabilidade individual, a natureza do mal e a xustiza internacional, apoiándose nun sólido reparto coral no que tamén participan Leo Woodall, Michael Shannon, Richard E. Grant, Colin Hanks ou John Slattery.

Sesións:

  • Venres, 9 de xaneiro ás 20:30 h
  • Sábado, 10 de xaneiro ás 20:30 h
  • Domingo, 11 de xaneiro ás 19:00 h

Desde a Concellería de Cultura destacan que “Nuremberg é unha proposta cinematográfica de grande interese histórico e humano, que invita á reflexión e ao debate, e que encaixa na aposta do auditorio por un cinema de calidade, comprometido coa memoria e coa historia contemporánea”.

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.


O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá a estrea de Rondallas, a nova película de Daniel Sánchez Arévalo, do 2 ao 4 de xaneiro

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros abrirá o ano 2026 coa estrea de Rondallas, a nova longametraxe dirixida por Daniel Sánchez Arévalo, que poderá verse durante a fin de semana do venres 2 ao domingo 4 de xaneiro.

A película, unha comedia vitalista para todos os públicos, sitúase dous anos despois do tráxico naufraxio dun barco pesqueiro que marcou a un pequeno pobo mariñeiro galego. Tras o loito, algúns membros da rondalla local deciden volver unirse para recuperar a ilusión, poñer en marcha de novo a agrupación e competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo para empezar a mirar cara adiante.

O filme conta cun elenco integramente galego encabezado por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas, xunto a Judith Fernández, Carlos Blanco, Fer Fraga, Xosé A. Touriñán, Marta Larralde e Lola López Rodríguez.

Dende a Concellería de Cultura, Caridad González destaca que “Rondallas é unha película moi especial, profundamente ligada á identidade, á memoria colectiva e á música tradicional galega, e parécenos unha forma magnífica de comezar o ano cun cinema que emociona e que fala do noso”. A concelleira subliña tamén “a aposta do auditorio por achegar estreas recentes e cinema galego de calidade ao público da vila”.

Producida por Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE, Rondallas supón o regreso ao cinema de Daniel Sánchez Arévalo tras títulos tan recoñecidos como Azul oscuro casi negro, Primos ou Diecisiete, cunha historia que combina humor, emoción e unha ollada optimista cara ao futuro.

Horarios:

  • Venres, 2 de xaneiro ás 20:30 h
  • Sábado, 3 de xaneiro ás 20:30 h
  • Domingo, 4 de xaneiro ás 19:00 h
  • Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.


O Auditorio de Muros acolle o espectáculo de maxia familiar “Un show incríbel”, de Cayetano Lledó

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros pechará o ano cunha proposta pensada para gozar en familia: Un show incríbel, o espectáculo de maxia de Cayetano Lledó, que terá lugar o sábado 27 de decembro ás 18:00 h.

Trátase dun espectáculo cheo de humor, música e efectos sorprendentes, no que o ilusionismo se mestura coa comedia para crear unha experiencia dinámica e participativa. Ao longo da función, o público será testemuña de xogos imposibles, situacións inesperadas e momentos cheos de sorpresa, nun formato pensado para público familiar.

Cayetano Lledó é un mago con ampla traxectoria internacional, con participación en festivais e congresos de maxia dentro e fóra de Europa, e actuacións en teatros de países como Canadá, Xapón, China, Francia, Italia, Finlandia ou Suíza. Neste espectáculo reúne técnicas innovadoras xunto a clásicos da maxia, adaptados a un ton próximo e divertido para todas as idades.

A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “Un show incríbel é unha proposta perfecta para o Nadal, un espectáculo familiar que combina ilusión, humor e participación, e que convida a compartir cultura e diversión nunha data tan especial”.

