SEMINARIO | Realidade virtual e aumentada aplicada aos museos

A charla, que se impartirá en Muros o 11 de xuño, estará a cargo da empresa Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España.

A actividade enmárcase no proxecto Pasaporte REMA, financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) e na que participan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Galegos

O evento, que se pode seguir de xeito online, está aberto a todo o público.

O proxecto Pasaporte REMA achega a cultura do futuro aos museos. Para isto, a fábrica de Sel en Muros acolle o venres, 11 de xuño ás 10 horas, un seminario para mellorar a experiencia dos/as visitantes aos museos mediante o uso da realidade aumentada e virtual, entre outras tecnoloxías.

A charla estará a cargo da startup galega Xoia Extending Reality, creadora do primeiro museo 100% virtual en España. O seu CEO, Xoel Vázquez, explica que “o Museo 4.0 pode proporcionar unha experiencia auténtica e personalizada; que se inicia antes da propia visita ao espazo físico”. O mapeo interior no deseño das salas ou o emprego de sensores e beacons, que son pequenos dispositivos con tecnoloxía bluetooth que permiten a comunicación automatizada; son outros exemplos dos avances tecnolóxicos sobre os que falará durante o seminario.

Os membros da Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (Rede REMA), composta por 31 museos localizados en Galicia, Portugal e Asturias, están convidados a participar no evento. Ademais, calquera persoa ou institución interesada en poñer en valor o patrimonio mariñeiro atlántico europeo pode asistir ao seminario.

As persoas interesadas en acudir deben realizar a súa inscrición previa a través do correo electrónico: info@redrema.eu. A charla poderá seguirse tamén de xeito virtual. O público que non poida acudir de xeito presencial, facilitaráselle o enlace para isto.

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para isto, o proxecto persegue a implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos/as visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.

MÚSICA | Concertos de fin de curso da Escola de Música Municipal de Muros

Concertos no Curro da Praza
2020/2021

XOVES 10 DE XUÑO ÁS 18.00 H

  • Recital de piano
  • Recital de canto

XOVES 17 DE XUÑO ÁS 18.00 H

  • Recital de violín
  • Recital de batería

MARTES 22 DE XUÑO ÁS 18:00 H

  • Recital de guitarra española
  • Recital de guitarra eléctrica
  • Recital de saxofón
  • Recital de gaita galega

TEATRO | Muros celebra as letras galegas con dous espectáculos “Mar adiante” e “A lingua das bolboretas”

O Concello de Muros, co fin de conmemorar o Día das Letras Galegas, programa dous espectáculos, “Mar adiante” de ODAIKO e “A Lingua das bolboretas” de Sarabela.

Actividade: Música e teatro – ODAIKO – “Mar adiante”
Día e hora:
Luns 17 de maio, 18.00 h
Espazo:
Praza do Mercado de Muros
Público preferente:
Familiar/infantil
Prezo da entrada:
De balde
Programa:
Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

ODAIKO é unha formación que nace a raíz das numerosas colaboracións dos seus compoñentes en festivais mundiais, percusionistas multidisciplinares cunha reputada traxectoria ás súas costas, particularidade que os fai moi versátiles, e cun afán de combinar o mellor do pasado cun presente sen limitacións. Para coñecer as súas orixes hai que remontarse ao ano 2002 e á Holanda, sendo no 2004 cando sacan á luz o seu primeiro proxecto.

En “Mar adiante” a acción sitúase nun barco, o Arroás, e nun tempo distante; para sacar ao espectador da vida cotiá e facelo voar coa imaxinación nunha navegación por alta mar. A escenografía consiste nun barco visto de fronte, que se representa con unha cabina de mando en dous pisos. Na parte inferior ábrense dúas ventanas de ollos de boi e portas. A parte inferior e a superior únense cunha escada vertical. Xogos clownescos de persecucións, golpes e caídas que suceden nos dous pisos da cabina de mando, fan suceder as accións. O barco constitúe un enorme instrumento de percusión: o timón é unha matraca, as ventanas de ollo de boi son dous tambores, a escaleira está feita con caixas chinas e os tubos comunicadores son trompetas. Instrumentos que se irán descubriendo ao longo da historia e que soarán en solitario ou acompañando as melodías da marimba, presente na cuberta do barco… A diversión está garantida. 


