Aberto o prazo para solicitar as subvencións deportivas do Concello de Muros no ano 2026

O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas a clubs deportivos e entidades sen ánimo de lucro do municipio para o desenvolvemento da súa actividade deportiva durante o ano 2026.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar a participación dos clubs deportivos en competicións oficiais federadas de ámbito local, provincial e autonómico, así como a realización de actividades de fomento da actividade física e do deporte no Concello de Muros.

Poderán solicitar estas subvencións os clubs deportivos sen ánimo de lucro con sede no Concello de Muros que conten con equipos ou deportistas participantes en competicións oficiais federadas, así como as entidades sen ánimo de lucro do municipio que desenvolvan actividades de promoción da actividade física e deportiva.

O importe total destinado á convocatoria ascende a 21.000 euros. A contía máxima da subvención será de 3.000 euros por entidade, sen que poida superar o 80 % dos gastos subvencionables.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por medios telemáticos a través da sede electrónica do Concello de Muros.

Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.

BASES XERAIS
CONVOCATORIA
FORMULARIOS