● A proposta combina monicreques, conto e burbullas nun espectáculo pensado para público infantil e familiar
● A función terá lugar este sábado, 7 de febreiro, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
A Concellería de Cultura do Concello de Muros continúa coa programación de artes escénicas coa chegada do espectáculo familiar El professor Bromera, da compañía catalá Cía. MeLaBuffa, que se representará este sábado, 7 de febreiro, ás 18:00 horas, no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
“El professor Bromera” é unha proposta de monicreques e burbullas dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos. Nun laboratorio cheo de luz e misterio, un científico entrañable convida a descubrir un mundo invisible onde a auga e o xabón crean formas sorprendentes. A través dun conto con voces e monicreques, o público participa nunha experiencia colectiva chea de imaxinación, xogo e poesía visual.
A concelleira de Cultura, Caridad González Cerviño, destacou que “El professor Bromera é un espectáculo pensado para compartir en familia, que combina diversión e creatividade cunha linguaxe visual moi coidada”. “Dende a Concellería seguimos apostando por achegar propostas de calidade ao público infantil e familiar, favorecendo o acceso á cultura desde as primeiras idades”, engadiu.
A función terá unha duración aproximada de 55 minutos e o prezo da entrada será de 3 euros.
Información práctica
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
Sábado, 7 de febreiro | 18:00 h
Entradas dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
