Carlos Blanco ofrecerá un segundo pase de “A penúltima” en Muros debido á gran demanda do público

O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o sábado 14 de marzo o espectáculo A penúltima, do humorista galego Carlos Blanco, unha das figuras máis recoñecidas da comedia en Galicia.

Debido á gran demanda do público, a concellería de Cultura programará unha segunda función o mesmo día ás 22:30 horas, permitindo que máis persoas poidan asistir ao espectáculo.

A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “debido á gran demanda e escoitando á veciñanza decidimos programar un novo pase, para que máis persoas teñan a oportunidade de gozar do espectáculo de Carlos Blanco en Muros”.

En A penúltima, Carlos Blanco presenta un monólogo no que mestura historias novas con outras xa coñecidas do seu repertorio, sempre coa retranca e o humor que o caracterizan. Un espectáculo directo e próximo ao público no que, durante uns 70 minutos, as risas están garantidas.

Venda de entradas

As entradas para esta nova función poñeranse á venda o venres 6 de marzo ás 9:00 horas.

Venda presencial

  • Oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
  • 80 entradas dispoñibles
  • Máximo 3 entradas por persoa
  • Prezo: 5 €
  • Pagamento en efectivo ou tarxeta

Venda por internet

  • 80 entradas dispoñibles
  • Máximo 3 entradas por persoa
  • Prezo: 5 €

Non se aceptan reservas nin devolucións. A organización resérvase o dereito a modificar estas condicións por causa xustificada.