Actividades educación ambiental

Icono Dep - Medio Ambiente

DIRECTORIO

Actividades | 2025

O Concello de Muros, o Concello de Carnota e Espina & Delfín, empresa concesionaria dos servizos de augas, puxeron en marcha a campaña “A auga é vida. Aprovéitaa” co obxectivo de fomentar un consumo responsable e consciente da auga entre a veciñanza.

A iniciativa busca sensibilizar sobre a importancia da preservación dos recursos naturais. A escaseza de precipitacións, as elevadas temperaturas e os efectos do cambio climático, especialmente durante a época estival, teñen un gran impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para manter as reservas hídricas durante todo o ano é fundamental realizar un consumo eficiente da auga potable.

En 2024, o volume de auga consumida en Muros foi de 873.816 m³, cunha media de 72.818 m³/mes. Esta cantidade foi superada nos meses de febreiro e de xuño a outubro, sendo agosto o de maior consumo, con 98.825 m³. Os datos do Concello evidencian a importancia de consumir auga de maneira responsable durante todo o ano, non só na tempada estival.

A campaña incide en pequenos xestos do día a día que poden marcar a diferenza, como pechar a billa mentres se enxaboan os pratos, non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo vertedoiro, ducharse en vez de bañarse ou utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas. Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns, así como pechar a chave de paso en caso de ausencia prolongada.

Esta mensaxe difúndese a través de carteis colocados nos edificios municipais, instalacións do servizo de augas, e tamén mediante as redes sociais e páxinas webs dos concellos e da concesionaria.

O Concello de Muros convida a toda a cidadanía a sumarse a esta campaña e a colaborar activamente na protección dun recurso vital e cada vez máis escaso.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.espinaydelfin.com/a-auga-e-vida-aproveitaa/

https://obarbanza.gal/2025/09/muros-carnota-e-espina-delfin-lanzan-a-campana-a-auga-e-vida-aproveitaa-para-promover-un-consumo-responsabel/

https://www.facebook.com/obarbanza/posts/muros-carnota-e-espina-delf%C3%ADn-lanzan-a-campa%C3%B1a-a-auga-%C3%A9-vida-aprov%C3%A9itaa-para-pro/1380147064114927/

https://www.instagram.com/p/DOIjQaKCPuW/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2025/09/02/muros-carnota-lanzan-campana-consumo-agua-responsable-aplicarla-ano-soloverano/00031756815049745840447.htm

https://x.com/EspinayDelfin/status/1963168810686415298

Coincidindo con que o 18 de outubro se celebra o Día Mundial de protección da Natureza, unha efeméride que busca incentivar no mundo a responsabilidade social que temos de protexer e coidar o medio ambiente, o día 17 de outubro organizouse a actividade de concienciación ambiental en colaboración co colectivo ecoloxista Noia Limpa.

Esta actividade realizouse en coordinación coa Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro, e tivo lugar na zona do porto de Muros, posto que a concentración de lixo é maior e, ademais, pretendíase facer partícipe ao sector pesqueiro.

A actuación deseñouse como acción de sensibilización e toma de conciencia da necesidade de reducir a presenza e impacto do lixo na zona costeira. Realizouse na zona do peirao para facer unha recollida de lixo, e, ao tempo, instalouse unha caixa-cinceiro na zona da lonxa de Muros, en colaboración coa Confraría e do colectivo Noia Limpa.

Co obxectivo de reducir a contaminación por cabichas nas zonas anexas á lonxa de Muros, instalouse un cinceiro de votación, fomentando a implicación dos mariscadores e mariscadoras na conservación do seu entorno.

Chamados colectores de votación (Ballot Bins), os cinceiros son dispositivos deseñados para captar a atención di público e fomentar unha disposición responsable das cabichas, evitando que acaben no chan e, en consecuencia, no mar. Funcionan como unha ferramenta de participación, onde as persoas poden expresar a súa opinión votando cunha cabicha, depositándoa nunha das dúas ranuras correspondentes a distintas opcións dunha pregunta.