O sábado da mesma semana chega a Muros “A Lingua das bolboretas”

Actividade: Teatro – Sarabela – “A Lingua das Bolboretas”
Día e hora:
Sábado 22 de maio, 21.00 h
Local:
Auditorio do Centro Cultural e xuvenil de Muros
Público preferente:
Adulto
Prezo da entrada:
3,50 €
Ciclo:
Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

O sábado chega a quenda do público adulto, para poder gozar desta versión teatral dun grande la literatura galega “A Lingua das Bolboretas”, de Manolo Rivas. Que mellor xeito de conmemorar as nosas Letras!

Por medio da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno, Pardal, vaise descubrindo a historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento) é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo, do cru impacto que xera o estalo dunha guerra civil. Volver a Rivas é, para Sarabela, voltar a un dos seus autores “fetiche”. Con A lingua das bolboretas celebran o 40 aniversario de Sarabela. No espectáculo conxugan as historias de dous dos escritos de Manuel Rivas (A lingua das bolboretas e A Traxectoria do Balón). Conta con un gran equipo e co propósito de que a mensaxe chegue nidia, ao tempo que se xoga coas imaxes e coa poética, o que leva a este espectáculo a ser punteiro.

As entradas tén que ser reservadas previamente nas oficinas do centro cultural de Muros, no teléfono 981 762 294 ou no correo electrónico cultura@muros.es As do día 17 xa están ao dispor do público e as do día 22 poden ser reservadas dende o martes 18.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, quere agradecer a colaboración á AGADIC, da Xunta de Galicia; e agarda que poidamos gozar dunhas excelentes tardes de celebración, con estas propostas, que conxugan música, teatro e moito bo facer.


TEATRO | Sábado 17 de abril, ás 18:00 h. Culturactiva – “Rosalía”

Día e hora: sábado 17 de abril, 18:00 h.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Culturactiva – “Rosalía”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

Culturactiva SCG presenta a Rocío González e Cristina Collazo en “Rosalía”, unha proposta para todos os públicos, de creación propia e dirixida por Fina Calleja.

O espectáculo trasládanos a Rosalía de Castro na súa nenez, a unha Rosalía atrevida, máxica, activa e que nos amosa o porque da súa obra dun xeito realmente ameno e divertido.

María Rosalía Rita agóchase no faiado, pechando a porta, facéndose forte nese lugar máxico que ben coñece, que habitou en segredo e que está ateigado de tesouros. Hoxe mesmo veñen buscala, xa lle puxeron o seu traxe de fidalguiña e uns zapatiños que non lle acaban de acaer ben. Debe abandonar a aldea para ir vivir coa súa nai despois de anos baixo a tutela das súas tías paternas. Ao outro lado a súa boa amiga Eduarda cántalle medio tristeira medio burleira: Ritamá, Ritasá, Ritatá! Sae xa! Rosatí, Rosamá, Rosaví! Sae de aí!. Quen a poderá́ convencer para que abra a porta e se comporte como unha señorita ben educada? E no caso de facelo, que cousas poderá́ levar desta vida que é a que coñece ata o de hoxe?

María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.

Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia.

Culturactiva SCG tamén traballa como compañía produtora e esta é unha das súas últimas propostas.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC. As entradas teñen que ser reservadas nas oficinas do centro cultural, ou no teléfono 981762294, ao prezo de 2,50 €.

A concelleira de cultura, Mayka González, anima a todo o público familiar da veciñanza a reservar a súa entrada, seguro que gozarán deste magnífico espectáculo.


TEATRO | Sábado 10 de abril, ás 20:15 h – Producións teatrais Excéntricas – “Strela do día”

O SÁBADO NO CENTRO CULTURAL DE MUROS, O NOVO  ESPECTÁCULO, RECÉN ESTREADO, DE EXCÉNTRICAS “STRELA DO DÍA”

Día e hora: sábado 10 de abril, 20:15 h
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Producións teatrais Excéntricas – “Strela do día”
Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

O sábado 10 de abril, ás 20:15 h, representarase no Auditorio do Centro Cultural de Muros a nova gran obra da compañía Producións teatrais Excéntricas, “Strela do día”, que foi estreada en Coruña o mes pasado e Muros será a terceira praza na que o público poida gozar deste gran espectáculo.