  • Sábado, 27 de decembro ás 18:00 h
  • Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
  • Espectáculo de maxia familiar
  • Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros

O AUDITORIO DE MUROS PROGRAMA “GOLPES” E “SUPER CHARLIE” NA PRÓXIMA FIN DE SEMANA

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación de cine de inverno cunha fin de semana que combina thriller español de alta calidade e aventura familiar para todos os públicos. As películas Golpes, de Rafael Cobos, e Super Charlie, adaptación da coñecida serie infantil de Camilla Läckberg, serán as protagonistas dos días 12, 13 e 14 de decembro.

“Golpes”, un thriller, memoria e lazos familiares

Protagonizada por Luis Tosar e Jesús Carroza, “Golpes” supón o debut na dirección de Rafael Cobos, guionista multipremiado (‘La isla mínima’, ‘El hombre de las mil caras’). Ambientada na Sevilla dos anos 80, a película segue a dous irmáns situados en lados opostos da lei que deben enfrontarse ao pasado familiar e ás feridas que a sociedade trata de esquecer.
Un thriller intenso, frenético e emocional, convertido nun dos filmes españois máis esperados do ano.

– Venres, 12 de decembro ás 20:30 h

– Sábado, 13 de decembro ás 20:30 h

– Domingo, 14 de decembro ás 19:00 h

“Super Charlie”, humor, maxia e irmáns que salvan o mundo

Pensada para público infantil e familiar, “Super Charlie” conta a historia de Wille, un neno que sempre soñou con ser súper heroe, ata descubrir que o seu irmán bebé ten auténticos superpoderes. Cando un vilán ameaza a cidade, ambos deberán aprender a colaborar nunha aventura chea de humor, acción e mensaxes positivas.

– Sábado, 13 de decembro ás 17:00 h

– Domingo, 14 de decembro ás 17:00 h

Entradas dispoñibles na billeteira electrónica e nas oficinas do Centro e Cultural e Xuvenil de Muros.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que “seguimos apostando por unha programación variada e de calidade, con propostas que permiten ao público gozar do mellor cinema actual sen saír de Muros”. Engadiu tamén que “é importante ofrecer alternativas para todos os públicos, desde o cine máis autoral ata películas familiares que unen xeracións”.


O Auditorio de Muros programa “Flores para Antonio” e “Cuerpos Locos”, dúas propostas de cine para todos os públicos na fin de semana do 5 ao 7 de decembro

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación de inverno con dúas novas proxeccións que combinan emoción, memoria familiar e humor para todos os públicos. Do venres 5 ao domingo 7 de decembro poderán verse o documental Flores para Antonio e a comedia familiar Cuerpos Locos.

Flores para Antonio”: unha homenaxe íntima ao legado de Antonio Flores


O venres 5 (20:30 h), sábado 6 (20:30 h) e domingo 7 (19:00 h) proxectarase Flores para Antonio, dirixido por Elena Molina e Isaki Lacuesta. O filme segue a Alba Flores na súa busca persoal para reconstruír a memoria do seu pai, o músico Antonio Flores, a través de lembranzas compartidas con familiares e amigos como Rosario Flores, Lolita ou Antonio Carmona.

A crítica destacou o seu ton profundamente humano e sincero
Un documental esencialmente emotivo… revive lembranzas que cobran vida” (Luis Martínez, El Mundo)
Honestidade en cada fotograma desta emotiva película” (Diego Lerer, Micropsia Cine)

Cuerpos Locos”: maxia e humor para público infantil e familiar

O sábado 6 e o domingo 7 ás 17:00 h será a quenda de Cuerpos Locos, unha comedia dirixida por Ana Murugarren. A película relata o disparatado intercambio de corpos entre unha nena de 10 anos e a súa futura madrastra durante un fenómeno meteorolóxico inesperado. Unha aventura chea de humor protagonizada por Paz Padilla, Maia Zaitegi, Antonio Resines e outros nomes coñecidos do cinema español.

A concelleira de Cultura, Caridad González, subliña que “esta fin de semana ofrecémoslle á veciñanza dúas propostas complementarias: por unha banda, un documental moi emotivo que recupera unha figura esencial da música española; e por outra, unha comedia familiar perfecta para gozar coas crianzas. Continuamos así cunha programación variada e apta para todos os públicos”.