Os cinceiros de votación destacan polos seus cores rechamantes e polas súas preguntas entretidas, converténdose nunha solución atractiva para fomentar unha eliminación responsable das cabichas.
A actividade foi deseñada con Noia Limpa promovendo boas prácticas ambientais no sector marisqueiro e sensibilizando sobre o problema das cabichas, un dos residuos máis habituais e contaminantes, con graves impactos no ecosistema mariño.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.quepasanacosta.gal/articulo/muros/muros-protagoniza-comezo-da-campana-cadacabichaconta/20251015074803167794.html

https://www.facebook.com/adisbismur/posts/%EF%B8%8F-cada-cabicha-conta-o-pasado-17-de-outubro-acheg%C3%A1monos-ata-a-lonxa-de-muros-par/1128075639528546/

https://www.instagram.com/p/DPyo2LfjET1/

https://www.instagram.com/p/DQq_PVliOEC/

https://www.elcorreogallego.es/barbanza-muros-noia/2025/11/12/prefieres-convierten-macro-cenicero-urna-123637942.html

CAMPAÑA “GOZA DA PRAIA SEN DEIXAR PEGADA” 2025

A fundación e a Agrupación de Marisqueo a pé da Confraría de Pescadores de Muros presentaron no paseo da Praia do Castelo de Muros a campaña «Goza da praia sen deixar pegada», que se desenvolve en colaboración co Concello de Muros.

A iniciativa ten como obxectivo mostrar ás persoas usuarias das praias diferentes aspectos relacionados coa actividade marisqueira nos areais, boas prácticas no seu desfrute e distintos consellos que axuden a respectar estes ecosistemas e as especies que habitan neles, co fin de evitar alteracións que poidan afectar tanto ao seu equilibrio como ao propio medio de vida destas traballadoras do mar.

O colectivo de mariscadoras de Muros encargouse da difusión das boas prácticas a pé praia, entregando aos turistas cinceiros portátiles, para evitar que se enterren ou se deixen cabichas sobre a area, e bolsas reutilizables coa mensaxe da campaña, animando a recoller lixos mariños durante os paseos de lecer polo areal.

Paralelamente á campaña informativa, instalouse na contorna da Praia do Castelo unha exposición con tótems informativos sobre a práctica marisqueira, o valor da biodiversidade e distintos consellos e boas prácticas sobre o uso recreativo dos areais. A exposición estivo en Muros, do 18 de xullo ao 28 de setembro.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://plancton.afundacion.org/gl/evento/a-confraria-de-pescadores-de-muros-e-afundacion-convidan-a-gozar-da-praia-sen-deixar-pegada/

https://plancton.afundacion.org/evento/la-cofradia-depescadores-de-muros-y-afundacion-invitan-a-disfrutarde-la-playa-sin-dejar-huella/

https://www.afundacion.org/ga/agenda/evento/disfruta-de-la-playa-sin-dejar-huella

https://obarbanza.gal/2025/07/a-campana-deconcienciacion-goza-da-praia-sen-deixar-pegada-volvea-muros-con-afundacion/

https://www.quepasanacosta.gal/articulo/muros/campana-muros/20250719091717165627.html

https://www.facebook.com/Afundacion/posts/haipr%C3%A1cticas-moi-sinxelas-de-facer-nas-nosasvacaci%C3%B3ns-que-repercutendirectame/1141354164694161/

https://mlibr.es/news/a-confraria-de-pescadores-demuros-e-afundacion-convidan-a-respectar-a-riquezaambiental-e-paisaxisticas-das-praias?uid=213492

A iniciativa, promovida pola Mancomunidade Serra do Barbanza, da que forma parte o
Concello de Muros, en colaboración con Ecoembes, busca concienciar á cidadanía sobre a correcta separación de residuos coa incorporación dun novo contedor gris, tamén coñecido como contedor de resto.

Este colector está destinado a residuos que non sexan envases nin teñan un sistema específico de recollida no municipio, como produtos hixiénicos usados, máscaras, cueiros, xoguetes rotos, cristais, vaixelas, cubertos ou obxectos de plástico e metal non reciclables. 

A campaña baséase na educación á veciñanza nun novo sistema de recolección de residuos sólidos urbanos na orixe para mellorar a xestión dos mesmos, para isto leváronse a cabo varias accións como percorridos a pé nos que se informa sobre o novo sistema e a importancia da reciclaxe en orixe, a instalación de postos informativos e o reparto de trípticos aclarando como realizar a correcta separación (que inclúen un código QR que leva a unha páxina de Ecoembes na que se explica en detalle o que vai en cada colector) e imáns para a neveira.