ESTRELA DO DÍA, é unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor.  baseada nalgúns dos milagres da Virxe María contados por Afonso X o Sabio, nas Cántigas de Santa María. Por certo, Afonso X está de 800 aniversario. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de EVARISTO CALVO, ROCÍO GONZÁLEZ, VÍCTOR MOSQUEIRA e PATRICIA VÁZQUEZ, baixo a dirección de MARCOS PTT CARBALLIDO, e seguindo os textos de QUICO CADAVAL

Unha visión actualizada dos milagres de santa María aplicados aos problemas actuais (asombrosamente parecidos aos daquel século XIII). Volverán a desfilar diante dos nosos ollos, neste retablo do século XX, os soldados que foxen da guerra, a mociña obrigada a casar con quen non quere, os que expulsados dos seus lares son amoreados coma gando, os presos por roubar comida, a monxa que foxe do convento, o que cansado deste mundo quere vivir noutro sen morrer, o que perde unha pelota e daría o que tén para seguir xogando, a que foxe da manda de brutos que a acosan, os que perden a compaña do animal que prefiren a calquera humano, a que procura a curación da enfermidade mortal…

A compañía Producións teatrais Excéntricas, fundada por Quico Cadaval e o dúo cómico Mofa e Befa, é ben coñecida de tódolos muradáns amadores do teatro, pois á repercusión mediática dos seus compoñentes, hai que sumar que é unha habitual no noso espazo escénico, no que sempre deixan bo facer e un gran sabor de boca.

O espectáculo está inscrito na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas xa poden ser reservadas nas oficinas do centro cultural, ou no teléfono 981762294, ao prezo de 3,50 €.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a tódolos muradáns a que reserven a súa entrada, e a gozar do bo facer artístico dos nosos convidados. Adianta, ademais, que ao sábado seguinte, día 17, será a quenda dos máis novos, coa representación de “Rosalía”, espectáculo producido por Culturactiva.

TEATRO | Sábado 20 de marzo, ás 20:30 h – ButacaZero – “32 m2”

  • Día e hora: sábado 20 de marzo, ás 20:30 h
  • Local: Auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros
  • Actividade: Teatro – ButacaZero – “32 m2

O equipo de goberno e o departamento de cultura de Muros, quixeron que visitara a nosa localidade, o sábado 20 de marzo, a compañía ButacaZero; coa fin de amosar ao público de Muros a súa produción “32 m2”, da rianxeira Esther Carrodeguas, quen tamén codirixe con Xavier Castiñeira, este espectáculo que protagonizan Nuria Gullón e Xurxo Cortázar, con música orixinal deRodrigo Cuevas; e que foi estreado a pasada fin de semana en Vigo, conmemorando o aniversario do confinamento provocado polo COVID19.

Xan e Mar viven tranquilamente a súa vida AntiSistema no seu pequeno piso de 32 m2. Mar traballa todo o día fóra da casa e Xan limpa, cociña, frega, vai ao supermercado, e, de tanto en tanto, le o seu xornal favorito: un do 2003. Pero un día, o mundo esmendréllase. Xan fica atrancado na claraboia e no supermercado non hai papel hixiénico. A xente di que é todo culpa dun Virus. Pero quen se fía da xente? É todo tan raro que non lles queda máis remedio que poñer a tele, agochada quen sabe onde dende quen sabe cando. Nada máis prendela, o Presidente dá unha nova inclasificable: está prohibido ir a traballar. Mar non dá creto: por fin un Presidente que entende á clase traballadora! Xan non dá creto: dende cando á súa muller lle gusta o que di o Presidente?

Así arranca esta peza de teatro do absurdo: do absurdo no que comezamos a vivir no mes de marzo de 2020, que cambiou as nosas vidas xa para sempre. Un absurdo no que as Curvas, o Medo e a Morte cada vez ocupan máis espazo entre as paredes das nosas vidas.

