TEATRO | Xoves 7 – A Panadaría – “Elisa e Marcela” || Sábado 9 – La Quintana Teatro – “O Premio”

O concello de Muros inicia esta semana a súa programación teatral para a tempada 2021/22, no Centro Cultural e Xuvenil de Muros, con dous premiados espectáculos, “Elisa e Marcela”, de A Panadaría teatro e “O Premio”, de La Quintana teatro, os dous destinados a público adulto e coproducidos polo CDG.

A Panadaría – “Elisa e Marcela”

Día e hora: xoves 7 de outubro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – A Panadaría – “Elisa e Marcela”
Entradas: de balde, previa reserva

Programa: “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-22”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia

Ano 1901, A Coruña. Dúas mulleres casan na Igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo, protagonizada polas actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman

Este espectáculo foi multipremiado con galardóns a mellor espectáculo nos Premios María Casares 2018, e tamén mellor dirección, mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista nos mesmos premios. Premio Luísa Villalta para iniciativas culturais pola igualdade, entre outros.

La Quintana Teatro – “O Premio”

Día e hora: sábado 9 de outubro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – La Quintana Teatro – “O Premio”
Prezo da entrada: 3,50 euros

Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

“O Premio” é unha comedia aceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social fose tal, que se viron obrigadas a caer en “O Premio” como única fórmula de conseguir a felicidade. “O Premio” é un reallity en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”

Coma todas as montaxes da Quintana Teatro parte da investigación a pé de rúa e constrúese a través da creación colectiva. A compañía sempre está aberta aos estímulos externos co fin de que sirvan de inspiración para a creación de novas formas teatrais. Nesta ocasión os temas para explorar son a muller cosmopolita, a muller tradicional, o home perdido entre medias e á súa vez o prezo da felicidade.

Unha procura colectiva que enriquece o traballo actoral que nesta ocasión será compartido cos personaxes que aparezan na pantalla. A través de vídeos móstrase a vida dos protagonistas, xogando coa súa privacidade, levando ao límite a súa capacidade de exhibición, sacando á luz as súas miserias, os seus vicios e os seus segredos máis ocultos.

É un proxecto diferente e singular, tanto pola temática que aborda, como pola sorprendente posición na que se coloca ao público, xa que deberá votar quen debe gañar: Tres finais distintos en función dos espectadores

O espectáculo foi escrito por Santiago Cortegoso, dirixido por Marián Bañobre e protagonizado por Victoria Teijeiro, Raquel Espada/ Lidia Veiga e Xurxo Cortázar.

As entradas tén que ser reservadas previamente, ben nas oficinas do centro cultural de Muros ou no teléfono 981762294, de luns a venres, de 08:30 a 15:00 horas; e tamén poden solicitarse no correo electrónico cultura@muros.es, ou en Internet por medio do formulario de Google creado para cadansúa.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, quere agradecer a colaboración da Secretaría Xeral de Política lingüística e da AGADIC, da Xunta de Galicia, e anima a toda a veciñanza  a gozar destes magníficos espectáculos. Aproveitando para anunciar que a videira semana, o sábado 16, a compañía de EducaTeatro, co musical “o Camiño de Santiago”, ás seis da tarde, dará comezo á programación deste outono destinada a público familiar.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para obter datos estatísticos da navegación dos nosos usuarios e mellorar os nosos servizos. Se acepta ou continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información

The cookie settings on this website are set to "allow cookies" to give you the best browsing experience possible. If you continue to use this website without changing your cookie settings or you click "Accept" below then you are consenting to this.

Close