O sábado 31 de outubro, ás 20:30 horas, o Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acolle Tromsø, unha proposta da compañía galega Morraoconto que combina teatro, danza, proxeccións, máscaras e música en directo.
A obra parte da perda dun ser querido para emprender unha viaxe polos mares do norte na procura de respostas. Unha historia que transita entre a tristura e a esperanza e que aborda, en clave de humor, a vida, a morte e todo o que queda entre medias.
Escrita por Rafa Martínez e dirixida por el mesmo xunto a Esther Latorre, a peza conta co elenco formado por Miguel Gendre, Lara Pouso, Lidia Veiga, Julia Ammerman e Lucía Iglesias.
Tromsø recibiu sete nomeamentos na XXX edición dos Premios María Casares e dous galardóns: Mellor Iluminación e Mellor Espazo Escénico. O espectáculo, en lingua galega e cunha duración de 80 minutos, está dirixido ao público maior de 16 anos.
Sábado 31 de outubro
20:30 h
Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros
As entradas están á venda na billeteira electrónica municipal e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