“32m2” é un enredo co que todo o público se poderá́ sentir identificado,  pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual  e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés. Unha comedia que é máis que unha obra de teatro, unha forma de re-aprendernos dende a indulxencia. 32m2 é esa obra na que dalgunha maneira todos estamos alí arriba: é un intento de catarse colectiva ante un acontecemento xeracional que marcará as nosas vidas para sempre: o confinamento.

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propón un teatro que dialoga directamente co mundo actual. A investigación e a reflexión dende a crítica e a ironía son as claves que a definen, as súas propostas mesturan a tradición teatral coas posibilidades que ofrece o audiovisual en  escena, pois Esther Carrodeguas chega ao teatro despois de máis de dez anos traballando en televisión. ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 con Voaxa e Carmín, espectáculo que tamén poidemos gozar en Muros e será custoso esquecer.

As entradas, con un prezo de 3,50 €, teñen que ser reservadas previamente nas oficinas do centro cultural, no teléfono 981762294, ou no correo electrónico cultura@muros.es. Este espectáculo está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC e a concelleira de cultura anima a todo o público de Muros a que se animen a compartir esta experiencia.


TEATRO INFANTIL | O Centro Cultural de Muros retoma a programación escénica

Despois deste novo parón imposto pola situación sanitaria que padecemos, o centro cultural e xuvenil de Muros retoma a súa actividade a vindeira fin de semana, con dous espectáculos destinados a público familiar, “Buscando a Rosalía”, de Raquel Queizás, un contacontos organizado pola Biblioteca municipal de Muros coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística, co financiado pola Excma. Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia; que terá lugar o venres 12, ás seis da tarde, no que a entrada será de balde previa reserva, pois por mor da obrigatoriedade de respecto de distancias, etc, o aforo segue reducido a 50 prazas, e o acceso é sempre previa reserva telefónica no 981762294. Ao día seguinte, o sábado sábado 13 de marzo, ás 18:00 horas poderemos gozar neste mesmo espazo, Auditorio do Centro Cultural e xuvenil de Muros, da actividade de teatro, da compañía A Xanela do Maxín , “A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”. Incluído no Programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC

CONTACONTOS | RAQUEL QUEIZÁS “Buscando a Rosalía

Venres, 12 de marzo ás 18.00 h
Auditorio municipal de Muros – Biblioteca municipal de Muros
Entrada: gratuíta
Raquel Queizás
Reserva previa: no 981 762 294

Servizo de Normalización Lingüística
Deputación da Coruña, Xunta de Galicia


TEATRO | A XANELA DO MAXÍN  “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”

Sábado, 13 de marzo ás 18.00 h
Auditorio municipal de Muros
Entrada: 2,50 € (reserva obrigatoria no 981 762 294)
Público familiar

Rede Galega de Teatros e Auditorios
Agadic


ENTROIDO | Álbum de murgas ou coplas de Entroido

Normas

 Dende o día 3 ao 10 de febreiro tódalas persoas ou grupos interesados poden mandar a gravación de murgas ou coplas de Entroido por whatsapp ao teléfono 699 689 296 ou correo cultura@muros.es

O arquivo de vídeo deberá ir acompañado dunha ficha idenficativa da persoa responsable (indicando nome completo, enderezo e teléfono de contacto).

A gravación non pode exceder dos dous minutos de duración.

As murgas ou coplas teñen que estar gravadas a capela ou acompañadas de música en directo producida por instrumentos tradicionais.

Os vídeos difundiranse por medio da canle de youtube do Concello de Muros.

Os traballos que acaden máis número de “Gústame” obterán agasallos conmemorativos.


CULTURA | Obradoiro “Construímos un relato” en Muros

Muros acollerá, ao longo do mes de marzo, un obradoiro en liña dirixido a persoas vinculadas ao seu tecido sociocultural, con interese na divulgación e creación de contidos participativos na contorna dixital.

Esta actividade, promovida pola entidade cultural BenCuriosa coa colaboración da área de Cultura do Concello de Muros, é gratuíta grazas ao financiamento da Deputación da Coruña.