Horarios das proxeccións

Flores para Antonio (+12 anos) · 98 min
– Venres 5 de decembro · 20:30 h
– Sábado 6 de decembro · 20:30 h
– Domingo 7 de decembro · 19:00 h

Cuerpos Locos (Todos os públicos) · Comedia familiar
– Sábado 6 de decembro · 17:00 h
– Domingo 7 de decembro · 17:00 h

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil.


O Concello de Muros presenta o seu programa de Nadal con actividades en todas as parroquias

O Concello de Muros vén de presentar o seu programa de Nadal, unha ampla proposta cultural e festiva que se desenvolverá do 2 de decembro ao 10 de xaneiro, con actividades destinadas a todos os públicos e repartidas por todas as parroquias do municipio.

A programación incluirá teatro, festivais, obradoiros, concertos, festas familiares e as tradicionais visitas de Papá Noel e dos Reis Magos, facendo do Nadal un tempo de celebración compartida. O acendido das luces de Nadal terá lugar o venres 5 de decembro ás 18:30 h no Curro da Praza, marcando o inicio oficial das festas.

Un ano máis, o Concello conta coa colaboración dos centros educativos e de numerosas entidades e asociacións locais: AC Ponte Vella; Asociación O Xeito; ANPA Ricardo Tobío; ACRD Cabanas; Asociación Agrocovo; AF Ximiela; Adisbismur; Asociación Abelleira E.; ED Os Miúdos; CA Serres Runners; Coral Don Diego de Muros e Asociación Fouleada, cuxo apoio resulta esencial para o desenvolvemento da programación.

O programa arrancará con obradoiros e unha foliada en Abelleira, previos ao acto de acendido, e continuará ao longo de máis dun mes con múltiples propostas culturais e sociais. As grandes citas do Nadal serán a visita de Papá Noel o 23 de decembro e a Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, dous dos momentos máis esperados por nenos e nenas.

A alcaldesa, María Lago, salienta que se trata dunha “programación ampla e variada, na que traballaron varias concellerías e que levará o Nadal a todas as parroquias de Muros”, agradecendo así mesmo “o agarimo e a colaboración da comunidade educativa e do tecido asociativo local”.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca “un programa moi completo para que as familias poidan desfrutar dunha oferta cultural e festiva de calidade”. Pola súa parte, a concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, subliña “a colaboración das ANPA e de toda a comunidade educativa”, e a concelleira de Igualdade e Muller, Maruxa Martínez, pon en valor “a diversidade de actividades en todas as parroquias e para todas as idades”.

O programa incluirá contacontos, concertos de Nadal da Escola Municipal de Música, teatro, Festas do Nadal e un mercadiño solidario o venres 12 de decembro. Ademais, celebraranse citas destacadas como a Gala do Deporte o sábado 20 de decembro, o Festival Benéfico de Adisbismur o domingo 21, a carrera San Silvestre o día 27 e a Festa de Fin de Ano no Curro da Praza, prevista para a noite do 31 de decembro. O ciclo concluirá o 3 de xaneiro coa Festa de Reis en Esteiro.


TEATRO | O Auditorio de Muros acolle “Sol Fuerza”, a nova comedia crítica de aAntena Teatro, o sábado 29 de novembro

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación escénica de outono-inverno coa representación de Sol Fuerza, da compañía aAntena Teatro, o próximo sábado 29 de novembro ás 20:30 h. A peza, que combina humor, música, memoria e crítica social, propón un percorrido teatral que viaxa polos anos 50, os anos 90 e o presente para reflexionar, con retranca galega, sobre o progreso e o custo que ás veces implica para o territorio.

