Entroido celebrarase entre o 4 e o 21 de febreiro con actividades en distintas parroquias do concello
O concurso de comparsas repartirá máis de 3.500 euros en premios e haberá festa de Entroido baixo carpa con DJ
A concellería de Cultura do Concello de Muros presentou o programa do Entroido 2026, unha ampla e diversa proposta de actividades que se desenvolverán entre os días 4 e 21 de febreiro en diferentes puntos do municipio, coa colaboración de asociacións culturais, ANPAS e colectivos veciñais.
O programa inclúe obradoiros, contacontos, festas infantís de disfraces, música, festas populares e actos tradicionais, e ten como citas destacadas o desfile e concurso de comparsas de Muros, que repartirá máis de 3.500 euros en premios, así como a festa nocturna de Entroido baixo carpa con DJ, que se celebrará no Curro da Praza. Dúas propostas que reforzan o carácter festivo do Entroido e consolidan Muros como un referente comarcal desta celebración.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, sinalou que “o Entroido é unha das festas máis participativas e esperadas do ano, e este programa busca implicar a toda a veciñanza, chegando a distintas parroquias e apostando tanto polo público infantil como polo adulto”. González Cerviño destacou tamén que “o concurso de comparsas e as festas son dous momentos clave do Entroido en Muros, pensados para dinamizar e favorecer a convivencia arredor da cultura e da tradición”.
Programa do Entroido 2026
Mércores, 4 de febreiro
18:00 h · Obradoiro de máscaras de Entroido
Axencia de Lectura de Esteiro
Mércores, 11 de febreiro
18:00 h · Contacontos Flipa cos contos, con Fran Campos
Axencia de Lectura de Esteiro
Venres, 13 de febreiro
18:00 h · Festa infantil de disfraces
Centro de Sorribos (Abelleira)
Colabora: AC Ponte Vella
Sábado, 14 de febreiro
17:00 h · Entroido Esteirán
Saída da rotonda de Creo e, ao remate, chocolate con churros na Alameda de Esteiro
Organiza: AC O Xeito
23:00 h · Festa de Entroido con DJ baixo carpa
Curro da Praza (Muros)
Domingo, 15 de febreiro
17:00 h · Desfile e concurso de comparsas de Muros
Saída dende a Virxe do Camiño e chegada ao Curro da Praza
Actuación: La Maquinaria Band
Luns, 16 de febreiro
17:00 h · Festa infantil de disfraces
Pavillón As Insuas (Serres)
Colabora: ANPA Valdexería
17:00 h · Festa infantil de disfraces
Pavillón Xosé Lago (Esteiro)
Colabora: ANPA Ricardo Tobío
Martes, 17 de febreiro
17:00 h · Festa infantil de disfraces
Centro Social de Louro
Colabora: ANPA Louro e SC Monte Louro
Mércores, 18 de febreiro
17:00 h · Enterro do Facundo
Saída dende a Praza do Cristo e queima na praia do Castelo
Actuación: La Maquinaria Band
Venres, 20 de febreiro
17:00 h · Festa infantil de disfraces da biblioteca
Centro San Xosé (Muros)
Sábado, 21 de febreiro
17:00 h · Festa infantil de disfraces
Centro Agrovello (Tal)
Colabora: ACRD Cabanas