Con esta iniciativa preténdese concienciar á veciñanza sobre a correcta separación de residuos, para mellorar a reciclaxe nos fogares e reducir a mala utilización dos colectores do lixo,.
Realizáronse 11 visitas entre febreiro e xuño de 2025, con labores de difusión, educación e concienciación, as actividades realizáronse nas parroquias de Muros e Esteiro, cunha gran aceptación por parte da veciñanza.

O Concello de Muros, en colaboración con XEA (Xestión Ética do Abandono), que é a empresa que ten contratada o Concello de Muros para a xestión e coidado dos animais que aparecen abandonados no noso municipio, levou a a cabo nos centros educativos do municipio unha serie de charlas de concienciación sobre o coidado responsable de animais de compañía.

As charlas foron impartidas por persoal de XEA e con ela tratouse de concienciar sobre a problemática do abandono e sobre o coidado responsable dos animais de compañía. Ao longo da intervención falouse de temas como:

  • A relación entre o home e os animais desde a antigüidade.

  • Que fan e fixeron historicamente os cans polos homes: cans policía, cans lazarillo, detectores de explosivos, cans de rescate, etc.

  • Que lles facemos ás veces os humanos aos cans: abandono, maltrato, falta de atención…

  • A formas correctas de ter un animal e os coidados que precisan.

  • Que fan os concellos para xestionar o problema do abandono e solucionalo.

Finalmente, mostráronse algúns dos seus cans para que o alumnado poida velos, coñecer as súas historias e interaccionar con eles.

As charlas tiveron lugar nos seguintes centros educativos:

08/04/2025: IES As Insuas

09/04/2025: EEI de Muros

09/04//2025: IES Fontexería

05/05/2025: CEIP Ramón de Artaza

05/05//2025: CEIP Ricardo Tobío

O obxectivo é lograr o abandono cero de animais de compañía, evitar o maltrato dos mesmos… Os animais abandonados poden danar a fauna silvestre, causan sucidade (non hai quen recolla as deposicións)… podendo causar danos ao medio e perda de biodiversidade, polo que evitando o abandono evitariamos estes problemas.

https://www.facebook.com/100067977480648/videos/-remata-a-semana-cultural-do-ies-as-insuas-e-desde-o-concello-de-muros-queremos-/1460780961557827/

O Concello de Muros continúa no ano 2025 coa inclusión das 21 praias do municipio que están recollidas no censo oficial de zonas de baño na “Rede galega de praias sen fume”, acadando así a Categoría Ouro, por ter declarado todos os seus areais como “praias sen fume”.

Os obxectivos de participar nesta rede son:

• Promover unha vida sen tabaco.
• Desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade
• Reforzar o papel modélico positivo das familias
• Promover praias que respecten e coiden o medio ambiente

Coa participación a Rede galega de praias sen fume colaboramos co fomento de hábitos de vida saudables, que neste caso, ademais, ten un impacto positivo sobre o medio ambiente.
Ademais, na Ordenanza reguladora das praias do Concello de Muros incluíuse a prohibición de fumar en tódalas praias do concello.

Para promover esta campaña, nas praias hai cartelaría e bandeiras de “Praias sen fume”, así como se reparten folletos e carteis sobre a campaña.

Para máis información sobre praias sen fume (SERGAS):

https://www.sergas.es/Saude-publica/Praias-sen-fume

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/muros/2025/08/25/muros-lidera-galicia-playas-libres-tabaco-21-declaradas/0003_202508B25C1991.htm

https://www.elcorreogallego.es/barbanza-muros-noia/2025/03/28/o-concello-muros-amplia-as-115796557.html

https://obarbanza.gal/2025/03/muros-activa-unha-nova-ordenanza-de-praias-para-mellorar-a-saude-das-persoas-e-a-integridade-do-medio-natural/

https://www.facebook.com/100067977480648/posts/%EF%B8%8F-o-concello-de-muros-conta-cunha-nova-ordenanza-de-praias-para-mellorar-a-sa%C3%BAde/1004994821776425/

https://obarbanza.gal/2025/07/boiro-rianxo-noia-e-muros-recollen-a-acreditacion-ouro-na-rede-galega-de-praias-sen-fume/

Trátase dunha serie de actividades a realizar no concello de Muros, coas que se pretende dar a coñecer a problemática das especies exóticas invasoras entre a veciñanza do municipio e sectores concretos da poboación, así como realizar un mapeo das especies invasoras do citado concello coa finalidade de promover accións encamiñadas ao control e eliminación das mesmas.

