Debido ao aprazamento do Concurso de Comparsas do Concello de Muros para o domingo 22 de febreiro, ábrese un novo prazo de inscrición ata as 14:00 horas do mércores 18 de febreiro.
Poderán inscribirse persoas a título individual, grupos e comparsas.
As persoas e colectivos que xa estaban inscritos no concurso manteñen automaticamente a súa inscrición para a nova data.
As solicitudes poden presentarse no rexistro xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou polos medios previstos na normativa vixente.
As sesións terán lugar do 20 ao 22 de febreiro no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
A programación combina comedia para público adulto e animación familiar
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá do 20 ao 22 de febreiro unha nova fin de semana de cinema cunha dobre proposta dirixida a públicos diversos, coa proxección de Aída y vuelta e Como cabras (GOAT).
“Aída y vuelta”, dirixida por Paco León e protagonizada por parte do elenco da coñecida serie, sitúa a acción no rodaxe dun episodio da ficción televisiva, combinando as tramas dos personaxes co que acontece fóra da cámara. A película propón unha reflexión en clave de comedia sobre os límites do humor, o traballo do cómico e o impacto da fama, mantendo o ton irreverente que caracterizou a serie. As sesións terán lugar o venres 20 e sábado 21 de febreiro ás 20:30 horas, e o domingo 22 ás 19:00 horas. A película non está recomendada para menores de 12 anos.
Para o público infantil e familiar, o auditorio proxectará “Como cabras (GOAT)”, unha aventura de animación que conta a historia de Will, unha pequena cabra que recibe a oportunidade de xogar ao rugebol profesional, un deporte de alta intensidade dominado polos animais máis fortes e rápidos. Un relato cheo de humor, ritmo e valores como a amizade, o esforzo e a superación. As sesións celebraranse o sábado 21 e domingo 22 de febreiro ás 17:00 horas.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “esta programación permite ofrecer cine para distintos públicos na mesma fin de semana, combinando unha proposta para adultos cunha película familiar pensada para compartir”.
As entradas están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
A comisión das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, reunida o 5 de febreiro, acordou por unanimidade que as datas de celebración da edición de 2026 serán os días 10, 11 e 12 de xullo.
Este acordo supón o primeiro paso para iniciar os traballos de organización e planificación dun dos eventos culturais máis destacados do calendario muradán, permitindo avanzar na coordinación coas entidades e asociacións.
A Concellería de Cultura do Concello de Muros publicou as bases reguladoras e a convocatoria do Concurso de Comparsas do Entroido 2026, unha das citas máis destacadas da programación do Entroido municipal.
O concurso celebrarase o domingo 15 de febreiro de 2026 e repartirá máis de 3.500 euros en premios, con categorías para disfraces individuais, grupos, comparsas, carrozas e murgas/coplas.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, animou á veciñanza a sumarse ao certame e destacou que “o concurso de comparsas é un dos momentos máis esperados do Entroido, unha festa feita para participar, crear e compartir”. “Convidamos a toda a veciñanza, asociacións e grupos de amigos e amigas a participar e a encher as rúas de imaxinación e humor”.
Inscricións
O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de febreiro de 2026 ás 14:00 horas. Poderán participar entidades, grupos non constituídos legalmente e persoas a título individual.
As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Muros, a través da sede electrónica municipal ou polos medios previstos na normativa vixente.
● A proposta combina monicreques, conto e burbullas nun espectáculo pensado para público infantil e familiar ● A función terá lugar este sábado, 7 de febreiro, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
A Concellería de Cultura do Concello de Muros continúa coa programación de artes escénicas coa chegada do espectáculo familiar El professor Bromera, da compañía catalá Cía. MeLaBuffa, que se representará este sábado, 7 de febreiro, ás 18:00 horas, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
“El professor Bromera” é unha proposta de monicreques e burbullas dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos. Nun laboratorio cheo de luz e misterio, un científico entrañable convida a descubrir un mundo invisible onde a auga e o xabón crean formas sorprendentes. A través dun conto con voces e monicreques, o público participa nunha experiencia colectiva chea de imaxinación, xogo e poesía visual.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “El professor Bromera é un espectáculo pensado para compartir en familia, que combina diversión e creatividade cunha linguaxe visual moi coidada”. “Dende a Concellería seguimos apostando por achegar propostas de calidade ao público infantil e familiar, favorecendo o acceso á cultura desde as primeiras idades”, engadiu.
