As XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar” xa teñen cartel

O Concello de Muros deu a coñecer o fallo do xurado do concurso de carteis das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, unha edición na que se destacou especialmente o gran nivel das propostas presentadas.

O cartel gañador desta edición foi a obra titulada “Se che gusta a festa e o mar non esquezas vir a Muros Mira ao Mar”, realizada por Noa Fernández Lestón, alumna de 3º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.

O resto de obras premiadas foron as seguintes:

  • Premio entidades que traballan con colectivos con diversidade funcional: “Non fala do mar, vive a tradición e nace o sabor”, realizado polas persoas usuarias do centro de Valadares de ADISBISMUR.
  • Premio Educación Infantil: “Os golfiños”, realizado por todo o alumnado de 4º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
  • Premio 1º ciclo de Educación Primaria: “Mar”, de Avril Rama Rodríguez, alumna de 2º curso do CEIP Ricardo Tobío.
  • Premio 2º ciclo de Educación Primaria: “Se che gusta a festa e o mar non esquezas vir a Muros Mira ao Mar”, de Noa Fernández Lestón, alumna de 3º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
  • Premio 3º ciclo de Educación Primaria: “En Muros sempre xogamos, pero máis bailamos”, de Candela Lestón Fernández e Leire Santiago Luaces, alumnas de 5º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.
  • Premio Educación Secundaria: “A redeira”, de Lúa Lago Lago, alumna de 1º da ESO do IES As Insuas.

O xurado concedeu ademais dúas mencións especiais aos traballos “Onde a lingua se fai salitre”, realizado por Jorge Fernández, Carlos Figeuroa e Alejandro Cambeiro, alumnos de 6º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez, e “Arenisca”, de Sara Lourenzo Castro, alumna de 3º curso do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.

O concurso de carteis forma parte das actividades previas das XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”.