Para dar a coñecer a problemática das Especies Exóticas Invasoras (EEI) no ámbito municipal do Concello de Muros, á cidadanía en xeral e aos sectores específicos en particular, realizáronse:
Visita de recoñecemento: visita de recoñecemento do estado dos espazos xa intervidos por ADEGA para avaliar a situación actual e recoller datos e recursos para as posteriores charlas. 

• Charlas e exposición: ADEGA conta cunha exposición itinerante de 10 paneis na que se presenta a problemática das invasoras e as súas consecuencias ambientais e económicas, e que podemos facer as persoas para contribuír nas solucións. A mostra instalouse nos tres centros educativos de primaria do municipio e acompañouse dunha visita guiada pola mesma.

• Formación: Curso de formación teórico-práctico para o persoal do concello que teñan relación ou competencia coa xestión das especies invasoras, persoal técnico de medio ambiente e infraestruturas, xardíns etc. Realizouse o 26 de novembro de 2025.

• Inventario de especies invasoras: Coa finalidade de divulgar, pero tamén de ir facendo un inventario continuo das especies exóticas invasoras do concello de Muros, propoñemos a realización de dúas saídas para inventariar as invasoras do termo municipal. O mapeo de invasoras axudará a ter unha imaxe da situación e así poder trazar un plan para a súa posterior eliminación.

• Eliminación: Para contribuír a solucionar o problema, propoñemos a organización de 3 xornadas de voluntariado ambiental para o control e eliminación de EEI. As actuacións desenvolveranse prioritariamente en Espazos Naturais Protexidos e sobre especies prioritarias ou naqueles lugares que as especies invasoras estean a prexudicar algunha especie ameazada e/o endémica.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://adega.gal/axenda.php?id=1326&sec=210

https://www.facebook.com/ADEGAgz/posts/-onte-continuamos-cos-traballos-de-eliminaci%C3%B3n-de-especies-invasoras-no-concello/1160183769475563/

https://www.instagram.com/p/DLAD0VHNYYR/

https://obarbanza.gal/2025/07/a-praia-de-ancoradoiro-acolle-o-19-de-xullo-unha-xornada-de-eliminacion-de-invasoras/

https://www.facebook.com/100067977480648/posts/nova-data-para-a-xornada-de-eliminaci%C3%B3n-de-invasoras-en-muros-s%C3%A1bado-19-de-xullo/1078617577747482/

https://obarbanza.gal/2025/06/o-ceip-de-louro-participou-nunha-xornada-de-identificacion-de-especies-invasoras/

https://www.facebook.com/ADEGAgz/posts/nova-data-para-a-xornada-de-eliminaci%C3%B3n-de-invasoras-en-muros-s%C3%A1bado-19-de-xullo/1141841077976499/

Este taller sobre a actividade marisqueira e o coidado do medio mariño estivo dirixido a nenas e nenos usuarios dos campamento de conciliación de verán organizados polo Concello de Muros.

A actuación forma parte das accións dirixidas á sensibilización e coñecemento da actividade extractiva e da súa conexión coa Aula Sostible dos Outeiriños. Partir da importancia que ten no territorio o marisqueo é tomar conciencia da necesidade de preservar o medio mariño, de limpar os areais de restos de plásticos e, xunto cos envases de uso doméstico, transformalos en novas pezas e útiles funcionais para a actividade pesqueira.

Esta actividade contou coa colaboración da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros Noia, quen se encargou de guiar a actividade.

Organizáronse dúas sesións de traballo, unha primeira, dirixida á rapazada do campamento de conciliación do centro Agro Vello en Tal, o venres 8 de agosto e outra que se realizou o luns 11 de agosto en Anido (Serres), coas crianzas do campamento de verán que tivo lugar no CEIP Ramón de Artaza e Malvárez.

A actividade de Tal comezou no centro de Agro Vello, onde se lle explicou á cativada o plan da sesión de traballo, cunha charla sobre a importancia de coidar o medio mariño e de como aplicar certos cambios de consumo, como a redución de plásticos, a reutilización e a reciclaxe. A continuación baixaron á praia de cabanas a facer unha limpeza e a coñecer o traballo das mariscadoras.