Sol Fuerza presenta tres historias entrelazadas que teñen como fondo a eterna procura dunha “enerxía galega” capaz de transformar o país. Desde Filek —o misterioso personaxe que nos anos 50 asegurou poder fabricar gasolina a partir de auga— ata Heliodoro Vicente, que nos anos 90 soñaba cun biocombustible feito a partir do toxo, a obra reconstrúe, con ironía e imaxinación, dous episodios reais da nosa historia recente. O presente complétase cunha ollada crítica ao impacto das renovables no rural galego e á pregunta que aínda resoa: progreso ou colonización?

A montaxe conta cun elenco encabezado por Lucía Veiga, nominada aos Premios Goya como Mellor Actriz Revelación, xunto a Manu Fernández e Virxinia Bermúdez, que achegan humor, enerxía e unha profunda conexión coa realidade social galega. A dirección está a cargo de Xosé Leis, e a dramaturxia é de Bernardino Martínez, nunha produción que destaca polo seu ritmo, a súa estética e a súa capacidade de conectar pasado e presente.

A concelleira de Cultura, Caridad González, subliña que “Sol Fuerza é unha obra que combina entretemento e reflexión, que fala da memoria e do futuro de Galicia cun ton directo e accesible. Un teatro necesario que invita a pensar sen renunciar ao humor”.

SOL FUERZA – aAntena Teatro

Sábado, 29 de novembro · 20:30 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada: 4 €
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
https://kinetike.com:83/views/sesionesFuturas.aspx?idPelicula=1119&cine=MUROS


CINE | O Auditorio de Muros incorpora dúas novas propostas de cine familiar: Leo & Lou e Tom y Jerry: Aventura en el tiempo

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica de outono-inverno con dúas estreas especialmente dirixidas ao público familiar: Leo & Lou, unha emocionante película de aventuras e amizade, e Tom y Jerry: Aventura en el tiempo, unha proposta de animación chea de humor e viaxes temporais protagonizada polos personaxes máis icónicos da comedia clásica.

Dirixida por Carlos Solano, Leo & Lou chega como unha das producións familiares máis destacadas do ano. A película conta a historia de Leo, unha nena de 10 anos que decide fuxir dun centro de acollida, e Lou, un home rudo e malhumorado que, por accidente, se converte no seu improvable compañeiro de viaxe rumbo a unha competición de pesca.

O filme reúne un elenco destacado, con Julia Sulleiro, Isak Férriz, Manuel Manquiña, Marta Larralde, María Pujalte e Maggie Civantos, nunha historia que combina humor, emoción e unha celebración da amizade inesperada.

Con guión de Carlos C. Tomé e Carlos Solano, e produción española, británica e romanesa, Leo & Lou destaca polo seu equilibrio entre comedia e sensibilidade, facendo dela unha proposta ideal para ver en familia.

A famosa parella formada por Tom e Jerry regresa á gran pantalla con Aventura en el tiempo, dirixida por Ghang Zhang. Despois dunha frenética persecución no Museo Metropolitan de Nova York, un misterioso portal temporal lévaos a unha cidade inspirada na Antiga China, chea de maxia, guerreiros e criaturas extraordinarias.

Nesta nova aventura, os dous eternos rivais deberán aprender –por primeira vez?– a colaborar para poder regresar ao seu tempo, nunha historia chea de acción, humor e espectaculares escenarios animados.

A película, coproducida por Estados Unidos e China, está pensada para público infantil e familiar (+7 anos), e ofrece unha viaxe divertida e sorprendente a través do tempo.

A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca que “estas dúas estreas reforzan a aposta por unha programación de cine pensada para toda a familia, con historias que combinan entretemento, valores e unha alta calidade audiovisual”.

Información das sesións

Leo & Lou (Todos os públicos · 102 min · Familiar)

  • Venres 21 de novembro · 20:30 h
  • Sábado 22 de novembro · 20:30 h
  • Domingo 23 de novembro · 19:00 h

Tom y Jerry: Aventura en el tiempo (+7 · 103 min · Animación)

  • Sábado 22 de novembro · 17:00 h
  • Domingo 23 de novembro · 17:00 h

Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entrada xeral: 5 €
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil.