BANDO | Novas medidas pola COVID-19 (17.02.2021)

María Inés Monteagudo Romero, como alcaldesa-presidenta do Concello de Muros, en base ás atribucións que me confire a lei  FAGO SABER:

Que no Decreto 26/2021 da Presidencia da Xunta de Galicia e na Orde do 15 de febreiro da Consellería de Sanidade, á vista do indicado nos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, e as recomendacións do comité clínico, adóptanse as seguintes medidas, que terán efectos dende as 00:00 h do día 17 de febreiro ata as 00:00 h do día 3 de marzo:

-Mantéñense as restricións en canto á mobilidade (o territorio do propio concello), limitación de grupos (convivintes), e liberdade de circulación (limitada entre as 22:00 h e as 06:00 h), coas excepcións contempladas na norma.

Comercio retallista e actividades de servizos profesionais abertos ao público, que non formen parte de centros ou parques comerciais, non poderán superar o 50% do aforo. O horario de peche establécese ás 21:30 h, agás que teñan fixado un horario inferior. Deberá manterse a distancia de seguridade  interpersoal e uso da máscara. Deberán prestar servizo preferente a maiores de 65 anos, debidamente sinalizado.

-Reanúdase a celebración do mercado semanal, co 50% dos postos.

-Actividade deportiva e competicións federadas e adestramentos: a práctica da actividade física e deportiva non federada só poderá realizarse ao aire libre de forma individual ou con persoas convivintes e coa utilización de máscara. A actividade deportiva federada axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados. Reapertura de instalacións deportivas nas que se celebren adestramentos de ámbito federado, cos vestiarios ou zonas de ducha ao 30% da capacidade máxima permitida, procedendo á limpeza e desinfección despois de cada uso e ao final da xornada.

-Continúan pechados os parques infantís, ximnasio, pavillóns, recintos deportivos, pista de pádel e piscina.

Bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais: reapertura da sala de exposicións de Sel, Casa da Cultura, bibliotecas municipais e aula CEMIT cos horarios habituais e 30% do aforo. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nestes espazos e cun máximo de ata catro persoas nas actividades de grupos, excluído o/a monitor/a.

Hostalaría e restauración: unicamente se permite o servizo para recoller no establecemento (ata as 21:30 h) ou a entrega no domicilio (ata as 00:00 h).

-Restablécese, a partir das 00:00 h do día 22 de febreiro, a actividade lectiva presencial na ESMU e os ensaios na NASMO, excepto as clases que impliquen a utilización de instrumentos de vento e/ou exercicios de canto, que continuarán de forma telemática.

Muros, 16 de febreiro de 2021

A alcaldesa

M. Inés Monteagudo Romero