A actividade de Serres tivo lugar no punto de control de marisqueo da Confraría de Muros, na praia de Anido. Comezouse a actividade coa presentación das mariscadoras que fixeron referencia á importancia que adquire a actividade mariscadora, en que considte o traballo, que ferramentas e aparellos empregan e como se protexen do mar e do frío. Logo, o grupo baixou ata o areal e alí puideron coñecer de primeira man as grandes dificultades do seu traballo, pero tamén o lado positivo de ter un traballo en contacto co aire libre. Puideron ver como as mariscadoras entraban na auga a coller ameixa e berberecho e lles ensinaron a diferenciar unhas especies de outras. Esta actividade permitiu coñecer de cerca a actividade extractiva de marisqueo. Posteriormente levouse a cabo unha recollida de plásticos de envoltorios dos alimentos que as crianzas levabannas súas mochilas para a merenda, enchendo o capacho que levaban e sacaron as súas conclusións respecto do exceso de plásticos de moitos dos alimentos e produtos que consumimos a diario.

Ao final da actividade entregouse aos nenos e nenas un tríptico con información do proxecto Aula Sostible dos Outeiriños e da Aula Sostible do freixo, acompañada dunha explicación dos dous proxectos (actividades realizadas, entidades socias participantes e obxectivos das iniciativas). Ademais, agasallouse aos participantes cunhas pezas que a Asociación Misela deseña no taller de transformación de plásticos, neste case agullas de coser redes e trompos.

O Concello de Muros realizou un pequeno vídeo da actividade que se compartiu desde as redes sociais municipais.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.facebook.com/reel/2008232373319999

https://www.facebook.com/100067977480648/videos/-os-campamentos-de-ver%C3%A1n-te%C3%B1en-un-obxectivo-claro-facilitar-a-conciliaci%C3%B3n-das-f/2008232373319999/

https://www.facebook.com/galpcostasostible/posts/traballamos-coa-nosa-mocidadeaqu%C3%AD-temos-unhas-imaxes-dos-campamentos-de-ver%C3%A1n-qu/1326654162804158/

Esta actividade desenvolveuse de forma práctica, e estivo centrada nas prácticas respectuosas co coidado do medio, a natureza e os residuos. Tratouse de ver como mudou a nosa vida, que tipo de consumo facíamos antes e o que se fai agora.

A actividade contou coa colaboración da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros Noia, e tivo lugar no centro de día de Muros o día 11 de xullo de 2025.

As persoas usuarias do centro de día participantes, organizadas arredor dunha mesa, escoitaron con moito interese a presentación que fixeron as mariscadoras sobre o proxecto da Aula sostible dos Outeiriños e a experiencia da Aula sostible do Freixo, comezando polo seu traballo no sector pesqueiro e os problemas que ten para o entorno a contaminación do mar e da costa. Os efectos que ten no seu traballo a presenza de lixo e restos de plásticos no mar derivada dun consumo extensivo de plásticos e da escasa capacidade de xestionar o lixo xerado.

Preservar e coidar o entorno é responsabilidade de todas as persoas, reducir o seu consumo ou darlle un novo uso aos produtos foi outro tema dos que se falou. As persoas usuarias do centro de día foron contando e compartindo as súas experiencias e forma de actuar cando eran novas. Falaron de cando o mar tiña berberechos a moreas, de como eran as dinámicas de troque, conservación dos alimentos, o transporte, o mobiliario, as prendas de roupa… unha época na que o plástico non estaba presente nas nosas vidas. As anécdotas que compartiron foron moitas, os recordos da infancia e da mocidade.

Tamén se realizou unha exposición sobre determinados produtos cos que se está a traballar desde a Aula sostible do Freixo, mesmo algunha usuaria coñecía o proxecto. Puideron ver varias pezas: perchas, botóns, peites, macetas, pratos… Gustoulles especialmente as agullas para coser redes (algún dos usuarios de centro se dedicara a coser redes e traballar no mar, outra ao marisco e outro usuario traballara na recollida de lixo no camión).

Este taller sobre prácticas respectuosas co medio estivo dirixido a persoas usuarias do centro de día de Muros e a actuación forma parte das actividade de dinamización ambiental e educativa da Aula Sostible dos Outeiriños. 

