TEATRO | Sábado 6 – “BAILAR AGORA” chega ao Centro Cultural De Muros

O concello de Muros segue coa programación do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, co espectáculo, “Bailar Agora”, da compañía Marta Alonso Tejada. TrasPediante, que nos introduce en novembro, mes da música.

Día e hora: sábado 6 de novembro, ás 21:00 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Danza – Marta Alonso Tejada. Cía. Traspediante – “Bailar Agora”
Prezo da entrada: 3,50 euros

Programa: Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

Creación de Marta Alonso Tejada, Victoria P. Miranda e Pablo Reboleiro Rama. Dirección e Interpretación de Marta Alonso Tejada coa asistencia de movemento  de Sergio Perol. Unha coprodución de Marta Alonso Tejada co Centro Coreográfico Galego, Agadic, Xunta de Galicia.

“Bailar Agora” é unha sorte de imperativo cara unha posición  no presente social e persoal a través da danza. Un impulso por situarnos no tempo actual, no afecto e na emoción que estamos a compartir aquí e agora bailando.

“Bailar Agora é un espectáculo no que o ímpeto dos seus movementos carga as pilas. Conta a relación dunha bailarina coa danza agora, pero tamén a xenealoxía desa relación, as súas primeiras lembranzas cando era nena e cantaba e bailaba coa súa nai. O relato de Marta Alonso Tejada é unha historia da danza, que transita desde as orixes, ata os anos de academias e cursos incontables de ballet clásico. Os gags cómicos, cun punto circense e a simpatía que desprende Marta, o poderío da danza, cando o espazo lumínico e sonoro tamén danzan, sumado a esa asunción de liberdade de quen baila agora, contribúen a facer de Bailar agora un espectáculo reconfortante que xa acadou no presente ano tres premios María Casares, ademais dos recoñecementos da MIT de Ribadavia e o premio Dorotea Bárcena outorgado por FETEGA

Marta Alonso Tejada traballa no sector artístico desde o 2008, cando funda a compañía trasPediante. Desde o 2010 crea e co dirixe o Festival de danza e artes do corpo, corpo(a)terra. A súa traxectoria como creadora e intérprete é multidisciplinar e a súa actividade artística traza desde o inicio unha ida e unha volta constante cara á danza e ao movemento que no camiño se achega ao teatro físico, á interpretación e ao circo. A danza, o humor, e a proximidade co público xeran nas súas creacións unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena.

As entradas deben de ser reservadas previamente, ben nas oficinas do centro cultural de Muros ou no teléfono 981762294, de martes a venres, de 08:30 a 15:00 horas; e tamén poden solicitarse no correo electrónico cultura@muros.es, ou en Internet por medio do formulario de Google creado para a ocasión.

A concelleira de cultura de Muros, Mayka González, anima a toda a veciñanza  a pasar un excelente serán con este magnífico espectáculo, programado para público adulto e apto para tódolos públicos, co que o Concello de Muros quere contribuír á conmemoración de Santa Cecilia, patroa da música.