Aberto o prazo para solicitar as subvencións ás ANPAs para actividades de apoio educativo no ano 2026

O Concello de Muros vén de convocar as subvencións dirixidas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnado (ANPA) dos centros públicos do municipio para a realización de actividades de apoio educativo durante o ano 2026.

O obxectivo desta liña de axudas é apoiar o desenvolvemento de proxectos e actividades que contribúan á formación integral do alumnado e favorezan a conciliación da vida familiar e laboral.

Poderán solicitar estas subvencións as ANPAs dos centros de educación pública do Concello de Muros, legalmente constituídas e sen ánimo de lucro, que desenvolvan actividades educativas e de apoio ao alumnado no ámbito municipal.

A contía máxima da axuda será de 2.000 euros por proxecto, debendo a entidade beneficiaria achegar un mínimo do 10 % do custo total da actividade subvencionada.

O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto do 10/06/2026 ao 10/07/2026, ambos os dous incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante os modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica e na páxina web municipal.

Para máis información e acceso á documentación da convocatoria, as persoas interesadas poden consultar a sede electrónica e a páxina web do Concello de Muros.

Bases xerais

Convocatoria

Formularios