O Concello de Muros realizou unha pequena reportaxe da actividade que se compartiu desde as redes sociais municipais.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.facebook.com/100067977480648/posts/-proxecto-dos-outeiri%C3%B1os-dentro-do-proxecto-da-aula-sostible-dos-outeiri%C3%B1os-o-ce/1086313843644522/

“TARUGOTÓN” é un proxecto levado a cabo polas organizacións ADEGA, LIMPIAROUSA, SURFRIDER ESPAÑA e PROXECTOAMARTE, coa colaboración do Concello de Muros (no caso das praias de Muros), entre outros.

Esta campaña tivo como obxectivo principal eliminar parte dos residuos que están nas praias así como dar unha chamada de atención sobre a problemática do lixo mariño.

Este proxecto consistiu na retirada de tarugos (paus de batea ) das praias do litoral galego, de xeito simbólico durante unha hora para dar visibilidade á problemática que supón o aumento dos mesmos nos últimos anos. Neste caso, no concello de Muros, a retirada fíxose nas praias de Area Maior e o Ancoradoiro co fin de coidar e conservar o medio mariño.

A actividade realizouse o día 1 de febreiro en dúas quendas de unha hora cada quenda, unha na praia do Ancoradoiro na que participaron 4 persoas e se recolleron 150 tarugos e outra en Area Maior, na que se recolleron uns 48 tarugos e participaron 4 persoas.

O impacto foi notable xa que a retirada dos mesmos foi moi efectiva deixando as praias de Area Maior e Ancoradoiro libres de tarugos no prazo de unha hora, ademáis do impacto paisaxistico positivo tamén tivo relevancia na concienciación da problemática, dandolle visibilidade e educando para a conservación da vida mariña.

O chamamento a participación fíxose a través de prensa, cartelería e redes sociais conseguindo a recollida de case 200 tarugos nunha hora.

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.adega.gal/axenda.php?id=1272&idioma=gl&sec=210

https://www.instagram.com/p/DFh_OnysRYW/

https://www.facebook.com/photo/?fbid=1009612927865982&set=a.462604412566839

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/2025/01/29/tarugoton-batida-playas-galicia-recoger-palillos-bateas/00031738150294723524899.htm

https://ptprotecma.es/evento/tarugoton-i-recollida-simultanea-de-paus-de-batea-en-galiza/

https://www.facebook.com/ADEGAgz/posts/praia-deancoradoiro-150-paus-de-batea-recollidospraia-de-area-maior-48%EF%B8%8Fvelaqu%C3%AD-/1020982593395682/

O Concello de Muros colabora un ano máis coa asociación ecoloxista Adega que organiza a XIV Limpeza simultánea de praias que terá lugar en toda Galicia os días 17 e 20 de outubro (para centros educativos) e o 19 de outubro (para asociacións e outras entidades).

Cada ano máis de 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións…), pero unha gran parte chega das nosas casas.

Con este tipo de accións, preténdese poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turista así como a importancia de conservar a nosas praias libres de lixo, evitando que acabe no mar. Trátase dunhas xornadas nas que voluntarios e voluntarias saen aos areais e ríos para recoller o lixo que ameaza a riqueza, o valor e a beleza dos nosos ecosistemas mariños. 

O obxectivo destas limpezas é eliminar parte dos residuos que están nas praias, así como dar unha chamada de atención sobre esta problemática.
As entidades participantes contan con asesoramento, material divulgativo, protocolo de limpeza e publicidade.

En Muros, realizouse esta actividade de voluntariado ambiental para centros educativos, realizándose as seguintes limpezas: CEIP de Louro, praias de Goday e Vieta (en Louro); CEIP Ramón de Artaza, praias de A Virxe e A Rocha (en Serres); IES As Insuas, praia de Bornalle (en Abelleira) e CEIP Ricardo Tobío, praia de Parameán (en Esteiro).

