BASES DO CONCURSO DE CARTEIS PARA AS XX XORNADAS DE CULTURA MARIÑEIRA “MUROS MIRA AO MAR”

BASES DO CONCURSO DE CARTEIS PARA AS XX XORNADAS DE CULTURA MARIÑEIRA “MUROS MIRA AO MAR”

  1. Obxecto
    O obxecto destas bases é a regulación do concurso de carteis anunciadores das XX Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar” que terán lugar o 4, 5 e 6 de xullo, e ten coma finalidade que alumnado dos centros de ensino municipais, así como, aqueles colectivos que traballen con persoas con diversidade funcional do concello de Muros, expresen de xeito creativo o seu concepto e/ou as súas vivencias das xornadas “Muros Mira ao Mar”.
  2. Participantes
    Poderá participar todo o alumnado de todos os centros educativos do municipio e aqueles colectivos que traballen con persoas con diversidade funcional do concello de Muros. Os traballos poderán ser individuais ou colectivos.
  3. Características e xeito de presentación das obras
    a. Características:
    Non se establecen límites na composición artística, nin nas técnicas empregadas nas obras que se presenten. Os traballos serán preferentemente de tamaño A3 e deben evitar a tridimensionalidade. Os traballos han de ser orixinais e inéditos.
    b. Lema:
    Na parte traseira dos traballos figurará un lema, que servirá para preservar a identidade da súa autoría e o nivel da etapa educativa á que pertence. No sobre anexo pechado constará o mesmo lema no exterior e no seu interior os datos referidos á autoría: nome completo da/s autorías, centro de ensino e curso.
    c. Tema:
    O tema central das XX Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar” será “A gastronomía mariñeira”, mais este tema nomeámolo só como inspiración, os traballos presentados non están obrigados a facer referencia a el.
  4. Premios
    Seleccionarase un traballo como 1o clasificado de cada ciclo educativo e de cada colectivo que traballen con persoas con diversidade funcional, e de entre eles a obra gañadora que será a que se editará como cartel anunciador das xornadas.
    O premio poderá quedar deserto se o xurado considera que a calidade das obras presentadas non é suficiente, ou se as características non se adaptan para a súa reprodución.
    Cada un dos 1o clasificados recibirá un diploma conmemorativo e un agasallo. O premio para a obra gañadora consistirá nun vale de compra para un establecemento comercial do municipio por un valor de 150,00 €.
  5. Lugar e prazo de presentación
    Os traballos presentaranse nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros ata o 6 de maio de 2025.
  6. Xurado
    Estará formado por:
     Alcaldía ou persoa na que delegue
     2 persoas da comisión organizadora das xornadas
     1 persoa representante de cada centro de ensino participante
     1 persoa representante dos colectivos que traballen con persoas con diversidade funcional
    A comisión do xurado reunirase para o fallo do concurso o xoves 8 de maio ás 18:00 h nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
  7. Obra gañadora
    A obra gañadora representará a imaxe da XX edición das Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, polo que serán cedidos todos os dereitos de reprodución ao Concello.
    A participación leva implícita a autorización para que na súa reprodución se inclúan os anagramas das entidades colaboradoras, así como, pequenas adaptacións para que se axuste aos diferentes materiais que se editen.
  8. Traballos non premiados
    Todos os traballos que se presenten poderán ser expostos ao público durante as xornadas. Os non premiados poderán ser recollidos polas súas autorías nas oficinas do Centro Cultura e Xuvenil de Muros, dende agosto ata outubro de 2025.
  9. Publicidade
    Estas bases e o traballo gañador anunciarase na páxina web do Concello de Muros e no taboleiro de anuncios do Concello de Muros.
  10. Aceptación
    A participación no concurso implica a aceptación destas bases.