O obxectivo deste obradoiro, impartido por BenCuriosa, é que as participantes experimenten coa difusión dixital de contidos relacionados co seu territorio e veciñanza, empregando diversas ferramentas, aproveitando a interconexión entre elas e potenciando a participación da comunidade.

O obradoiro Construímos un Relato desenvolverase no mes de marzo, con tres sesións en liña a través da plataforma Zoom:

  • Sesión inicial: 2 de marzo (18:30)
  • Segunda sesión: 9 de marzo (18:30)
  • Sesión de peche: 23 de marzo (18:30)

A duración das sesións será de 1h30’

As participantes terán acceso aos contidos en liña e participarán nunha dinámica tirorizada de exercicios e desenvolvemento dun proxecto común.

O obradoiro CONSTRUÍMOS UN RELATO ten capacidade para 20 persoas.

As prazas adxudicaranse seguindo un criterio exclusivamente cronolóxico.

A inscrición está aberta ata o 12 de febreiro.

As persoas interesadas simplemente deben cubrir este sinxelo formulario:

https://forms.gle/LDGLimLBSiGqdnXU6


NADAL | Programación 2020/21

3 | 4 de decembro 16.00 h
OBRADOIRO DE COROAS DE NADAL
Inscrición e información: Centro Cultural e Xuvenil de Muros, do 30 de novembro ao 3 de decembro

Venres 4, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
CONTACONTOS | TARABELOS “O TRAXE NOVO DO REI”

Sábado 5.
ACENDIDO DAS LUCES DE NADAL

Domingo 6, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
CINE | “ESPÍAS CON DISFRAZ”

Mércores 9, 17.30 h | Axencia de lectura de Esteiro
CONTACONTOS DE NADAL | O MAGO PACO “MAXIA DIVERTIDA 3.0”

Sábado 12, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
TEATRO | GHAZAFELHOS “A ILLA SEN TESOURO
Rede Cultural Deputación da Coruña

Domingo 13, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
MÚSICA E DANZA | O FIADEIRO “A ÚLTIMA VERBENA”
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

18 | 19 | 20 | 26 | 27 de decembro
CAMPIONATO DE PÁDEL
Información e inscrición: Piscina Municipal de Muros, ata o 15 de decembro

Venres 18, 20.30 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
TEATRO | QUINQUILLÁNS “A PLUMA VIVA DE ROSALÍA”
Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

Sábado 19, 20.30 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
AVELINO GONZÁLEZ “CONTOS QUE FORON CHISTES”
Rede Cultural Deputación da Coruña

Domingo 20, 18.00 h. | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
CINE | “SANTA CLAUS & CIA”

Sábado 26, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
TEATRO-CIRCO | PISTACATRO “PETIT CABARÉ PISTACATRO
R.G.T.A. da AGADIC

Domingo 27, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
CINE | “SMALLFOOT”

28 | 29 | 30 de decembro e 4 | 5 de xaneiro 11.00 h | ESTEIRO e MUROS
ACTIVIDADES INFANTÍS DE NADAL
Inscrición e información: Centro Cultural e Xuvenil de Muros

Sábado 2 de xaneiro, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
MÚSICA | TROPA DE TRAPO “CONTOS DE NENAS GRANDES E PEQUENAS”

Domingo 3 de xaneiro, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
MÚSICA | PAKOLAS “ROCKEANDO CON RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO”

Domingo 3 de xaneiro, 20.30 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
CINE | “A ILLA DAS MENTIRAS”

Luns 4 de xaneiro, 18.00 h | Centro Cultural e Xuvenil de Muros
MÚSICA | ESPERANZA MARA “A ELFA CARMIÑA”

Martes 5 de xaneiro, 16.00 h | Igrexa parroquial de Muros
RECEPCIÓN DOS REIS MAGOS
Coorganiza Asociación Fouleada de Muros

Normas: PRAZAS LIMITADAS. Reserva previa no 981 762 294. Respecto medidas sanitarias

Organiza CONCELLO DE MUROS
Colaboran: Excma. Deputación da Coruña | Xunta de Galicia: AGADIC -Secretaría Xeral de Política Lingüística – Xacobeo 2021