Enlaces de aparición en medios de comunicación, redes sociais, páxinas web, etc:

https://www.adega.gal/axenda.php?id=1340&sec=12

https://adega.gal/novas.php?id=1692&sec=9

https://adega.gal/novas.php?id=1696&sec=9

https://www.facebook.com/ADEGAgz/photos/xiv-limpezasimult%C3%A1nea-de-praias-%C3%BAnete-%C3%A1-mareaadega-convoca-un-ano-m%C3%A1is-alimpez/195297889297484/

https://www.facebook.com/ADEGAgz/posts/adega-impulsacerca-de-40-limpezas-simult%C3%A1neas-de-praias-estafin-de-semana-en-t/1232734495553823/

https://www.instagram.com/p/DQRXrb_jEjv/

https://www.elcorreogallego.es/concellos/2025/10/18/alumnos-bergantinos-muros-noia-frente-122751668.html

https://obarbanza.gal/2025/10/adega-impulsa-preto-de-40-limpezas-simultaneas-de-praias-coa-participacion-de-o-sonmuros-a-pobra-e-ribeira/

https://www.quepasanacosta.gal/articulo/costa-damorte/12-entidades-da-costa-da-morte-participan-limpeza

Actividades | 2024

O Concello de Muros presentou o 5 de xuño o seu novo “Programa de compostaxe doméstica”, co fin de divulgar a compostaxe caseira como método de tratamento dos residuos orgánicos sen necesidade de transporte. Trátase dunha iniciativa destinada a impulsar a reciclaxe nos fogares, coa reutilización da materia orgánica para utilizala como fertilizante en hortas e xardíns, xerando importantes beneficios ambientais.

A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar (restos de comida, podas…) para obter compost, que despois se pode aproveitar como fertilizante.

Neste programa, o concello repartirá 20 composteiros. Para participar no programa a veciñanza interesada debe inscribirse na Axencia local de sostibilidade do Concello de Muros, unha vez alcanzado o número máximo de composteiros a repartir, realizarase unha actividade de educación ambiental impartida por ADEGA que consiste na explicación de como como se debe compostar: localización do composteiro, material que se pode botar no mesmos, problemas que poden xurdir, solucións…. Na que se fará entrega dos composteiros, ademais de entregar a cada participante un tríptico do programa e un manual de compostaxe aportado por Adega. Cada participante no programa deben asinar un SOLICITUDE DE PARTICIPACIÓN NA “CAMPAÑA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA” do Concello de Muros.

Máis información sobre compostaxe (ADEGA):

https://www.adega.gal/web/info.php?id=23&idioma=gl&sec=99

O Concello de Muros colabora un ano máis coa asociación ecoloxista Adega que organiza a XIII Limpeza simultánea de praias que terá lugar en toda Galicia os días 25 de outubro (para centros educativos) e o 26 e 27 de outubro (para asociacións e outras entidades).

Cada ano máis de 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións…), pero unha gran parte chega das nosas casas.

Con este tipo de accións, preténdese poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turista así como a importancia de conservar a nosas praias libres de lixo, evitando que acabe no mar.

O obxectivo destas limpezas é eliminar parte dos residuos que están nas praias, así como dar unha chamada de atención sobre esta problemática.

As entidades participantes contarán con asesoramento, material divulgativo, protocolo de limpeza e publicidade.

En Muros, realizouse esta actividade de voluntariado ambiental para público en xeral na praia de Medrón. En canto a centros educativos, a EEI de Muros participou na limpeza da praia do Castelo, o CEIP Ramón de Artaza colaborou na limpeza das praias de A Rocha e A Virxe e o CEIP Ricardo Tobío fixo a limpeza da praia de Parameán.

Máis información (ADEGA):
https://adega.gal/axenda.php?id=1225&idioma=gl&sec=12

O Concello de Muros ofrece, a centros educativos e outras entidades, visitas guiadas á Zona de Especial Conservación (ZEC) “Monte e lagoa de Louro”, que é o espazo natural más importante do litoral do municipio de Muros, tanto polos seus valores ecolóxicos como polos paisaxísticos. Trátase dun complexo litoral que presenta unha gran diversidade de ecosistemas e hábitats de gran valor ao coincidir zonas tan diversas como montes e cantís litorais, praias y dunas, lagoa, mariña, bosque de ribeira, etc. Conta coas seguintes figuras de protección: Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na Rede Natura 2000, Zona de Especial Conservación (ZEC).

Os itinerarios fanse coa finalidade de divulgar e e poñer en valor a zona pertencente á Rede Natura 2000 que hai no noso municipio, así como, de aproximarnos ao entorno e aprender a valoralo, potenciando nos individuos as capacidades como a observación, análise, investigación, toma de conciencia da problemática ambiental, fomentando as actitudes e valores críticos e respectuosos co medio ambiente.