A función terá unha duración aproximada de 55 minutos e o prezo da entrada será de 3 euros.
Información práctica
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros Sábado, 7 de febreiro | 18:00 h Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Entroido celebrarase entre o 4 e o 21 de febreiro con actividades en distintas parroquias do concello
O concurso de comparsas repartirá máis de 3.500 euros en premios e haberá festa de Entroido baixo carpa con DJ
A concellería de Cultura do Concello de Muros presentou o programa do Entroido 2026, unha ampla e diversa proposta de actividades que se desenvolverán entre os días 4 e 21 de febreiro en diferentes puntos do municipio, coa colaboración de asociacións culturais, ANPAS e colectivos veciñais.
O programa inclúe obradoiros, contacontos, festas infantís de disfraces, música, festas populares e actos tradicionais, e ten como citas destacadas o desfile e concurso de comparsas de Muros, que repartirá máis de 3.500 euros en premios, así como a festa nocturna de Entroido baixo carpa con DJ, que se celebrará no Curro da Praza. Dúas propostas que reforzan o carácter festivo do Entroido e consolidan Muros como un referente comarcal desta celebración.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, sinalou que “o Entroido é unha das festas máis participativas e esperadas do ano, e este programa busca implicar a toda a veciñanza, chegando a distintas parroquias e apostando tanto polo público infantil como polo adulto”. González Cerviño destacou tamén que “o concurso de comparsas e as festas son dous momentos clave do Entroido en Muros, pensados para dinamizar e favorecer a convivencia arredor da cultura e da tradición”.
Programa do Entroido 2026
Mércores, 4 de febreiro 18:00 h · Obradoiro de máscaras de Entroido Axencia de Lectura de Esteiro
Mércores, 11 de febreiro 18:00 h · Contacontos Flipa cos contos, con Fran Campos Axencia de Lectura de Esteiro
Venres, 13 de febreiro 18:00 h · Festa infantil de disfraces Centro de Sorribos (Abelleira) Colabora: AC Ponte Vella
Sábado, 14 de febreiro 17:00 h · Entroido Esteirán Saída da rotonda de Creo e, ao remate, chocolate con churros na Alameda de Esteiro Organiza: AC O Xeito
23:00 h · Festa de Entroido con DJ baixo carpa Curro da Praza (Muros)
Domingo, 15 de febreiro 17:00 h · Desfile e concurso de comparsas de Muros Saída dende a Virxe do Camiño e chegada ao Curro da Praza Actuación: La Maquinaria Band
Luns, 16 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces Pavillón As Insuas (Serres) Colabora: ANPA Valdexería
17:00 h · Festa infantil de disfraces Pavillón Xosé Lago (Esteiro) Colabora: ANPA Ricardo Tobío
Martes, 17 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces Centro Social de Louro Colabora: ANPA Louro e SC Monte Louro
Mércores, 18 de febreiro 17:00 h · Enterro do Facundo Saída dende a Praza do Cristo e queima na praia do Castelo Actuación: La Maquinaria Band
Venres, 20 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces da biblioteca Centro San Xosé (Muros)
Sábado, 21 de febreiro 17:00 h · Festa infantil de disfraces Centro Agrovello (Tal) Colabora: ACRD Cabanas
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros proxectará un thriller psicolóxico para público adulto e unha película familiar de animación
As sesións terán lugar entre o venres 30 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica cunha fin de semana dobre de cine que combina suspense e entretemento familiar coa proxección de La asistenta e Zootrópolis 2.
La asistenta, protagonizada por Sydney Sweeney e Amanda Seyfried, é un intenso thriller psicolóxico baseado no fenómeno literario de Freida McFadden. A película segue a historia dunha moza cun pasado complicado que comeza a traballar como asistenta nunha luxosa casa, onde o que semella unha oportunidade para empezar de novo convértese axiña nun perigoso xogo de segredos, silencios e tensión.
Pola súa banda, Zootrópolis 2 trae de volta aos inspectores Judy Hopps e Nick Wilde nunha nova aventura chea de humor, acción e emoción para gozar en familia. Nesta ocasión, deberán investigar a chegada dun misterioso réptil que pon patas arriba a metrópolis dos mamíferos e pon a proba a súa amizade.