Proponse a realización de dous percorridos pola zona, que serían:

  • Ruta da costa: explicación sobre a importancia do ecosistema dunar, tipos de dunas, adaptacións da flora dunar..
  •  Ruta do Monte Louro: explicación sobre aspectos xeolóxicos, fauna, flora, patrimonio oral asociado ao enclave,…

Cada un destes roteiros está organizado de xeito que, a medida que se vai facendo o percorrido, se poida recoñecer a paisaxe, flora e fauna máis relevante, así como algunhas curiosidades e lendas.

Máis información sobre o ZEC “Monte e lagoa de Louro” (XUNTA DE GALICIA):
https://medioambiente.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Espazos_protexidos/seccion.html&sub=Rede_natura_2000/&ui=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Dinamico/Lic/lic_0034.html

O Concello de Muros incluíu no ano 2024 as 21 praias do municipio que están recollidas no censo oficial de zonas de baño na “Rede galega de praias sen fume”, acadando así a Categoría Ouro, por ter declarado todos os seus areais como “praias sen fume”.

Os obxectivos de participar nesta rede son.

  • Promover unha vida sen tabaco.
  • Desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade
  • Reforzar o papel modélico positivo das familias
  • Promover praias que respecten e coiden o medio ambiente

Coa participación a Rede galega de praias sen fume colaboramos co fomento de hábitos de vida saudables, que neste caso, ademais, ten un impacto positivo sobre o medio ambiente.

Para máis información sobre praias sen fume (SERGAS):
https://www.sergas.es/Saude-publica/Praias-sen-fume

Muros consciente é unha campaña de formación, concienciación e fomento dunha economía circular e uns hábitos de vida sustentables.

Esta iniciativa naceu o ano 2023 como unha campaña para concienciar sobre a necesidade dun consumo sostible, ademais de apoiar ao comercio local a loitar contra as prácticas consumistas desta época nas grandes superficies. Este ano, a campaña céntrase en formar e concienciar nos valores da economía circular.

Así pois, Muros é de novo este mes de novembro un concello concienciado coa importancia de impulsar o consumo responsable e a economía local, sostible e de proximidade.

A campaña, promovida polo Concello de Muros coa dirección creativa do Espazo a Maceta, céntrase este ano nas estratexias de economía circular, enfocadas na xestión e redución de residuos na hostalaría local.

“Muros Consciente” involucra a todo o Concello, levando a cabo actividades como un museo en baixos sen alugar; obradoiros nos centros educativos e coa hostalaría; roteiros pola vila; actividades de lecer como o ioga; presentacións de proxectos inspiradores e unha gala que terá lugar o vindeiro 29 de novembro onde se reunirán varias asociacións para celebrar os beneficios que traen ao pobo co seu traballo.

Máis información:

Muros consciente

Espina & Delfín e o Concello de Muros fomentan o consumo responsable de auga coa campaña “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca da época estival.

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e en redes sociais.

Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

 Tamén hai que ter precaución con actividades típicas deste época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.

Máis información (Espina&Delfín):
https://www.espinaydelfin.com/espina-delfin-fomenta-o-consumo-responsable-de-auga/?lang=gl

Comezamos o novo curso 2024-2025  e o Concello de Muros en colaboración con ADEGA ( Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) oferta os obradoiros pertencentes ao programa de educación ambiental “O lixo desde o teu Concello” que se leva a cabo nos concellos que pertencen a Mancomunidade da Serra do Barbanza.

Contan cun amplo abanico de obradoiros que poden impartirse dende os máis pequenos ate persoas adultas. Este ano inclúen como novidade un obradoiro sobre a auga, no que abordarán os diferentes temas de residuos que rematan nos nosos sumidoiros.

Os obradoiros que se poden solicitar son:

  1. Ecoauditoría de residuos.
  2. Reciclaxe de papel.
  3. Fabricación con residuos.
  4. Substituíndo tóxicos no fogar.
  5. Xogos do lixo.
  6. Análise da bolsa do lixo.
  7. Construción dun composteiro.
  8. Compostaxe.
  9. Residuos e consumo.
  10. Ambientalización de festas.
  11. Residuos na auga.
  12. Visitas á planta de Lousame.

Poden solicitar os distintos obradoiros directamente con ADEGA (co contacto que lles aparece no folleto que se xunta ) ou a través do Concello de Muros.

Mais información (ADEGA):

https://adega.gal/web/info.php?id=43&idioma=gl&sec=99