A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que “esta dobre proposta permite ofrecer cinema para públicos diversos, combinando unha historia intensa e actual cunha película familiar que aposta polos valores da amizade e a convivencia”. “Queremos que o auditorio siga sendo un espazo de encontro arredor da cultura e do lecer compartido”, engadiu.
As sesións de La asistenta terán lugar o venres 30 e sábado 31 de xaneiro ás 20:30 horas e o domingo 1 de febreiro ás 19:00 horas. Zootrópolis 2 proxectarase o sábado 31 de xaneiro e o domingo 1 de febreiro ás 17:00 horas, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá o sábado 24 de xaneiro ás 20:30 h a representación de Os dous de sempre, unha peza teatral de Producións Teatrais Excéntricas protagonizada por Mofa e Befa, dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, xunto a Josito Porto.
O espectáculo recupera as icónicas personaxes creadas por Castelao, Pedriño e Rañolas, dous amigos tan opostos como inseparables que encarnan unha das parellas máis recoñecibles da tradición humorística galega. Un é un soñador idealista e arriscado; o outro, un materialista medorento e pragmático. Xuntos representan a clásica oposición entre corpo e alma, estómago e corazón, presente en grandes duplas da literatura e do humor universal.
Dende a Concellería de Cultura, Caridad González sinala que “Os dous de sempre é unha oportunidade magnífica para achegar ao público unha das obras máis representativas de Castelao dende o humor e a escena, da man de dúas figuras fundamentais do teatro galego como Mofa e Befa”. A concelleira destaca tamén que “este espectáculo abre a programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2026 no auditorio, reforzando a aposta por unha oferta cultural estable, de calidade e con identidade propia”.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros presenta a súa programación de artes escénicas para o primeiro semestre de 2026, cun total de oito espectáculos entre xaneiro e abril que combinan teatro, comedia, monólogo, maxia, circo e propostas familiares.
A programación estréa se o 24 de xaneiro con “Os dous de sempre”, de Producións Teatrais Excéntricas, e contará con nomes destacados da escena galega como Carlos Blanco, Quico Cadaval, Mago Teto ou Iria Pinheiro, xunto a compañías como Pistacatro ou a catalana Cía.MelaBuffa.
Dende a Concellería de Cultura, Caridad González destaca “esta programación mostra a vontade do Concello de Muros de manter unha oferta cultural estable, diversa e de calidade, que combine grandes nomes das artes escénicas galegas con propostas innovadoras e espectáculos pensados tamén para o público familiar”.
As entradas para o primeiro espectáculo, “Os dous de sempre”, de Producións Teatrais Excéntricas (Mofa e Befa), xa están á venda.
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros continúa coa súa programación cinematográfica familiar coa proxección de 200 % Wolf: Pequeno gran lobo, unha divertida e emocionante película de animación que poderá verse durante a fin de semana do sábado 17 e domingo 18 de xaneiro, ás 17:00 h.
Nesta nova entrega, Freddy Lupin, o caniche máis valente do cinema, regresa cunha misión chea de acción e emoción. Tras pedir un desexo que nunca imaxinou que se faría realidade, Freddy consegue transformarse nun gran lobo, pero a cambio pon en perigo a vida do seu novo amigo Moopoo, un espírito lunar. Xunto á súa pandilla, Freddy deberá emprender unha carreira contrarreloxo para devolvelo ao seu fogar antes de que a súa luz interior se apague para sempre.
Dirixida por Alexs Stadermann, 200 % Wolf é unha proposta de animación pensada para público infantil e familiar, que combina aventura, humor e valores como a amizade, a responsabilidade e a importancia de asumir as consecuencias das propias decisións.
A concelleira de Cultura, Caridad González, sinala que “200 % Wolf: Pequeno gran lobo é unha opción perfecta para gozar do cine en familia, cunha historia entretida e chea de mensaxes positivas, que se suma á aposta do auditorio por ofrecer programación cinematográfica para todos os públicos”.
Sesións:
Sábado, 17 de xaneiro ás 17:00 h
Domingo, 18 de xaneiro ás 17:00 h
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros ou nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.